XXV Festival da Poesía no Condado


Parabéns ao Festival da Poesía no Condado que chega á súa XXV edición, sempre cun lema reivindicativo, desta volta escolleron “Sem as mulheres nom há revoluçom”. Neste encontro as e os poetas galegos xúntanse a autores/as doutras nacións e a poesía sempre sobe ao palco da música a partillar espazo coa música. Tan só fun convidado a participar no X Aniversario, que se celebrou en Salvaterra do Miño os días 15 e 16 de setembro do 1990, na compaña do meu irmán Rafa Vilhar, que daquela escribía na norma reintegracionista os seus primeiros poemas. Rafa continuou a participar nas xornadas en anos sucesivos: no XI Festival da Poesía baixo o lema “12 de Outubro de 1991. Contra o V Centenário”; no XII Festival da Poesía “Autodeterminaçom, caminho da independência”; no XIII Festival da Poesía co lema “Poesia em Liberdade”; no XIV Festival da Poesía “Insubmissom” e no XV Festival da Poesía “15 anos em galego”. Os organizadores publican un libro-programa que inclúe unha escolma das e dos poetas convidados e que se poden ollar aquí. Naquela edición tamén participaron Manuel María, Margarita Ledo Andión, Júlio Béjar, Bernardino Graña, Marta Dacosta, Calros Manoel Solla Varela, Darío Xohán Cabana, Xela Arias e Miguel Anxo Fernán-Vello por parte galega; Imanol Irigoien Aranberri e Edorta Jiménez Ormaetxea de Euskadi; María Oleart i Font e Josep Igual dos Països Cataláns e José Viale Moutinho e Rui Duarte Mangas de Portugal. Por erro ou omisión, que non che sei, no índice do ano 1990 non figura o meu nome, despois do de Rafa, mais nese volume aparece a miña primeira bibliografía literaria, daquela aínda breve, a miña sinatura autógrafa e dous sonetos que pertencían a un libro daquela inédito que viña de estar entre os finalistas do Esquío sen chegar a ser premio ou accésit e que pouco despois lle enviei a Miguel Anxo Fernán-Vello. O meu libro, un sonetario, co título de Ausencias pretéritas acabou publicándose en Espiral Maior en 1992, con prólogo de Darío Xoán Cabana. Velaquí os dous sonetos que inclúe aquel libro-programa do X Festival da Poesía no Condado, aínda que a versión que ofrezo é a que finalmente apareceu en Ausencias pretéritas, pois fixen algún cambio por razóns lingüísticas ou métricas.
I
Curricular historia de outonía
facer literatura dun fonema,
unha comenenciuda estrataxema
fuxir do compromiso, da ousadía,
ser servente escritor, mercadoría,
ser poeta do goberno, do sistema,
coa pluma convertida nunha alxema,
sendo esquivo a calquera tropelía.
Pero os meus adxectivos e obxectivos
son aves migratorias, pasaxeiras
como o voo dos teus ollos fuxitivos,
que escollen de primeiras ser danados
por arqueiros de frechas ben certeiras
denantes de ficar sempre apreixados.
II
Cos zapatos mollados percorrín Compostela
na procura da pedra que miman os teus dedos,
por vellas fendeduras escoitei rosmar credos
encubertos por fiestras pechas con tarabela.
Os pasos postergaron o eco da cantarela
baixando polos viños entre cantos máis ledos
mesturados co aroma de ribeiros acedos,
de onde fuxín lixeiro por non ter nin cadela.
No Toural un concerto da banda do concello
fixo que o desconcerto propio vise no espello
que os pés aterecidos desexaban quentura,
vin que espreitantes rostros pelexaban comigo
xulgándome de parvo por non ficar ao abrigo.
Ningunha chuvia molla como estar na amargura.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Encontros, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “XXV Festival da Poesía no Condado

  1. Pingback: As crebas » Adeus a Manolo Soto, fundador do Festival da Poesía no Condado

Os comentarios están pechados.