Unha lectura da Poesía Galega Completa, de Manuel Leiras Pulpeiro

leiraspulpeiro01
(Escultura de Manuel Leiras Pulpeiro en Mondoñedo. Imaxe da Galipedia)
Tal día coma hoxe naceu en 1854 en Mondoñedo o poeta Manuel Leiras Pulpeiro, como ben lembran na bitácora «O Almanaque das Irmandades» (en andamento grazas á coruñesa A. C. Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).
Na súa lembranza recupero unha lectura da súa Poesía Galega Completa que fixen por volta do ano 2000 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra.
Naquela altura traballei nas fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). Neste último volume a ficha sobre a obra poética de Manuel Leiras Pulpeiro é da miña autoría e inclúe unha compilación de como acolleu o libro a crítica contemporánea e a súa recepción. Como xa dixen noutras ocasións, por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega.
Poesía galega completa, MANUEL LEIRAS PULPEIRO
A produción poética do mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro non tivo na época do escritor excesiva fortuna editorial. De feito, en vida de Leiras a penas se lle publicou unha pequena parte dos moitos versos que, ao parecer, debeu escribir. Concretamente, e non sen esforzo, os seus amigos conseguen que o poeta soamente consinta en dar ao prelo un único volume poético, intitulado Cantares Gallegos (Mondoñedo, Tipografía H. Mancebo, 1911), que, como o seu nome indica, contén cantigas de tipo popular, tan cheas de enxebreza que semellan recollidas da voz do pobo.
Segundo relata Trapero Pardo (1983), non se conserva todo o seu labor poético porque o escritor, non contento co seu traballo, queimou ou rachou moitos orixinais e outros foron esparexidos e non se atopan hoxe. E engade que Antón Villar Ponte se doía de que Leiras Pulpeiro os fixese desaparecer pois, na súa opinión, eran todos de moito mérito. Ademais, hai outras evidencias documentais, recollidas sobre todo nas edicións de Alonso Montero (1983) e Reimunde (1984), de que rachou moitos escritos da súa autoría movido, quizais en parte, polo convencemento de que a súa calidade era cativa, feito que tamén xustificaría a súa renuncia a ingresar na RAG.
Por iso, o resto da súa obra lírica tivo que agardar para ser recuperada aínda ben anos despois da súa morte, acontecida en 1912. Así, agás os cantares anteriormente editados, as composicións que deixara inéditas ou esparexidas en publicacións periódicas xuntáronse no volume Obras completas. Tomo I (Poesías) (A Coruña, “Nós”, Pubricazóns galegas e imprenta, vol. XXXII, 1930), con prólogo de Otero Pedrayo. Esta recompilación, segundo apuntan tódolos datos, foi responsabilidade de Antón Villar Ponte, sen o cal hoxe soamente coñeceriamos un molliño de versos, no dicir de Alonso Montero. No devandito tomo, con erróneos criterios editoriais e unha organización caótica do corpus poético, recóllese a chamada “poesía maior” de Leiras Pulpeiro, formada por 89 textos, 84 poemas e cinco cantares, nos que figura un dos máis fermosos poemas costumistas da nosa literatura, intitulado “O Galo”, que fora premiado nos Xogos Florais convocados no ano 1910, en Vigo, pola sociedade “La Oliva”.
