10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega


Hoxe é o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. Coma sempre que me é posible, este mediodía baixaremos até a compostelá Praza Roxa (nome popular, que venceu á normalización lingüística) para estarmos na manifestación do sindicalismo nacionalista que lembra a morte no Ferrol nesta data do 1972 dos traballadores Amador Rey e Daniel Niebla a mans da polícia franquista española.
Na súa lembranza reprodúcese nesta bitácora o brevísimo poema de Uxío Novoneyra que se atreveu a musicar Bibiano Morón, máis coñecido coma Bibiano, no ano 1976, incluíndo o tema no seu álbume Estamos chegando ao mar.
Velaquí a magnífica letra do poeta do Courel:
1972
A Amador Rei Rodríguez
e Daniel Niebla García
Ferrol / Mañá
10 de Marzo do 72
Erguéstevos cedo aquel día
/ o costume do traballo /
mañá cediño pra facernos ca vosa morte.
Na páxina da Fundación 10 de Marzo tamén recollen os versos doutros poetas de noso que escribiron sobre a morte de Amador e Daniel, aínda que hai algunha ausencia significativa.
Porén, se vos aprace máis a prosa panfletaria, sempre anónima, podedes ler o comunicado do meu sindicato para esta data nesta ligazón. Certo é que esta literatura ten pouco suceso, adoito nas manifestacións a xente apaña panfleto tras panfleto, comunicado tras comunicado, mais sen o ánimo de os ler despois. E se callar sexan pezas a considerarmos. Lémbrounos estoutro día o Bieito Iglesias que moito antes de ser escritor perpetrou moitas veces a escrita de panfletos para a histórica organización estudantil ERGA. Aínda botamos uns risos coa anécdota do Bieito que tivo que redixir até catro veces un panfleto que non lograba a aprobación dos seus responsables de célula.
En calquera caso e regresando á actualidade, o meu sindicato fala tamén da convocatoria da Folga Xeral para o vindeiro 29 de marzo, á que se veñen de sumar, con retraso e porque non lles quedaba outra, os dous sindicatos estatais mediáticos. Non sen tempo!

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos, Música, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

  1. VIAJERAZUL di:

    vaia,falando da clase traballadora, están cunha exposición fotográfica moi interesante en Madrid que reflicte dun xeito conmovedor a clase obreira, nas zonas marxinadas de Estados Unidos, trátase de Lewis Hine. Cecais poidas entrar nela vía internet
    un saúdo

Os comentarios están pechados.