Roteiro do Deza: Do mosteiro de Carboeiro á fervenza do Toxa


(Foto de Iván Fraga Moure, que foi alumno meu no IES Fin do Camiño de Fisterra e que mantén un fermoso blogue fotográfico e de anotacións literarias: http://afragadosmouros.blogspot.com/)
A amizade e a conversa, tamén literaria mais non só, cobra vida se se fai nunha camiñada que che leva percorrendo un roteiro que xunta o esplendor do románico coa maxestuidade da natureza. Hoxe, entre agradecidos nubeiros que non deixaban nacer a soalleira calor habitual no mes de xullo, camiñei xunto co escritor (e aínda amigo) Xosé Manuel Lobato o denominado Roteiro do Deza: Do mosteiro de Carboeiro á fervenza do Toxa, un PRG (siglas que significan “Pequeño Recorrido en Galicia”) que está calculado para facer en catro horas, iso foi o que nos levou a Mar e a min hai unhas semanas, aínda que esta mañá nós só empregamos tres, sen incluírmos a parada para xantar no restaurante O Refuxio, de Reboredo-Merza (As Cruces), un lugar con excelente cociña caseira e moita amabilidade.
Lobato xa coñecía estas terras por percorrer os seus ríos na procura de troitas e eu tamén porque hai anos que os descubrín con Rosa Salgueiro, do Carboeiro. De feito en 1998 publiquei este soneto que testemuña a miña admiración por estes lugares aos que sempre adoito regresar. Con Lobato aprendín que o Toxa é un afluente do caudaloso río Deza e este último é o que pasa ao pé do mosteiro e que cruzamos por vez primeira na chamada “Ponte do Demo”, que ten unha curiosa lenda.
A ROSA
Se digo a rosa, digo río toxa e fervenza,
se digo a rosa, digo lugar de carboeiro,
se digo a rosa, digo tamén o seu mosteiro,
se digo a rosa, digo telúrico eco e crenza,
se digo a rosa, digo terras para a mantenza,
se digo a rosa, digo pradairo, sabugueiro,
se digo a rosa, digo rebento de salgueiro,
se digo a rosa, digo paixón que nunca venza,
se digo a rosa, digo casal acolledor,
se digo a rosa, digo mel e filloas na pedra,
se digo a rosa, digo recendo a vaca pinta,
se digo a rosa, digo, finalmente, unha flor,
se digo a rosa, digo que o meu corazón medra,
se digo a rosa, digo todo en forma sucinta.
(Equinoccio de primavera, Ferrol: Esquío, 1998;
finalista do premio Tívoli-Europa 1999)

Esta entrada foi publicada en Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.