Unha reflexión sobre o urbanismo nas vilas de Cee e Corcubión por Xosé Ricardo Losada

XoséRicardoLosada
O escritor e profesor de filosofía Xosé Ricardo Losada (Rianxo, 1961) publica unha brillante reflexión sobre o urbanismo nas vilas de Cee e Corcubión no blogue Café Barbantia, promovido pola Asociación Cultural Barbantia, da que é socio fundador e secretario.
Autor dun libro de relatos filosóficos intitulado O xene da chuvia (Edicións do Castro, 2005), Xosé Ricardo Losada adoita publicar artigos de fonda análise, entre o que está este texto «O feo será bonito» co que moito concordo e por esa razón deseguida velaí vai, porque a súa reflexión debe ser coñecida por quen coñeza un pouco o desenvolvemento de Cee e Corcubión nas últimas décadas.
O feo será bonito
Publicado o 9 Marzo, 2015 por cafebarbantia
Xosé Ricardo Losada
Guy de Maupassant, o gran escritor francés, foi un dos opositores máis férreos (nunca mellor dito) á torre Eifell, pero un día foi ao restaurante miradoiro desa torre, e un amigo, sorprendido, preguntoulle que facía alí. “É o único sitio de París desde o que non se ve a torre Eifell”, contestou. A min pasoume algo parecido cando fun traballar a un instituto de Cee. Todos os amigos me recomendaban non vivir alí, unha vila fea e feita ás présas, senón na veciña e fermosa vila medieval de Corcubión. Non lles fixen caso. Como son un tipo bastante caseiro, e quería casa con vistas, aluguei un piso na praia da Cuncha, en Cee. Un piso en Cee desde o que non se vía Cee, senón Corcubión. Aínda así, pasei catro anos debatendo cos amigos cal desas dúas vilas era máis bonita. Todo o mundo parecía telo claro, tamén eu, pero, co tempo, comecei a dubidar. Cee tratábame ben e quen me trata ben sempre me parece fermoso.
Iso si. Para xustificarme, aducía outra razón, máis obxectiva. En cuestións de dilemas estéticos gústame ser prudente e respectuoso, dicíalle aos amigos, desde que coñezo un experimento mental que ideou o escritor mexicano Juan Villoro. Se vivise en París no século XIX, di, está seguro que se manifestaría en contra do proxecto da torre Eifell para evitar que un espantallo así matase o espírito da cidade.
Hoxe, sen embargo, parécelle un  triunfo da audacia, e acéptao como símbolo de París. Xa que logo, reflexiona, se parece claro que no século XIX fallaría no seu xuízo, quen lle di que non está fallando agora nos seus gustos e opinións? Xa que logo, reflexionaba eu, quen me di a min que dentro de cen anos Cee non será o símbolo estético da Costa da Morte?
De feito, cando aqueles amigos meus tiveron que escoller, anos despois, entre vivir en Noia (equivalente estético de Corcubión) e Bertamiráns (equivalente estético de Cee), escolleron, aínda sendo máis cara, Bertamiráns. Iso que non hai un só piso de Bertamiráns desde o que se vexa Noia. Só se ve Bertamiráns. Os meus amigos dirán: “Normal, en Bertamiráns estamos un cuarto de hora máis cerca de Santiago”. Pero sería unha desculpa pésima. Vivindo en Cee eu tamén estaba un cuarto de hora máis cerca do instituto (ía andando, non teño carné de conducir) e a eles parecíalles unha nimiedade comparado coa “sublime fruición estética” de vivir en Corcubión.
Alén do artigo, deixamos aquí este video da canle youtube realizado por Cambeiro que recolle Fotos Antigas de Cee, as máis delas publicadas no libro Olladas Nostálxicas editado pola Fundación Fernando Blanco.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Historia. Garda a ligazón permanente.