10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega (2015)

AmadorDaniel
Hoxe é o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. E máis unha vez, de me ser posible, estarei ás 20 horas na compostelá Praza Roxa (denominación popular) para estarmos na manifestación do sindicalismo nacionalista que lembra a morte no Ferrol nesta data do 1972 dos traballadores Amador Rey e Daniel Niebla (na foto) a mans da polícia franquista española.
Desta volta, na súa lembranza reproduzo deseguida un dos textos que escribiu o académico e poeta chairego Darío Xohán Cabana sobre o tema:
Ferrol 72: Daniel e Amador
VI
Era inverno cruel de chumbo e morte
no corazón daqueles que esqueceran
a verdade dos que ían polas rúas.
Era inverno, mentira e traidoría.
Era inverno cruel e asasinato,
espírito de ira angosta e cativeiro,
defecación sanguenta, rosa negra,
escumallo de cólera non xusta.
Era inverno cruel e noite pecha,
estridentes balazos homicidas,
asolación de botas insolentes,
asoballo bestial incontrolado.
Era inverno cruel e metralleta,
pistola criminal devastadora,
dedo gatillo, furia desbocada.
Era inverno cruel e frío e morte.
Este poema está recollido, xunto a outros doutros autores, nunha interesante antoloxía publicada na páxina da Fundación 10 de Marzo que compila poemas sobre a morte de Amador e Daniel, aínda que nela observamos ausencias significativas.
E nesta ligazón o comunicado do meu sindicato para esta data por se preferides a prosa sindical e/ou política.

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Obituarios, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.