12 de outubro, no 88 aniversario da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG)


(Fotografía da inscrición, un pouco descoidada, que lembra o nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Namentres uns sacan os avións e os tanques á rúa para reafirmaren a súa “hispanidade”, nós, as galegas e os galegos, deberiamos celebrar hoxe que o 12 de outubro do 1923 naceu o Seminario de Estudos Galegos (SEG), cuxa historia está contada polo investigador Alfonso Mato Domínguez no libro intitulado O Seminario de Estudos Galegos na documentación que garda o Instituto Padre Sarmiento (Edicións do Castro: 2001, 496 páxinas). De primeiras, como resume a Galipedia, seica foi Antón Losada Diéguez quen tivo a idea de crear un órgano que tivese como función poñer en valor a cultura galega, algo que a Universidade de Santiago de Compostela non facía pois os seus programas académicos eran alleos á realidade, á historia e á cultura galegas. Houbo varias xuntanzas previas e foi o profesor Armando Cotarelo Valledor quen lle deu o nome de Seminario de Estudos Gallegos. Porén, a xuntanza de constitución celebrouse o 12 de outubro do 1923, na casa onde vivira Rosalía de Castro, en Ortoño (Ames), coa participación de nove estudantes. Nos trece anos posteriores e até 1936, cando foi brutalmente desmantelado polas novas autoridades franquistas, fóronse incorporando varios intelectuais, como o noso poeta Gonzalo López Abente, e así o contamos na Introdución ao seu libro inédito Bretemada, recén publicado por Alvarellos. Velaquí:
«Alén da creación, o seu activismo cultural concrétase coa súa entrada no Seminario de Estudos Galegos (SEG), conxuntamente con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo: “O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio”. O investigador Alfonso Mato no seu estudo sobre O Seminario de Estudos Galegos (2001) publica unha foto de socios e colaboradores do SEG na IIª Xuntanza Xeral da Institución, celebrada en Santiago de Compostela, no Salón de Actos da Sociedade Económica, nese 14 de marzo de 1926, na que aparece López Abente. O seu ingreso faino cunha lectura de poemas. Eran máis habituais os discursos sobre aspectos culturais. Nunca ocupou cargos directivos e a súa actividade na entidade foi escasa. E na Biblioteca do SEG tan só figuraba a súa novela Vaosilveiro».
O episodio do seu desmantelamento está moi ben detallado polo propio Alfonso Mato no artigo “A destrución do Seminario de Estudios Gallegos” (Grial, Revista galega de cultura, 163, xullo, agosto, setembro de 2004), que narra de maneira sucinta a represión e o traslado dos escasos fondos documentais que quedaron ao Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, creado polo franquismo en 1944 e que aínda atesoura hoxe ese legado do SEG, tal e com sempre denunciou e reclamou Isaac Díaz Pardo.

Esta entrada foi publicada en Arte, Estudos literarios, Historia, Lingua. Garda a ligazón permanente.