Route Irish, de Ken Loach


Son seguidor do cinema político e social de Ken Loach desde que en 1990 ollei Hidden Agenda (Axenda oculta). Desde aquela non adoito perder ningunha das súas películas. Máis unha vez Cineuropa ofreceunos a oportunidade de ollar o seu novo traballo. Desta volta Ken Loach retrata os negocios xerados arredor da guerra desde os sumidoiros da clase política americana e británica que permitiu a privatización do conflito. Son os mercenarios do século XXI. Route Irish é o nome da perigosa estrada que une o aeropuerto de Bagdag coa zona internacional da cidade. Fergus logra convencer ao seu amigo da nenez Frankie para se incorporar ao seu equipo de axentes de seguridade na capital de Iraq a cambio dun salario millonario. En setembro de 2007, Frankie morre na Route Irish e Fergus, que se atopa no seu Liverpool natal nesa altura, rexeita a versión oficial e emprende a súa propia investigación sobre a morte do seu mellor amigo, de inicio incluso coa incomprensión de Rachel, a compañeira de Frankie. A trama complícase e as reviravoltas do guión de Paul Laverty (habitual nos filmes de Loach) non nos permite a tregua até o final. A única pexa, na nosa opinión, é un final que lembra o poema “A xustiza pola man” de Rosalía de Castro, aínda que Paul Laverty e Ken Loach talvez tivesen na cabeza algún western como Pale Rider (O xinete pálido) de Clint Eastwood. Malia isto Route Irish chega para facernos reflexionar sobre as mentiras (Blair the liar) que converteron Iraq nun lugar de destrución irracional. Aínda hoxe.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Historia, Política. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Route Irish, de Ken Loach

  1. Pingback: As crebas » The angel’s share, de Ken Loach, Premio do Xuri no Festival de Cannes 2012

Os comentarios están pechados.