Marxinación do galego nos medios


(Debuxo de Xosé Lois “O Carrabouxo“)
Coma eu fixen, nesta ligazón pódese asinar o manifesto:
Marxinación do galego nos medios
O incremento da presenza da nosa lingua nos medios de comunicación acadado pola acción da sociedade galega nas derradeiras décadas do século XX –que situaría o seu punto culminante nunha media do 7,5% de espazo na prensa escrita cara ao ano 1975- foi progresivamente recuando, nos últimos anos, ata se situar apenas nun 3% nese mesmo sector en 1993.
Paradoxalmente, isto aconteceu estando en vigor a Lei de Normalización Lingüística que segundo o seu preámbulo “garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo.”
Paradoxalmente, isto aconteceu cando o goberno da Xunta de Galiza veu inxectando aos medios de comunicación substanciosas cantidades de diñeiro público en teoría destinadas a manter e incrementar neles a presenza da lingua galega.
Paradoxalmente, isto aconteceu cando as novas licencias concedidas aos medios audiovisuais implicaban unhas cotas de obrigada presenza do galego na programación, cotas case sempre incumpridas polas empresas baixo a tolerancia do goberno galego.
E mais non se poden argumentar dificultades lingüísticas á hora de comprender oralmente ou por escrito o noso idioma: o 86’4% dos habitantes de Galiza saben falar galego e o 97’1% o entende. A mellora do nivel de expresión da poboación galega é sensible dende que nas últimas décadas a nosa lingua se incorporou ao sistema educativo. En particular, as novas promocións de xornalistas galegos que se forman no país reciben agora a capacitación lingüística necesaria para desenvolveren plenamente a súa profesión.
Tampouco se pode soster que a actitude da sociedade galega sexa contraria á normalización do noso idioma nos medios de comunicación. As enquisas amosan que o 70% da nosa poboación pensa que o que se publica na prensa é “pouco” ou “moi pouco” e ese mesmo 70% lería un xornal en galego.
Este desequilibrio chama a atención dos expertos internacionais que estudan a presenza do galego nos nosos medios de comunicación. Así a profesora francesa Caroline Domingues afirma: “Guiados por imperativos económicos, os medios de comunicación privados galegos confinan a lingua da comunidade en seccións específicas polo xeral ligadas á cultura. Fronte á política de normalización lingüística, eles seguiron a ser
extremadamente conservadores. O único código para informar é o castelán. Radios privadas e prensa escrita en Galiza desempeñan en certa maneira un papel de “contra-normalización da lingua da comunidade. Esta utilización minoritaria e testemuñal dun galego que ten o seu propio espazo, o seu gueto, no interior do xornal ou da grella de programación, é en primeiro lugar o resultado dun axuste das estratexias destes medios de comunicación fronte a un contorno histórico, social e político.”
Nos últimos tempos, varios medios de comunicación escritos de Galiza deron un novo paso nesa estratexia de marxinación e invisibilización do noso idioma: as declaracións individuais ou colectivas de persoas e entidades que teñen unha permanente práctica lingüística en galego son traducidas e presentadas –mesmo entre aspas para aparentar a literalidade- en castelán como se foran feitas nese idioma.
Chégase a traducir os eslógans e lemas das mobilizacións e os textos das pancartas.
Distorsiónase así gravemente a imaxe pública de persoas e colectivos que teñen entre os seus sinais de identidade a constancia no emprego e a defensa da lingua galega.
Por todo o devandito, como galegas e galegos, asinamos a nivel individual ou colectivo o presente escrito e esiximos dos medios privados de comunicación de masas en Galiza:
1) A presenza do galego nun 50% da totalidade do espazo escrito e tempo da grella de programación.
2) A reprodución literal das nosas declaracións e intervencións na lingua en que as expresamos.
3) A transcrición literal dos eslógans e textos das pancartas na súa lingua orixinal.
Esta reclamación do mínimo respecto seralles trasladada aos empresarios ou directores dos medios, e se estes continuaren na súa actitude discriminatoria estudaremos facer valer os nosos dereitos ante os tribunais de Xustiza e as instancias internacionais pertinentes.
Galiza. Setembro de 2011

Esta entrada foi publicada en Manifestos. Garda a ligazón permanente.