Viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco, 2013) o novo poemario de Serxio Iglesias


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Agardaba con interese a saída do poemario Viaxe ao interior da fenda, co que Serxio Iglesias (Buenos Aires, 1966, mais vencellado á Costa da Morte: a infancia a Muxía, despois A Coruña, e na actualidade a Corcubión) gañou o pasado ano o XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro, e cuxo xurado estivo formado polo alcalde Valentín Alfonsín Somoza (presidente), Mª Xesús Nogueira, Inma López Silva, Pura Prado e Bieito Iglesias, actuando como secretaria Cristina Codesido Fernández.
Viaxe ao interior da fenda vén de aparecer estes días nas principais librarías do País e eu merquei o meu exemplar en Á lus do candil, que rexentan en Arteixo o poeta Modesto Fraga e a súa compañeira Alba. O poemario xunta trinta poemas, acompañados de varias fotografías de Pablo J. Damonte e precedidos dun interesante Limiar que asina o poeta Xabier Cordal, quen fixera parte con Serxio Iglesias e outros poetas do colectivo Ronseltz, de cuxa actividade hai editado un volume intitulado Unicornio de cenouras que cabalgas os sábados (Edicións Positivas, 1994).
Dese atractivo Limiar de Xabier Cordal reproduzo un longo parágrafo:
«Os poemas van e veñen, saltan do home ao cativo, de Bos Aires a Corcubión, navegan cidades que perderon o nome. Desaparecen as balizas e desaparece a orde cronolóxica co seu don de adxudicar sentido: presentación, clímax, desenlace. Toda épica chama a apropiarse do futuro partindo dun relato fundacional, unha ideoloxía , unha estirpe. A fundación que nos mostra Serxio Iglesias nace derramada. A casa abre na realidade as portas para fuxir da miseria e é parte constitutiva desa miseria a incapacidade para se concibir como suxeito histórico. A casa marcha entón sen fardel de exiliado (Seoane, outro fillo de emigrantes coma Serxio, viu aboiar a primeira luz polo río da Prata) e o destino desa aventura soñada fóra da clase e fóra da estirpe consistiu apenas en mudar pobreza por desarraigamento. Lonxe da cociña fumegante, ao outro lado das portas, un neno accede ao mundo e non herda cartogramas, non herda relatos. Só hai un espazo invernal e despois, ou antes, ou agora, breve diálogos de supervivencia que ocupan o lugar da xeneoloxía».
Os poemas de Viaxe ao interior da fenda cumpriron sobradamente coas miñas expectativas lectoras, alicerzadas no primeiro libro de Serxio Iglesias, Métodos para afogar un cisne (Edicións Positivas, 2002). Dos trinta que compoñen o libro, co permiso do autor, reproduzo o cuarto, un diálogo coa diáspora bonaerense que me lembra aqueloutro poema do meu irmán Rafa Vilar intitulado «Porto da Coruña, ano mil novecentos e poucos».
E velaí os evocadores versos de Serxio Iglesias, a quen tamén se pode seguir na súa propia bitácora cartografías ou nas súas Historias Nómades no dixital quepasanacosta.
[catro]
en avellaneda aos noventa anos
ela vivía de fames de migallas de pan branco
balbucía cousieiro vilastose muxía
e tiña o televisor aceso e a luz apagada
a fiestra espida enfocaba un exército
de buscadores de cartón restos de comida
era un exército de soldados bolivianos en avellaneda
aos noventa anos sentada no vello sofá
daquel departamento de cascudas
a vergoña chamou á porta e quedou na casa
sentada ao carón dela para sempre
dentro do placar a vergoña
no freezer baleiro a vergoña
na alcancía a vergoña
ah pero nos cincuenta e pico
a cidade era un frasco de dulce-de-leche
ela bailaba no abc de corcubión
e era verán en mar-del-plata
e eran fotos arredor dunha mesa en branco e negro
e cinzano con fernet e soda
e tango
e chiquilines que xogaban no patio emparrado
e o agoiro do trebón deitou un sorriso diabólico
e foi que a vergoña timbrou entón e para sempre
na negrura de avellaneda o exército do cartón avanza
derrúbanse as tanquetas do tacho do lixo
e comeza a invasión da carne podre
da froita magoada
escuadróns da miseria
exército de soldados altiplanos

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.