No ano 1970, e da man de Xosé Luís Franco Grande, a Fundación Penzol e a editorial Galaxia deron á luz todo o que naquel momento se puido arrecadar, chamando o conxunto tamén Obra completa, onde se recollen os libros de 1911 e 1930, outros Cantares inéditos, ademais de refráns, frases e adiviñas e o vocabulario enviado á RAG por Leiras, precedidos dun amplo estudio introdutorio. En 1983, coincidindo co ano en que se lle consagrou o Día das Letras Galegas, Xesús Alonso Montero preparou unha nova edición para a editorial Sálvora que se chamou Poesía completa, onde se nos ofrece un número bastante elevado de poemas practicamente descoñecidos e uns cantos versos inéditos, non moitos, xunto a algunhas achegas biográficas. Tamén engade varias traducións e seis poemas en castelán, ademais dunha escolma de xuízos sobre o cidadán e o poeta e unha documentada Bibliografía de e sobre Leiras. Con todo, aínda non se trata dunha edición crítica porque Alonso modifica a grafía dos textos na redacción dos Cantares gallegos, xa que nos demais textos publicados post mortem nin sequera o autor tería responsabilidade editorial, e xustificando que intervén sempre que os cambios non atenten contra á fonía do texto. Finalmente, a última versión, ao coidado de Ramón Reimunde Noreña data de 1984, incluída no catálogo de Sotelo Blanco Edicións co título Poesía Galega Completa. A edición de Reimunde non segue o criterio de alterar os textos orixinais da poesía de Leiras, como fan as anteriores, e respecta os textos primitivos, aínda que rectifica os posibles erros en nota. Neste sentido considera sempre como textos orixinais primitivos os das primeiras edicións, a de 1911 para os Cantares Gallegos, a de 1930 para a “poesía maior” e a de 1970 para os cantares inéditos. Ademais, para Carballo Calero, que asina o Prólogo, esta edición achega importantes novidades con respecto ás anteriores.
Cantares gallegos (1911), único libro que o poeta coñeceu en vida e tamén o único que tivo o seu consentemento para a publicación, foi reeditado por vez primeira na Obra Completa preparada por Franco Grande. Inclúe un total de 244 cantigas ou cántigas, anque é doado ver que nalgún caso varias destas coplas integran un único poema. Delas, unhas poucas xa se reproduciran no Almanaque Gallego de Bos Aires. O propio Franco Grande dá a coñecer 59 cantigas máis no capítulo “Outros cantares” e Xesús Alonso Montero aínda ofrece outras seis no seu apartado “Máis cantares”, con explicación da súa orixe.
Polas referencias que recollen Franco Grande e Alonso Montero da prensa da época, sabemos que tamén se resistiu á publicación deste libro. Así e todo, os cantares ao xeito popular que forman o devandito volume obtiveron moito éxito e mereceron non poucas gabanzas de intelectuais como A. Villar Ponte. Outro testemuño de Eduardo Lence-Santar salienta que o libro recibiu o “unánime aplauso da crítica”, para Manuel Amor Meilán os cantares son “prez e gala da literatura rexional”, mentres que para Álvaro de las Casas, na súa Antología de poetas gallegos, o seu autor é o Francis James galego por excelencia, xa que a sinxelexa é o leiv motiv dos seus breves pero emocionados poemas. Por outro lado, o poeta tanto logrou o seu obxectivo que moitos deles chegaron axiña a se faceren populares e son cantados polo pobo como seus, e tamén foron reproducidos en varias antoloxías e revistas. De feito, varias destas coplas foron incluídas por Fernández del Riego na súa Escolma de Poesía Galega, III.
A nota común é a fidelidade ao cantar popular aínda que, algunha vez, tamén hai cantares incluídos neste libro que son verdadeiramente recollidos do pobo. Para Trapero Pardo, case todos eran da súa invención, integrando un conxunto que, en relación coas coleccións daquela coñecidas, posúen unha gran orixinalidade e unha temática moi variada. Ademais, Leiras Pulpeiro non se limitou só a recoller xiros e modos de dicir do pobo senón que escribiu cantares que se achegan máis á forma das cantigas usadas decote polo pobo que ao xeito literario adoptado polo poeta nas outras composicións da súa obra, aínda que con notables diferencias a respecto dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Como sinalan Alonso Montero ou Franco Grande, Rosalía escribe un poema que glosa o cantar popular no que se inspira, mentres que Leiras, bo coñecedor do cancioneiro do pobo, escribe cantares de métrica e xeito populares pois soubo identificarse totalmente coa expresión do pobo, facendo a súa mesma poesía. Neste sentido será un precursor xa que, entre nós, ninguén cultivara este xénero ou subxénero, que logo continuarán Victoriano Taibo e Francisco Salgado e López-Quiroga. Con todo, trátase dun discurso serodio na literatura peninsular, que tiña sobrados antecedentes nas literaturas portuguesa e española.
