Vídeo do poema «as sabas a clareo», na Horta das Chas, o espazo alternativo de Chan da Pólvora

Incorporo a estas crebas o vídeo do poema «as sabas a clareo», un dos textos lidos na Horta das Chas, o espazo alternativo de Chan da Pólvora, nunha lectura que inaugurou o almacén como lugar para os versos.

A gravación deste poema, e dos outros, débolla ao caro amigo Xoán Carlos Rodríguez Pérez, infatigable activista literario e “reporteiro”. Agradézolle a súa achega e estimo tamén a presenza das amizades que nos acompañaron. Na fotografía realiza a presentación o poeta, narrador e editor Antón Lopo, a quen lle agradezo o convite para voltar á lectura pública despois de moito tempo de ausencia, agás nos roteiros literarios do CAFI.

as sabas a clareo

Recordar sempre doe, porque aínda que laves con lexivia as sabas nunca branquea a dor que impregna cada engurra do algodón dos abrazos e segues os consellos que escoitaches da nai para a roupa encoirada, darlle xabón lagarto e logo deitar na herba as sabas a clareo.

Agardas unha tarde, non de sol formigueiro, de sol de primavera nunha herba soalleira e deitas os recordos de manchas amarelas, prendidos entre as sabas como piolla vella.

E observas con asombro que a túa nai coñece os segredos da vida e agora no tendal penduras a memoria branca e o seu recendo asolaga os recantos dos teus espazos íntimos.

Esta entrada foi publicada en Gravacións, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta