Roteiro PR-G 123 da Ponte do Ramo (Cuntis)


(Laxe dos Homes, en Cequeril. Fotografía de Sole, tirada de capítulo cero, o excelente blogue de Manuel Gago. Premer na foto para unha mellor apreciación dos petróglifos)
Máis unha vez, a amizade e a conversa cobraron vida nunha camiñada por terras do concello de Cuntis (Pontevedra), tamén coñecida como a Vila do Baño. Foi esta mañá de agosto caloroso, para aproveitarmos toda a fresca, de feito a calor só a sentimos cara ao final. Aló fun novamente co escritor (e aínda amigo) Xosé Manuel Lobato. Fixemos o denominado Roteiro da Ponte do Ramo (alén da páxina de Gago arriba indicada, neste outro blogue está moi ben explicado, malia falar erradamente de Ponte de Ramos), o PRG-123 (siglas que significan “Pequeño Recorrido en Galicia”), pensado para facer en dúas horas e media. E máis ou menos iso foi o que nos levou, malia termos un despiste que nos desviou, erro que foi meu, xa que o percorrido (de recente deseño, pois inaugurouse en outubro de 2009 e presentouse oficialmente un mes despois) está perfectamente sinalizado e homologado pola Federación Galega de Montañismo. No roteiro circular puidemos ollar muíños, os máis deles reconstruídos, á beira do río Umia, logo subimos cara ao lugar de Vilar de Mato, pisamos unha calzada medieval e outra encosta levounos cara ao conxunto dos petróglifos do Cequeril, abeiramos o propio lugar e baixamos de novo até a Ponte do Ramo. Os nosos parabéns á asociación veciñal O Portavezal polo deseño do roteiro e as explicacións ofrecidas nos paneis que se atopan no percorrido. Sen dúbida, habemos voltar! Velaquí un video da inauguración do roteiro elaborado pola entidade, no que fala sobre os petróglifos o profesor Ángel Núnez Sobrino.

As terras de Cuntis son ben queridas para min, xa que me aprace moito a obra de dous escritores cuntienses asasinados polo franquismo: Roberto Blanco Torres, do que preparei en 1998 unha edición do seu poemario Orballo da media noite e participei en moitos actos ao adicárselle o Día das Letras Galegas 1999, e Xohán Xesús González, lembrado desde O Fervedoiro e moi ben estudado polos amigos cuntienses Héitor Picallo Fuentes e Marcos Seixo Pastor, aínda que eu o coñecín no inesquecible poema de Méndez Ferrín incluído en Con pólvora e magnolias.
En Compostela pode un home
escoller óboe e docísimo cor ó contrapaso
decaer nos tremedoiros
(VIBRA, CORAZÓN GASTADO!)
tenra especie de prantas espirais
e añuca ou seixo de xogar antre os dedos.
Pode pedra luída
alzarte sobre sí coma un guerreiro
é proclamado rei de oucas e carballeiras vellas.
En Compostela pode un vento duro
estremecer o corazón da Europa campesiña
que todos temos dentro sen dicilo.
En Compostela soan polonesas,
nacionalmente, en moitos plenilunios
cabo de trasparentes ollos, mortos,
e un barroco de bronce ergue paxaros de duro mármore
e oubean os couselos
nas murallas de San Martiño Pinario.
En Compostela, enfin,
compañías de mortos compañeiros
comen caldo insumiso na lmebranza ilustrada
(VOTO POR VÓS: ROSALÍA, PONDAL, FARALDO)
das cabezas alzadas.
En Compostela está o que perdemos
e vai nacendo noutros e isto é o grande milagre
(UNHA LAPA LENE, UNHA CANDELEXA!)
da conciencia desta patria
conservada en pequenos corazóns
ardentes con fogo doce que non morre.
En Compostela soterraron a semente
chamada Xohán Xesús González, porta
dun futuro suntuoso e proletario
que avanza cara nós con alboroto
e vénme o arreguizo somentes de pensalo e de amalo.
En Compostela estamos
moitos xa para sempre derrotados.

Esta entrada foi publicada en Arte, Historia, Lendas e mitos, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Roteiro PR-G 123 da Ponte do Ramo (Cuntis)

  1. Pingback: As crebas » Roteiros literarios: Sobre os Poetry Tours (Washington, DC, New York e Chicago)

Os comentarios están pechados.