Os temas destes cantares son os mesmos dos nosos cantares populares, neles está reflectido o sentir do pobo en todo o que o circunda, transmitindo pequenos retallos da vida rural. Seguindo a temática popular fixo cantigas tristes ou ledas, pícaras ou de acento relixioso, de louvanza ou de desprezo, amorosas ou satíricas, todo o que soubo apreixar nos catro versos ou nunha triada. En todas vese o coñecemento que tiña dos costumes de labregos e vilegos e dos xiros que empregaban na fala coloquial. Reimunde fai unha completa clasificación temática das cantigas da que se deduciría que Leiras tiña preferencia polos temas amorosos, satíricos e picarescos, así como por todo tipo de cantigas populares costumistas. Outras teimas menores son a crítica aos fachendosos e murmuradores, aos cregos e aproveitados, os louvores á Mariña e os maldicires á Montaña, e unha particular alusión ao Mariscal Pardo de Cela. Porén, Alonso Montero sinala que non hai capítulos no libro, nin temáticos nin doutro tipo, porque se pasa dunha cantiga amorosa a unha social, dunha picaresca a unha moral, e así indistintamente. En definitiva, trátase dun libro impersoal porque o autor renuncia á súa voz en nome da voz da colectividade campesiña.
O único tomo publicado das Obras Completas de Leiras anunciadas por “Nós” contén a súa poesía maior, ademais de cinco cantares, sendo moi ben recibido por máis que o libro se caracterice como un fiel continuador das formas do século XIX. Estruturas poemáticas sinxelas, discursividade, recursos tradicionais como a metáfora, o símil ou a alegoría, definen esa carencia de innovación. Tampouco é nova a temática, malia seren moitos os temas que Leiras tratou e dos que resulta unha poesía cun acento ben persoal. Franco Grande e Reimunde, con pequenas diferencias de matiz, clasifican os textos das Obras Completas en cinco grupos temáticos e falan de poesía costumista, patriótica ou cívica, lírica, satírica e de aires populares. Reimunde, ademais, non esquece mencionar as versións ao galego de poemas alleos.
Para Franco Grande é na liña costumista onde loce o seu mellor talento poético polo singular coñecemento que tiña do mundo labrego e da súa fala. Neste capítulo figuran os seus dous poemas máis longos “Unha festa como hai moitas” e “Un galo”, que Coceiro Freijomil titula “Un galo no coto”. Descrición das paisaxes, aventuras eróticas e plasmación do código popular, enchen todas estas páxinas. Nesta faceta, toda a crítica coincide en comparar a Leiras con Noriega Varela para constatar como, sendo os dous mindonienses, o primeiro é o cantor da Mariña e o segundo, en certo modo discípulo seu, o da Montaña. Para Carballo Calero, ambos poetas chegarían, por volta de 1900, a se partillar a temática xeográfica. Nalgunhas composicións breves de carácter lírico, descritivo ou epigramático, escritas en octosílabos, ambos teñen moitas similitudes na temática, na forma e no xeito persoal de tratar os motivos costumistas. A visión enxebre da vida campesiña e a animación da linguaxe, na que abundan as exclamacións, e non digamos o léxico, son os mesmos nos dous poetas. Acentúa a semellanza, o feito de utilizaren o mesmo dialecto. Só que Noriega sempre foi amigo dos cregos a diferencia de Leiras, que reflicte o seu anticlericalismo nos versos.
A temática civil ou patriótica é outra das maioritarias, denunciando a marxinación de Galicia ou a situación dos labregos e enfrontándose ás institucións responsables. Entre estas, destaca a eclesiástica que é atacada cunha rabia semellante, se callar máis amargurada, á dos poemas de Curros. A cerna do seu patriotismo está en redimir ao pobo das servidumes que padece. Noutras ocasións os poemas patrióticos teñen como finalidade a loanza de figuras galegas que considera representativas, como “Na morte de Montes”, “A Pascual Veiga” ou “Diante da cova de Pascual Veiga” e, sobre todo, os que reivindican e continúan a mitificación de Pedro Pardo de Cela, onde asoman actitudes independentistas. Aínda que xa a comenzos do XVI había unha interesante literatura sobre o tema, Benito Vicetto recollera de novo a lenda de Pardo de Cela como bandeira das liberdades no Rexurdimento, dando a esta figura histórica unha interpretación que foi continuada por Leiras Pulpeiro ou polo soneto de Lamas Carvajal e que culmina na traxedia O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte. Tamén, nas cancións da Frouxeira, onde esta vén ser unha metonimia do Mariscal, hai como unha linguaxe alegórica, dirixida aos iniciados que profesan o culto do mártir. Ao lado destas composicións, atopamos outras de tipo moral, na liña do pensamento federalista e incluso do socialismo utópico, que se asemellan en grande medida ás fábulas.
