Sorteo de dous exemplares asinados do poemario Gameleiros, con fotografías de Manuel Álvarez

Gameleiros
Se outra volta non vos tocou a lotaría do nadal, poderedes probar sorte coa nosa literatura.
Máis unha vez, como promoción da lectura na nosa lingua (que ben a precisa), contra a crise económica (que o é tamén do libro e que non desapareceu como queren facernos crer), e para celebrarmos que esta bitácora chegou até as 850 anotacións desde que naceu (xuño do 2011), vou realizar un sorteo de dous exemplares asinados do poemario Gameleiros (2002), con fotografías de Manuel Álvarez, en fermosa edición xa descatalogada por Xerais.
BASES
O sorteo é internacional. Poderán participar persoas de todo o mundo que teñan interese pola literatura en lingua galega.
Pregunta
Para participar cómpre dar axeitada resposta a esta sinxela pregunta:
Unha gamela, que vén sendo na nosa lingua?
a) Emblema dunha coñecida taberna da cidade vella compostelá.
b) Pequena embarcación que se usa na pesca de baixura e como barco auxiliar, xeralmente de fondo plano, chata na proa e na popa. Chalana.
c) Embarcación con quilla alta e cadernas, proa bicuda, roda bastante lanzada, popa en estampa, aparellada con vela relinga a terzo.
d) Cadea que pendura dunha viga ou elemento similar situado no alto da lareira, cun gancho na parte inferior para suxeitar o pote sobre o lume.
e) Crustáceo mariño comestible da orde dos decápodos, parecido ao lagostino, pero moito máis pequeno, moi apreciado como alimento.
Resposta
As respostas deben enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal,
nun chío coa palabra-chave ou hashtag #gameleiros
ou nunha mensaxe directa dirixida á conta de twitter @MiroVillar indicando un enderezo de contacto.
Premios
Dous exemplares asinados do poemario Gameleiros, con fotografías do guardés Manuel Álvarez, sorteados entre todas as respostas que atinen, que levará a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que os gañadores ou as gañadoras sinalen.
Prazo
Desde hoxe mesmo até as 23:59 do cinco de xaneiro do 2015. Boa sorte!

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.

5 respostas a Sorteo de dous exemplares asinados do poemario Gameleiros, con fotografías de Manuel Álvarez

  1. Pingback: As crebas » Os exemplares asinados do meu poemario Gameleiros, con fotografías do guardés Manuel Álvarez, viaxan para Cuntis e A Coruña

  2. susarins di:

    é a b), afirma-o uma aprendiza de navegação em dorna…

  3. Nada de sorteo. Debería ser para o primeiro que dea a resposta correcta, que é… a b 😉

Os comentarios están pechados.