«28 de Xuño de 1936», un poema de Xervasio Paz Lestón

Estatuto-Castelao
Estatuto-Seoane
(Deseños pro-Estatuto de Castelao e de Seoane)
Diarios dixitais, como Praza Pública ou Sermos Galiza, ou a bitácora «O Almanaque das Irmandades» (en andamento grazas á coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), lembran na súa efeméride de hoxe que hai 80 anos, o 28 de xuño de 1936, foi plebiscitado o primeiro Estatuto de Autonomía de Galiza, de efémera existencia por mor do golpe fascista.
Na miña Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, publicada pola desaparecida Edicións do Castro en 1998, recuperei e exhumei un poema deste autor muxián emigrado de novo á Arxentina que fan referencia á data. O poema publicouse na revista Alborada, da ABC de Corcubión, Bos Aires, nº 163, maio a agosto de 1955, entidade e revista que aínda subsisten. E tamén coñecín o texto nun Manuscrito que me fornecera o chorado e finado doutor Juan Gervasio Paz Narbaiz, fillo do poeta, quen nos acompañara na presentación da mentada obra na compostelá Galería Sargadelos en xuño de 1999. Velaquí o poema:
28 de Xuño de 1936
Vinteoito de xuño, dia da Galiza.
No cívico hestorial da sagra Terra,
por séculos e séculos
serás data senlleira.
¡grabada a lume con ardor de pobo
na ruda afirmación de duas letras…!
O sol de San Xoan asomou ledo
bailando coa alborada unha muiñeira
sobre o chan da Galiza engalanada
con alfaias de cívicas arelas
dende os irtos bicoutos das montañas
aos praiales e rias das ribeiras.
Pol-as ruas de vilas e cidades
i as cañeiras sin lamas das aldeas,
cal si fose a cumprir sagrado rito,
con firme voluntade i alma acesa
marchou o pobo pra verter nas furnas
seus anseos de sigros feitos verba.
¡E falaron as xentes i a paisaxe
pra acabar coa inxusticia de Castela
recobrando os dereitos usurpados
dende a infamia da noite de A Frouseira.
En balbor rumoroso os piñeirales
i as mestas carballeiras
ergueron a sua voz, cal dixo o bardo
das sibilinas verbas,
e afirmaron seu ¡Sí! con rexo acento.
¡Sí! cantaron regatos e fontenlas.
¡Sí! bruaron os tombos escachando
dende a ponta Ortegal â de Fisterra.
¡Sí! dixeron trigos e centeos
ao bicalos a brisa vagaxeira
i o seu ¡Sí! farfallou alegre o millo
con acenos de follas e cencenas.
¡Sí! cantaron humildes nas camposas
as herbiñas pequenas,
as churumas dos toxos i as froriñas
de codesos e xestas.
As notas musicales dos paxaros
expresaron seu ¡Sí! nas arboredas
i o Pin Pin bailador dixo ese día:
¡Sí! ¡Sí!, rebulindo en son de festa.
¡Un rexo! ¡Sí! total o da paisaxe
i un ¡Sí!, coases total, das papeletas.
(Soio uns poucos ¡No! dos escravistas,
¡das almas sinuosas e perversas!).
(Dos que, treidoramente, entretecían
os fios criminales da traxedia
que había de afogar de infamia e morte
o chan todo da márter Celtiberia).
Y-o pobo celebrou seu mayor triunfo
locindo as galas das mellores festas,
que agochaba nas huchas seculares
dende a noite sinistra de A Frouseira.
¡Nos prazales de vilas e cidades
i os sinxelos terreiros das aldeas,
a xente festexou tola de gozo
a crebanza dos grillos e cadeas!
¡¡A reivindicación dos seus dereitos
pol-a Patria Galega!!

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Historia, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.