URBANO. Coroa poética a Urbano Lugrís


(Premer na imaxe dúas veces para unha mellor lectura)
A iniciativa do colectivo A Nave das Ideas de Vigo (da que falamos aquí) xa está desde hai uns días na rede. Como parte dunha serie de actos de homenaxe ao artista galego Urbano Lugrís tamén crearon unha publicación dixital onde diferentes poetas fan unha glosa dalgunha obra concreta do pintor coruñés. A antoloxía deuse en chamar URBANO. Coroa poética a Urbano Lugrís e o arquivo final de imaxes e textos pódese descargar de balde na bitácora da entidade nesta ligazón. Trátase dun obxecto moi fermoso, con reproducións das pinturas de Lugrís e textos de poetas de diferentes xeracións. A miña participación concrétase cun texto do meu último poemario As crebas onde hai intertextualidade coa obra de Lugrís, que foi ilustrada coa peza “Serea alada” (1946). Velaquí os meus versos:
Regreso a casa
Aló vas transparente, como serea atlántica de Lugrís, nos adeuses da invernía que chega, emigras desde o frío a mares do interior na procura da cálida placenta dos afectos que alimenta a palabra orixinal do berce.
Escoitas nas ribeiras serróns e tronzadores e arrecendes outrora o po das serraduras que decoraba as saias da nena rebuldeira en mañás de madeira e de olladas de esguello.
E falas coas escuadras, co nivel, co compás, e acoden á conversa as gubias e os formóns e tamén xa se escoita íntimo o berbiquí a facerche preguntas sobre a inmensidade das mareas no corpo da gamela que soñas.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Poesía. Garda a ligazón permanente.