Para Franco Grande, Leiras Pulpeiro é un poeta lírico frustrado, estragando as composicións con versos didácticos. Porén, o resto da crítica cre que non lle falta lirismo, liña na que conseguiría verdadeiros logros, sobre todo nos textos máis breves, nos que abrollan as mancaduras vitais, a tenrura e a saudade. Con todo, o seu lirismo máis puro non deixa de ser costumista. Deixando á parte unha formal cantiga de maldizer contra a montaña, intitulada “¡Non se fai de mouro branco!”, toda a forza satírica de Leiras concéntrase contra a cregaxe, aínda que a crítica tamén polemiza neste aspecto. Segundo Franco Grande foi un cidadán e un poeta anticlerical, pero non descreído pois nos seus poemas é doado atopar elementos e referencias que demostran que era crente. Pola contra, para Reimunde o seu anticlericalismo é teimoso e valente, non atacando directamente á relixión senón satirizando os cregos gordos e apaisanados. Polo demais, os aires populares serán máis evidentes nos cantares aquí inseridos. Naturalmente, estas distintas orientacións temáticas interfírense e combínanse a miúdo. Un último grupo, no que se inclúen tres poemas, son versións ao galego doutros estranxeiros, dos que o máis estimable é “O pino de Formentor” baseado no texto de Miquel Costa i Llobera.
Pero, sen dúbida, o valor máis constante e indiscutible é a mestría lingüística que se observa na maioría dos seus versos, sempre admirada pola crítica. Franco Grande dedica case cen páxinas no seu estudio a senllos capítulos intitulados “Língua” e “Contido estético do idioma de Leiras Pulpeiro”. O primeiro comeza por dicir que o idioma de Leiras ten a ben gañada sona de ser un dos máis puros que entre nós se teñen usado, e afirma que cantos dunha maneira ou doutra se atoparon algunha vez co seu caudal léxico e co mesto bosque da súa sintaxe, así o veñen proclamando. Recolle opinións de Carballo Calero, Iglesia Alvariño, con algunhas afirmacións gravemente erróneas, Otero Pedrayo e Mayán Fernández. Tamén a edición de Reimunde engade un amplo capítulo sobre “A língua de Leiras” no que tira conclusións como que o poeta mostra unha serie de constantes gráficas, aínda que é vacilante nalgúns aspectos, feito que se explica por tentar transcribir a fala real da súa zona de acordo co estado diacrónico da lingua e coa escrita utilizada polos escritores do seu tempo. Na morfosintaxe presenta unha tendencia dialectal e o descoñecemento do concepto de lingua padrón. Porén, demostra a súa competencia lingüística de perfecto coñecemento da lingua falada na colocación dos pronomes átonos, no uso do infinitivo conxugado ou de expresións e ditos populares enxebres, a penas con alteracións debidas a esixencias métricas ou licencias poéticas. Na semántica é complacente no abuso de variantes dialectais como diferencialismo. Polo demais a súa lingua é transcrición exacta da fala popular mindoniense cos seus defectos e coas súas virtudes, con moitos castelanismos e deformacións vulgares. Os fenómenos dialectais son de grande valor semántico e documental pola riqueza e variedade do seu léxico. Para Reimunde en Leiras hai dúas linguas funcionais con distintos obxectivos, unha chea de lirismo, costumista, bucólica, con adxectivos diminutivos ou con carga positiva, coa que mostra a súa preferencia polas xentes humildes. A outra, satírica, para facer afiadas críticas, como o xeito de ferir aos cregos chamándolles corvos ou limachas. Todo isto converte o seu rexistro na máis valiosa achega lingüística feita por un poeta lugués.
