Sobre heroes e tumbas (I): A campa do mariño William Treweek Stevens (1870-1909) en Cee

Created with Nokia Smart Cam
(Fotografía tirada con dispositivo móbil. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Coa alusión á célebre novela de Ernesto Sábato, Sobre héroes y tumbas, que lin hai ben anos xa, abro esta serie de futuras entregas coa referencia a unha campa singular. Nas miñas visitas ao vello camposanto municipal de Cee onde moran os meus, pois na vila hai outro cemiterio novo, sempre reparo nunha sepultura con lousa que está ben afastada das demais (é de supoñer que por razóns relixiosas, talvez por ser persoa de credo protestante) e moi preto da fonte na que imos coller auga de o precisar para as flores ou para a limpeza das lápidas. Na tumba pódese ler sen dificultade esta inscrición, que tamén se recolle no sitio Maritime Memorials do National Maritime Museum of Greenwich e que si así:

IN LOVING MEMORY
OF
MY DEAR HUSBAND
WILLIAM TREWEEK STEVENS
BORN AT PORTHLEVEN JUNE 13TH1870
DIED AT SEA NOVEMBER 3RD1909
R. I. P.

O escritor camariñán da Ponte do Porto, Rafael Lema Mouzo, no seu completo Catálogo de naufragios en la costa da morte y en las costas gallegas (que se pode descargar aquí en pdf) recolle os datos coñecidos sobre o naufraxio da embarcación deste mariñeiro británico:

PUNTA BEGOÑA. 3-11-1909. Lugar: Cuño, Touriñán. Tipo de buque: vapor carbonero, 3.000 tn. Un marinero William Treweek enterrado en Cee. Nacionalidad: Inglesa.

Porén, é probable que non sexa de nacionalidade inglesa senón córnico, da vella nación de Cornualles ou Cornualla (Kernow en córnico e en inglés Cornwall), de facermos caso aos documentos que conservan nunha páxina de procura de ancestros: ancestry.co.uk
Sobre esta sepultura e outras singulares é ben interesante ler na sección «Crónica» da edición de La Voz de Galicia-Carballo do día 3 de novembro de 2010 un artigo que asina M. V. co título «As últimas moradas tamén fan voar a imaxinación» e que reproduzo deseguida:
CRÓNICA
As últimas moradas tamén fan voar a imaxinación
Os cemiterios da Costa da Morte están repletos de curiosidades
M. V. 
CARBALLO/A VOZ
Os cemiterios da Costa da Morte amenceron onte baleiros e moi poucos foron os que aproveitaron o propio día de Defuntos para visitar aos seus seres queridos xa falecidos. A maioría fixérono o domingo ou o festivo de Todos os Santos, así que unicamente os máis atrasados e aqueles que acoden case a diario, achegáronse onte a levar as súas flores aos camposantos. Nada quedaba xa do balbordo do día anterior, nin dos reencontros entre os vivos, nin moito menos do ir e vir dos veciños con trapos e cubos de auga para limpar os nichos. Por iso a de onte foi unha xornada ideal para os curiosos, perfecta para pasear sen présa polos camposantos e descubrir as curiosidades que esconden entre os seus muros. No vello cemiterio de Cee, por exemplo, pode verse unha antiga tumba, unha lápida rota polo paso do tempo no que xa ninguén deixa flores e baixo a que se atopan os restos de William Treweek Stevens, un mariñeiro inglés falecido tal día como hoxe de 1909 (probablemente no naufraxio, fronte á costa de Touriñán, do carboeiro PTA Begoña). Alí tamén permanece, entre dous panteóns adornados, unha simple tumba de terra. Sen flores, cunha simple cruz na que non consta inscrición ningunha.
Igual de enigmática é unha das lápidas situadas preto da capela do cemiterio de Carballo. Nela, ademais de constar quen é o propietario (Manuel Varela) só hai un nome, Rocío, e unha data, 21 de abril de 1935. Nada que ver con outras sepulturas nos que os familiares incluíron as fotografías dos falecidos e incluso datos concretos sobre a súa profesión. No camposanto carballés, ocorre, por exemplo, na de Francisco Bértoa, «xardineiro municipal retirado», falecido en xaneiro de 1973, ou na do nicho que comparten José Carballeira Pérez, «cura párroco e arcipreste de Bergantiños durante 47 anos» (morreu o 25 de decembro de 1942) e o sacerdote Alberto Pazos Recarey, falecido en 1996 e recordado por «a súa comunidade parroquial». En Carballo tamén hai médicos, mestras nacionais e farmacéuticos, igual que noutros cemiterios da comarca, onde ata os anos cincuenta era habitual facer constar a profesión dos falecidos. Defuntos que, como os demais, onte non recibiron case visitas.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Historia. Garda a ligazón permanente.