A Antoloxía Poética do Monte Pindo sobe o seu primeiro chanzo


A Asociación Monte Pindo Parque Natural vén de facer público un comunicado na súa páxina web para anunciar que xa se acadou a contía mínima que era precisa para editarmos a Antoloxía Poética do Monte Pindo, aínda que a iniciativa continúa aberta a aquelas achegas que se queiran sumar a este proxecto cultural na defensa do noso medio ambiente.
En momentos de desánimo político temos que coller azos facendo parte das iniciativas e proxectos que nacen no tecido asociativo. Por esta poderosa razón, reproduzo deseguida o devandito comunicado:
A Antoloxía Poética do Monte Pindo xa é unha realidade grazas a vós

Grazas!

A campaña para editar a Antoloxía Poética do Monte Pindo mediante a fórmula da subscrición popular só pode calificarse de completo e rotundísimo éxito, acadando en menos de dúas semanas os 1050 euros que aspirábamos a recadar en case dous meses.
Se non o conseguíamos nese prazo veríamonos na obriga de suspender o proxecto e reintegrar as achegas a todos os amigos e as amigas que colaboraran ata o momento. Pero nunca nos defraudastes, e esta vez non ía ser distinto.
A día de hoxe podemos anunciar aos nosos amigos e visitantes, e moi nomeadamente aos nosos 59 subscritores populares ata o momento, que a Antoloxía Poetica xa é unha realidade. Se este éxito foi posíbel é unica e exclusivamente grazas ao voso inmenso apoio desde o primeiro momento, que nos levou a batir un récord na plataforma Goteo.org, o que mereceu unha mensaxe de felicitación de Enric Senabre, resposnábel de proxectos e comunidade da plataforma:
Ha sido una campaña muy rápida, de las más veloces en llegar al mínimo, felicidades por vuestra comunidad!
Enric Senabre Fidalgo, cofundador de Goteo.org
Esta mesma semana, a Asociación Monte Pindo Parque Natural e os coordenadores da Antoloxía Poética do Monte Pindo, Francisco X. Fernández Naval e Miro Villar, poranse en contacto con Edicións Toxosoutos, que é a que se vai facer cargo da edición, para darlle a boa noticia. Estimamos que a obra estará rematada e lista para entregar a todos os colaboradores en xaneiro ou febreiro de 2013, dado que o proceso editorial é bastante longo e aínda queda moito por facer.
Non obstante, a Asociación Monte Pindo Parque Natural vai manter habilitada a campaña en Goteo.org, dado que aínda que o obxectivo xa estea acadado, é unha excelente forma de facerse cun exemplar a un custe moito máis económico do que terá nas librarías. Ademais o nome da persoa subscritora (ou quen esta desexe) aparecerá recollido na páxina de Agradecementos da obra.
Lembramos que as subscricións pódense facer ata o 19 de novembro aboando 10 euros por exemplar por estes medios:
Por tarxeta de crédito ou PayPal no noso espazo en Goteo.org
Por transferencia á conta da Asociación Monte Pindo Parque Natural:
2080-0025-43-3040001120 (Novagalicia Banco)
Grazas a todos e todas por converter este soño nunha realidade. Sodes incríbeis!

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía. Garda a ligazón permanente.