Unha breve viaxe pola Serra da Estrela e as «aldeias históricas» da Beira Norte

Created with Nokia Smart CamCreated with Nokia Smart Cam
(Cabeça. Fotografías realizadas con dispositivo móbil. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
A celebración da hispanidade, de cheiro e raizame franquista, aínda que daquela se chamase «de la Raza», na que se conmemora o xenocidio dos pobos amerindios, foiche unha boa escusa para viaxarmos e tamén mergullármonos tres días na portuguesa Serra da Estrela, malia o adverso tempo metereolóxico desas datas.
Na mañá do sábado 10 fixemos o longo percorrido por estrada (maiormente por autovías que agora son de «portagem») e antes de subirmos cara ás primeiras encostas da Serra da Estrela demoramos a xantar (almoçar), porque lle cadrou, xa que non tiñamos prevista esta paraxe, na vila de Nelas, onde a biblioteca leva o nome do escritor António Lobo Antunes, mais a improvisación aliouse desta volta connosco e estivo ben gorentosa e a un prezo económico a comida que nos serviron no restaurante O Brazão, que eu reguei con vinho do Dão, que é o propio desta zona.
A primeira hora da tarde chegamos á cidade de Seia, onde se atopa o Centro de Interpretação da Serra da Estrela (CISE). Esta vila decepcionou un pouco as nosas expectativas, malia os seus museos do brinquedo, do pão ou da electricidade. Trátase dunha poboación de media montaña que está moi focalizada en recibir turistas e visitantes, mais centrada sobre todo nas persoas que sintan predilección polas actividades relacionadas cos deportes de inverno e polo esquí en particular. Nós optamos por un paseo até a igrexa matriz, situada nun outeiro e con certo interese histórico. E o mellor estivo no propio CISE, onde unha das persoas que alí traballan deunos cumprida e moi útil información para planificar os dous días seguintes, facéndonos sobre un mapa os posibles roteiros e salientando os lugares de maior interese histórico, aínda que a todos non se puido dar chegado.
E aínda demos aproveitado o que restaba da tarde para coller a sinuosa estrada de montaña que leva até a vila histórica de Loriga. O guía falara de facer paradiña no santuario de Nosa Señora do Desterro, que finalmente desbotamos, e aconsellara un pequeno desvío até Cabeça onde nos recomendaba facer un percurso. Así o fixemos, desde esta pequena aldea atopamos dous roteiros ben sinalizados, un até Loriga e outro até Vide, mais houbo que escoller un pequeno roteiro circular que baixa desde a aldea até o río, transcorre á súa beira e cruza un pequeno lugar de casas abandonadas, antes de entrar de novo na aldea pola parte traseira. Foi o que fixemos (imaxes superiores) e abofé que paga a pena.
Antes da noitiña aínda houbo tempo de coller o coche para nos achegar até Loriga, que ten restos da súa época romana e pouco máis que unha paisaxe envolvente. Non houbo tempo para moito máis nesta primeira xornada e chegamos cansos até a localidade de Gouveia onde alugaramos para eses días un cuarto na Casinha do Beco, a través dunha desas plataformas que permiten o aloxamento en casas familiares. Cadrou que estivemos sozinhos e ben atendidos por Ernestina, unha veciña da propietaria que reside en Lisboa e que se encargaba de nos fornecer mesmo o pan para o pequeno almoço, uns boliños de pan branco e inchado que moito non foron do noso agrado, mais iso era o de menos, xa que a casa resultou acolledora e confortable.
Ao día seguinte o tempo metereolóxico foi moito a peor, néboas e chuvia, mais non foi impedimento para facermos unha longa xeira seguindo as indicacións que tiñamos recollido en Seia. Por estradas de alta montaña, mais ben acondicionadas para o tránsito, a nosa primeira estación foi Sabugueiro, que se gaba nun indicador de ser «a aldeia mais alta de Portugal» aínda que non o é, unha localidade que ten como case único interese unha chea de lojas a venderen produtos da Serra da Estrela. Caemos na tentación e alí mercamos uns ben saborosos queixos, mestura de cabra e ovella, e unhas prendas de abrigo.
