Xela Arias, Carvalho Calero ou Manuel María no Día das Letras Galegas 2016

CarvalhoCalero
(Diario de Ferrol, 23 de marzo do 2008)
Anoxado aínda coa decisión da Real Academia Galega (RAG) que homenaxeou o franquista Filgueira Valverde no Día das Letras Galegas 2015, recibo con entusiasmo e con interese a nova feita pública pola RAG sobre a terna de candidatos para o Día das Letras Galegas 2016.
Desta volta estaría ben feliz coa designación de calquera das tres persoas que se están a barallar), aínda que a antiga reivindicación do profesor Ricardo Carvalho Calero teña para min máis peso, xa que fixen pública a miña opción sobre a súa obra no texto (ollar imaxe superior) publicado no suplemento cultural Nordesía do Diario de Ferrol o 23 de marzo do 2008. Manteño aínda a mesma opinión e os mesmos argumentos que se poden ler nesa páxina. Non tiven trato persoal co vello profesor, mais nunca esquecerei unha conferencia súa sobre a obra de Rosalía de Castro proferida no Concello de Corcubión en 1985. Daquela eu tiña vinte anos (que lonxe!) e xa tiña inquedanzas literarias, lembro a cadencia da súa voz coma se fose hoxe e aquela tarde saín fascinado coa súa sabedoría e coa súa elocución. Un verdadeiro pracer. Moitos anos despois reivindiquei a súa obra poética no artigo intitulado «Poesía Galega de Ricardo Carvalho Calero», Ferrol Análisis 16, 2001. [ISSN 1576-4540]. 107-174.
Porén, tampouco recibiría de mal grao recoñecer a traxectoria poética e tradutora de Xela Arias (1962-2003). Pouco coincidín con ela na súa efervescencia creadora durante a década dos noventa e non tiñamos trato persoal, aínda que si coñecemento mutuo. Desfrutei, coma moitas e moitos, dos seus versos e tamén das súas traducións de obras fundamentais da literatura universal que ela anosou á nosa lingua de maneira brillante. Coma moitas e moitos tamén fiquei conmocionado polo temperán pasamento, con tan só 41 anos de idade. E coa súa designación a RAG podería incrementar a ben cativa porcentaxe de autoras recoñecidas nesta data.
E tamén estaría ben satisfeito de recoñeceren académicos e académicas a caudalosa obra de Manuel María (1929-2004), a quen tratei moito e que me honrou, como xa se contou nesta anotación, presentando en 1995 a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente. Sería, pois, a proposta da RAG máis próxima no terreo emocional, sen que iso desmereza a estima e o respecto que teño por moitos títulos da súa obra, onde hai poemas que endexamais esquecerei e que moito contribuíron á miña formación literaria.
Benvida sexa a persoa e a obra a homenaxear o Día das Letras Galegas 2016!
Velaquí a nota feita pública pola RAG:
Convocado o Pleno da Real Academia Galega que decidirá sobre as Letras Galegas 2016
O vindeiro 4 de xullo reunirase o pleno da Real Academia Galega que decidirá sobre a figura dedicataria do Día das Letras correspondente ao ano 2016. As candidaturas presentadas oficialmente, co aval requirido de membros da Academia, son as seguintes:
Xela Arias Castaño
Ricardo Carballo Calero
Manuel María Fernández Teixeiro
O mesmo día 4 de xullo, ao remate do Plenario, farase pública a decisión da Academia.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Ensaio, Estudos literarios, Lingua, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.