No 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (I)


(Fotografía de Rosalía de Castro divulgada por Ramón Torrado. Pertence á colección denominada “Juan Naya”, nome do que foi durante moitos anos arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega e que fora depositario de moitos documentos inéditos, alén de ser fillo da costureira da familia Castro-Murguía.
Fonte: Certo, Xornal Virtual da Barbanza)
Hoxe, 24 de febreiro, celebramos o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Moitas asociaciacións e entidades están a realizar unha chea de actos conmemorativos desta efeméride, sobranceando os organizados pola propia Fundación Rosalía de Castro e tamén os que alentou a nosa Asociación de Escritores/as en Lingua Galega.
Á luz dos datos biográficos sabemos que a nosa Poeta naceu nunha casa do Camiño Novo (na actualidade Avenida Rosalía de Castro) en Santiago de Compostela o 24 de febreiro. Era filla de María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, fidalga vida a menos, e do sacerdote José Martínez Viojo, e foi baptizada na capela do Grande Hospital Real (hoxe Hostal dos Reis Católicos).
No ano 2007 fun convidado pola poeta Helena Villar Janeiro, presidenta da Fundación Rosalía de Castro a participar no volume Poetas con Rosalía II, que se rematou de imprentar o 15 de xullo dese ano, no 122 aniversario do pasamento da autora. Neste volume inclúense poemas de Federico García Lorca, Avelino Abuín de Tembra, Marica Campo, o brasileiro Henrique Marques Samyn, Antía Otero, Chus Pato, Víctor Campio Pereira, Daniel Salgado, Marifé Santiago Bolaños, Xosé Vázquez Pintor e a quebequesa Nicole Brossard.
Pola miña banda acheguei dous sonetos de Equinoccio de primavera (Esquío, 1998) que teñen evidente intertextualidade coa nosa Poeta. No libro levan os títulos “Ecos (II)” e “Saudade (II), que desta volta mudei un pouco. Velaquí:
Bolboretas das poetas
Ana Istarú trouxeches, despois de Iris Zavala,
en flores de palabras, en flores de papel,
que rebentaron antes de acougaren no andel,
debuxando violetas nas paredes da sala.
E María Mariño, dinamitando a fala,
baixou dos taboleiros e abrazou o ronsel
dos versos novos, frescos coma irto caravel
ou delicado encaixe que se garda na tala.
Cos ecos do balbordo descendeu Rosalía
canda Xohana Torres no seu tempo de ría,
e logo Itxaro Borda, Marta Pesarrodona
e outras escritoras, con tal algarabía
que ocuparon os versos da miña poesía
ornando a súa tona de inmerecida sona.
Saudades
Moitos días na ponte do Sarela
vexo partir o río e sei que o Sar
trouxo a voz e a nostalxia do alto mar.
Algúns días eu son, en Compostela,
ese río a querer rachar a trela
que me amarra na pedra e desaugar
reverberando o sol crepuscular
coma se fose o vidro da xanela.
Tamén hai días cálidos, de area
nos pés, nos que contemplo que a marea
devala, regresando. Poderosa
debe ser a chamada que a convoca.
Tamén hai algúns días que me toca
ser marea que volve a ti saudosa.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía. Garda a ligazón permanente.