«12 de setembro do 36», un soneto inédito para Verbo na Arria, libro colectivo na memoria de Xohán Xesús González


(Booktrailer de Verbo na Arria, elaborado por Quinteiro do Umia)
Diversos problemas na edición, que non veñen agora a conto, retrasaron até este mes de maio o lanzamento do libro colectivo de homenaxe ao avogado, mestre, xornalista, político e escritor Xohán Xesús González (nado en Sebil, parroquia de Cequeril – Cuntis), o 9 de novembro de 1895 e asasinado -finado, di a Galipedia– en Compostela o 12 de setembro de 1936). Nese volume intitulado Verbo na Arria, que editou a A. C. O Fervedoiro, colaboro xunto a moitas outras voces, no meu caso a pedimento do infatigable amigo Héitor Picallo, convocatoria á que respondín co soneto «12 de setembro do 36», escrito ad hoc en maio de 2009 e inédito ata agora.
A publicación foi presentada o pasado sábado e non puiden estar nela porque nese mesmo día estaba a participar como discente na Xornada Manuel María, que organizou o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) na Casa de Hortas de Outeiro de Rei, hoxe Casa-Museo Manuel María.
Porén, reproduzo o convite público que fixo a entidade convocante, xa que explica moi ben toda a longa xénese deste fermoso proxecto, e finalmente reproduzo tamén o meu poema.
A Asociación Cultural O FERVEDOIRO e a súa sección ACUDE ALÍ (Acción Cultural na Defensa da Lingua) comprácese en convidalas/os á presentación do libro homenaxe a Xohán Xesús González titulado Verbo na Arria. Nel –ademais de facermos un repaso pola vida, obra, creacións culturais e políticas dese personaxe cuntiense– medio cento de persoas entregan as súas achegas para lembrar os 120 anos do nacemento do canteiro, mestre, xornalista, escritor e político que foi quen de protexer Compostela –xunto co Terzo de Calo– no levantamento fascista de 1936. O libro, aínda que rematado o pasado ano, imprímese no actual, polo que debemos consideralo unha obra de 2015 (tal e como aparece no ISBN).
Todos os apartados do libro están rotulados no Verbo Xido (fala gremial dos arghinas ou canteiros) pois, como se sinalou, Xohán Xesús González pertenceu a ese gremio de traballadores da pedra.
Moitas foron as entidades que colaboraron –dun ou doutro xeito– nesta obra,  facilitándonos a reprodución de materiais dos seus fondos documentais ou achegando axudas e/ou orientacións: A Faculdade de Letras da Universidade de Coimbra, a Biblioteca Penzol (Vigo), o Seminario de Estudos Galegos (Compostela) a Biblioteca Xeral da USC, a Biblioteca de Xeografía e Historia (USC) e o Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela; o Museo de Pontevedra, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal e o Arquivo do EuskoTren / Burnibidearen Euskal Museoa. Tamén colaboran os concellos de Cuntis (municipio no que nace Xohán Xesús González) e Compostela (no que falece). Tampouco nos podemos esquecer de edicións Nympharum, a Asociación Cultural O Meigallo e o proxecto comunicativo O Quinteiro do Umia.
Esta obra, publicada a toda cor, sae dende o tórculo de Edicións Fervenza e conta cunha marabillosa maquetación realizada por Martiño Picallo quen, a parte, e autor dalgúns textos. Coordinada pola asociación O Fervedoiro, Verbo na Arria comezou a se forxar no ano 2009, cando este colectivo lle rende unha homenaxe poética a Xohán Xesús González e inaugura unha exposición antolóxica sobre del. Sete anos máis tarde, e logo de teren colaborado algo así como cen persoas, sae á luz Verbo na Arria, que conta cun limiar de Marcos Seixo (un dos biógrafos de Xohán Xesús González), cunha lámina do artista Manuel Fragoso, e unha maré de medio cento de poetas que participaron coas súas propias composicións: Vicente Araguas, Maka Arca, Olimpio Arca Caldas, Romina Bal, Helen E. Bertels, Ramón Blanco, Marica Campo, Marta Dacosta, Manoele de Felisa, Suso Díaz, Luz Fandiño, Xoán Xosé Fernández Abella, Baia Fernández de la Torre, Modesto Fraga, Xosé Lois García, Fuco Gómez Fontes, Fernando González Graña, Baldomero Iglesias, Yolanda López, Xulio López Valcárcel, Miguel Louzao Outeiro, Xosé Luna, Xosé Luís Méndez Ferrín, Vanessa Míguez Bouzas, Alexandre Nerium, Ramón Neto, Lucía Novas Garrido, David Otero, Seném Outeiro, Carlos Penela, Héitor Picallo, Martiño Picallo Fontes, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, Lorena Rei Noia, Eli Ríos, Elvira Riveiro Tobío, Lara Rozados, Susana Sánchez Aríns, Xosé Luís Santos Cabana, Uxía Seixo, Nieves Soutelo, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor, Rocío Viéitez, Ramón Vilar Landeira, Miro Villar, Helena Villar Janeiro e Ana Vispo.
Tamén se reproducen tres composicións que se lle dedican a Xohán Xesús González en vida: unha do seu amigo e conterráneo Manuel Mesejo Campos, outra José Márquez Peña e a última de Ramón Martínez López.
A presentación terá lugar o vindeiro sábado día 7 de maio, na casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis (Pontevedra), ás 20:30 horas. Nela teremos ocasión de visualizar en primicia o book-trailer que sobre a vida de Xohán Xesús crearon as compañeiras e compañeiros do Quinteiro, proxecto comunicativo da comarca do Umia. Durante cinco meses e coa participación de ducias de veciñas e veciños de toda a comarca, desenvolveuse unha rodaxe atípica con respecto aos traballos habituais do colectivo. O emprego de planos aéreos mediante drones, de planos en movemento e de efectos dixitais na posprodución sinalan o pulo cara a unha maior calidade e tamén o apoio desinteresado de empresas audiovisuais amigas que o fixeron posible. Un traballo que terá a sua continuidade nun documental específico e que pretende mergullarnos na vida e no tempo de Xohán Xesús González.
Ademais, tamén se ha colocar a exposición Xohán Xesús González: Porta dun Futuro Proletario.
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
XXGVerbonaarria
VerbonaArria
Foron de noite.
Foron por ti de noite
Como foron por Alexandre. Foron de noite.
ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
12 DE SETEMBRO DO 36
Xohán Xesús González e os do Terzo de Calo,
que voastes no vento pola cidade vella
a chamada insurrecta da bandeira vermella,
xa non escoitaredes no albor cantar o galo,
xa non escoitaredes das campás o badalo,
xa non escoitaredes terra fértil na rella,
xa non escoitaredes auga limpa na sella,
xa non escoitaredes a tarde no devalo.
Nos muros de Boisaca disparos de fusil
unha ferida voz de sangre fan que agrome
no corazón da terra labrega de Sebil.
Na mudez do epitafio, no silencio sen nome,
a lousa do canteiro é fría en Cequeril,
mais debaixo da pedra xace a razón dun home.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Biografía, Estudos literarios, Historia, Lingua, Narrativa, Poesía, Política, Presentacións, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.