«Tan petita», unha curtametraxe sobre a maternidade da poeta Maria-Mercè Marçal (1952-1998)


(Fotografía de Montserrat Manent)
«Tan petita» é unha fermosa curtametraxe da directora Laia Manresa que forma parte da película colectiva Ferida arrel: Maria-Mercè Marçal, na que vintedúas realizadoras/es renden homenaxe á chorada poeta catalá. Pódese ollar esta curta de cinco minutos, que narra a maternidade da poeta através dun álbum familiar anos despois e en presenza da súa filla, virtualmente nesta páxina:
http://documenta.fundaciontelefonica.com/proyectos-concurso/Tan_petita
Maria-Mercè Marçal (1952-1998) é unha poeta que sempre me interesou e unha citación abre e inspira o soneto intitulado «Declaración (I)», que se inclúe no Caderno II. Convocatorias do meu poemario Equinoccio de primavera (Esquío, 1998), texto que tempo despois deu pé ao traballo crítico da profesora Fina Llorca Antolín en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, vol. 7 (2004), «A Bridge Between Two Languages: from the enderroc to cascabullo. Miro Villar Rewrites Maria-Merçè Marçal’s Work», cuxo pdf pode descargarse nesta ligazón.
E velaquí o soneto:
DECLARACIÓN (I)
T’estimo: sóc la pluja que amara l’enderroc
MARIA-MERCÈ MARÇAL
Coma un hendecasílabo dos que escribiu Olavo
Bilac, de ritmo grácil e de amorosa man,
no teu recordo xorden os versos de sedán.
Ámote: son o acorde que se eleva do cravo.
Coma a luz de cor branca que esperta todo o cabo
desde os faros fisterra, vilán ou touriñán,
no teu leito alborecen os ollos de mañán.
Ámote: son a xerfa que encanece o mar bravo.
Coma a hedra perenne que sobe o muro antigo,
no teu corpo enraízan o polgar e o maimiño.
Ámote: son o lazo que abraza o envurullo.
Como o líquido fértil que molla o gran de trigo,
no teu rostro descenden o bico e o aloumiño.
Ámote: son a chuvia que embebe o cascabullo.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.