Continuando a ascensión detivémonos na Lagoa Comprida, un antigo glaciar que hoxe é tamén o encoro máis alto de Portugal. Desafiamos á chuvia e á néboa cun breve percurso pola contorna, mais a visibilidade nesa hora era nula e decidimos continuar a nosa viaxe, que se tornou moito máis complicada ao pechar a borraxeira e ao se tratar de estradas de alta montaña, moi estreitas e con moitas curvas. Con vagar chegamos á capital da Serra, a cidade de Covilhã, mais a persistente chuvia imposibilitou que a coñecesemos algo mellor. Na nosa andaina descubrimos unha taberna perto da cámara municipal e das rúas históricas nas que o día anterior se celebrou un mercado da cherovia e nesa taberna puidemos gustar pratos cociñados con ese tubérculo, descoñecido para nós, de sabor doce, que ten certa semellanza coa cenoura, pois é da súa familia, e que se produce na contorna. Resultou moi ben a mantenza.
Pola tarde achegámonos a outra poboación importante, Belmonte, que agradece un paseo polas súas rúas históricas e polo seu castelo encravado no outeiro, que inclúe un interesante museo histórico con entrada de balde. A vila tamén ten algúns edificios xudaicos e un museo desta relixión que desbotamos, xa que a nosa seguinte estación era outra aldeia histórica, Sortelha, onde hai unha impresionante fortaleza desde a que se divisa todo o Vale de Riba-Côa e que alberga unha pequena poboación no seu interior, aínda que a día de hoxe xa só se habita circunstancialmente por turistas e visitantes. Foi unha das sorpresas máis agradables da nosa andaina e iso que estivemos a piques de a deixar atrás porque tiñamos moito camiño que andar aínda.
De Sortelha seguimos outra estrada de montaña ben acondicionada para regresar a Gouveia atravesando a Serra por outro lugar e a media tarde chegamos até a vila de Manteigas, que medra nas abas, o que fai que calquera camiñada requira superar as inevitables encostas. O máis interesante, e que a chuvia nos fixo desbotar, seica está nas súas caldas e en dous lugares non moi distantes: O Vale glaciário do Zêzere e o Poço do Inferno. A noitiña botábase enriba e aínda había que cruzar a Serra por unha estrada que en moitas das súas curvas se convertía nunha impresionante atalaia sobre a paisaxe arborada, non coma a zona que visitamos o primeiro día, arrasada polos incendios, que tamén son unha praga en Portugal.
E o último día, deixamos Gouveia e tamén fomos deixando atrás o parque natural da Serra da Estrela, mais aínda houbo tampo para visitarmos nese concelho outra aldeia histórica ben bonita, Folgosinho, e xa no concelho de Celorico da Beira, outra moito máis fermosa aínda. de nome Linhares (imaxes inferiores), que percorremos, e esta última tamén conta con oficina de información para visitantes.
Xa de regreso, e fóra do perímetro da Serra da Estrela, aínda escollemos para xantar e camiñar outra aldeia histórica, aínda que moito máis vila, Trancoso, que xa son terras da nosa Dona Urraca, porén o castelo e o seu museo estaban pechados por se tratar da segunda feira. Aínda así, o obxectivo estaba xa cumprido e de volta nas nosas retinas trouxemos unha excelente panorámica da Serra da Estrela e de moitas das aldeias históricas desta contorna, pois outras xa nos eran coñecidas dunha anterior viaxe, lugares que ben merecen outra visita e novas descubertas. Será ou non será?
(Linhares. Fotografías realizadas con dispositivo móbil. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Created with Nokia Smart Cam
Created with Nokia Smart Cam

Esta entrada foi publicada en Arte, Historia, Roteiros. Garda a ligazón permanente.