Poemas (XIV): No mar, de Gonzalo López Abente


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Malia tratarse dun único poema (case narrativo), as cen composicións de Bretemada de Gonzalo López Abente poden ser olladas como textos individuais.
Velaquí unha mostra do seu estro.
NO MAR
Negra barca, vaite apresa
pol-as ondas azuladas escorrendo,
que o teu dono, co-a alma acesa,
entre o fogo das saudades vai morrendo.
Negra barca, dalle â brisa
a brancura do teu lenzo inmaculado,
e voemos na sorrisa
de cristal do mar salgado.
Negra barca, que escumante
de fervenza brinque a i-auga pol-a prora,
e na popa buligante
fique a liña d’unha serpe bruadora.
Que se afunda mainamente
no azul líquido das ondas da tua banda,
e obedezas ao valente
e arriscado gobernalle que che manda;
que se escoiten os lamentos
dos cuiereles e das bordas,
i-o rexo fungar dos ventos
entre as cordas.
Negra barca, vaite apresa
pol-as ondas azuladas escorrendo,
que o teu dono, co-a alma acesa,
entre o fogo das saudades vai morrendo.
E alá vai a barca miña,
obedente ao meu mandado,
pol-a senda cristaiña
na busca do ben amado.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Poemas (XIV): No mar, de Gonzalo López Abente

  1. Pingback: As crebas » Na gravación do programa Eirado da TVG2

Os comentarios están pechados.