A métrica non encerra un interese moi especial, aínda sendo un magnífico versificador. Nisto é irregular, pois á beira de verdadeiros acertos e mesmo de mestría no dominio do verso, sobre todo cando traballa con metros populares, tamén atopamos casos de versificación frouxa. No libro Cantares Gallegos, que inclúe 244 textos, todos son coplas de catro versos agás sete triadas, onde o verso de arte menor é o que máis predomina. De feito, a cantiga maioritaria, como é frecuente no noso cancioneiro popular, consta de catro versos octosílabos, asonantes os pares e sen rima os impares. Nos “poemas maiores” o romance é a combinación estrofíca máis usual, pois a maioría da súa obra está escrita nesta estrofa ou en romancillos. Tamén utiliza outras estrofas populares como a redondilla, o pareado e a triada, e ocasionalmente algunha outra. A rima máis abundante é a asonante ou parcial, que é a única empregada nos Cantares e nos poemas longos da obra maior, con preferencia polas e-a e a-a, a primeira en case noventa composicións e a segunda nunhas corenta. Pola contra, a rima consonante é escasa, usándoa nuns quince poemas breves dos poemas maiores. A maioría das súas composicións están escritas en octosílabos, medida única nos Cantares, e en raras ocasións emprega o hendecasílabo, dáctilo ou dactílico sobre todo, sen combinalo co heptasílabo. Tamén demostra ter unha certa prelación polo sexasílabo, como no poema “Non o sei”, e usa outros metros en moito menor medida.
Polo que respecta aos recursos literarios, os máis notorios son a diloxía e o símil dentro dun esquema métrico fixo, ademais doutro recurso da poesía popular, aínda non bautizado, no que as estrofas semella que se compoñen de dúas partes, de dous versos cada unha e o mesmo pensamento repítese dúas veces, na primeira nunha forma simbólica e despois de xeito claro. No plano morfosintáctico fai uso da paráfrase e da elipse, pero sobre todo de figuras retóricas por repetición, como a recorrencia, anáfora, epífora, epínome, polípote, reduplicatio ou polisíndeton. No plano semántico, sobrancean as imaxes populares e simples, as metáforas elementais e os eufemismos. En todos eles, sexa cal for a figura retórica empregada, nunca é culta e sempre ten un referente real relativo ao campo e ao mundo rural. Nos poemas maiores abundan máis os tropos e as figuras, imaxes, sinécdoques, metáforas e outros.
Actualmente, a crítica concorda en que as composicións manteñen o engado popular e supoñen un fito, posto que son o primeiro cancioneiro galego de autor culto que ten por modelo o do pobo, sentando precedente na nosa literatura. Porén, hai discrepancias á hora de xulgar a calidade da obra de Leiras Pulpeiro desde o punto de vista estrictamente literario. Así, para Alonso Montero estamos perante un poeta do XIX mesmo cando escribía no XX, e Anxo Tarrío sinala que unha valoración global non pode ser gabanciosa por se tratar dunha poética anacrónica, desfasada e retrógrada. Pola contra, Reimunde cre que Leiras supera a Lamas Carvajal en vigor, e os asombrosos xogos de harmonía fonética e beleza verbal, que logra ás veces en pequenos poemas redondos, non achan parangón nin no propio Lamas nin en Curros Enríquez.
BIBLIOGRAFÍA
Cfr. CC, CF, AT, GEG
Alonso Montero, X., Manuel Leiras Pulpeiro, o cidadán e o poeta. Poesía completa, Santiago de Compostela, Sálvora, 1983.
Carballo Calero, R., “Obra completa de Leiras Pulpeiro” en Sobre lingua e literatura galega, Vigo, Galaxia, 1971.
Franco Grande, X.L., “Estudio crítico. Lengua e poesía de Leiras”, en M. Leiras Pulpeiro, Obra completa, Vigo, Fundación Penzol, Galaxia, 1970.
Otero Pedrayo, R., “Prólogo” a Obras completas, tomo I (Poesías), A Coruña, Editorial Nós, 1930.
Reimunde, R., “Estudo premilinar” a Manuel Leiras Pulpeiro. Poesía galega completa, Barcelona, Sotelo Blanco, 1984.
Tarrío, A., “Limiar” a Departamento de Filoloxía Galega, Escolma de Leiras Pulpeiro, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1983.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.