Roteiro Camiño dos Encomendeiros, no Parque Natural das Fragas do Eume


(Mapa do roteiro. Premer para agrandar o tamaño)
Máis unha vez, a amizade e a conversa cobraron vida nunha camiñada por terras do Parque Natural das Fragas do Eume. Foi esta mañá de agosto caloroso, aínda que nós xa estábamos no punto de inicio contra as nove e media da mañá para aproveitarmos toda a fresca, de feito a calor só a sentimos cara ao final. Aló fun novamente co escritor (e aínda amigo) Xosé Manuel Lobato. Desta volta andamos o roteiro denominado Camiño dos Encomendeiros.
Antes de chegarmos até a ponte de Santa Cristina ou de Caaveiro tivemos un despiste que nos desviou e que resultou moi produtivo. En realidade, deixamos á nosa dereita a senda que levaba ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro a escasos centos de metros para adentrármonos á esquerda noutro roteiro que sobe até O Pazo (A Capela), tras unha dura encosta. Porén este erro meu pagou a pena, porque xa no cumio puidemos falar abondo cunha muller nova e gandeira que, coma adoita suceder, foi moi crítica coa declaración de Parque Natural e moito máis aínda coa xestión que fixo a Xunta de Galicia dos recentes incendios (velaquí un video) que atinxiron centos de hectáreas no perímetro das fragas, segundo a versión oficial, e que Lobato e mais eu puidemos constatar que chegaron até ben perto do mosteiro, polo tanto no corazón mesmo do Parque Natural. A muller falounos tamén dos problemas do sector lácteo e coma a súa cooperativa (Coopcapela) viña de ter problemas con Leite Río, do pouco que se pagaba e de que a única transformación que se facía na zona era o queixo (mellor a tetilla) e sobre todo o requeixo da Capela da propia cooperativa, que dixo que tiñamos que mercar e así o faremos para dar fe de se é tan sabedeiro como ela afirmaba.
Na propia aldea ollamos a fermosa e pequena igrexa, restaurada na pasada década, e aínda fixemos unha visita demorada ao Museo Etnográfico da Capela (esta Casa Museo atópase no lugar de O Pazo, no termo municipal da Capela), aínda que fomos os únicos visitantes nesa hora do mediodía, mais cómpre dicir que paga ben a pena achegarse até a súa riqueza material.
Logo desandamos o camiño, en baixada, até achegármonos ao mosteiro e regresarmos ao punto de partida, en menos das 5 horas previstas e iso que nós fixemos a prolongación até A Capela.
De feito chegamos con tempo aínda para coller o coche e irmos xantar unha boa tortilla de Betanzos nunha taberna da cidade dos Cabaleiros, acompañada de salada e de abundante cervexa. Nesta ocasión apenas puidemos transitar polas rúas betanceiras nin tampouco visitar de novo os xardíns do Pasatempo (que inspiraron un libro do finado poeta Ramiro Fonte).
Na viaxe de regreso aínda houbo dúas breves paradas, a primeira en Carral para mercarmos senllos bolos de pan e tamén para irmos ao cemiterio a visitar as tumbas dos Mártires, e a segunda para ollarmos os batáns no Eco-Museo Costa da Égoa, que atopamos nunha situación de bastante abandono e co seu centro de interpretación totalmente pechado e en desleixo.
Descrición oficial do roteiro Camiño dos Encomendeiros:
A ruta parte da ponte colgante de O Cal Grande e discorre río arriba ata chegar á ponte de Caaveiro, aquí ascende ata o mosteiro para volver sobre sí mesmo paralelo ao río Sesín. Pódese acurtar a súa lonxitude iniciando o camiño na ponte colgante de Fornelos, ou ben camiñando só o tramo circular de Caaveiro.
Cómo chegar?
Desde Pontedeume tomar a estrada AC-144 en dirección a Monfero, a escasos dous kilómetros, virar á esquerda en dirección a Ombre e ao Mosteiro de Caaveiro -CP-6902-. Continuar sempre de fronte -ao redor de sete kilómetros- pasando as áreas recreativas e a Alameda ata chegar ao refuxio de pescadores de Cal Grande.
Lonxitude:
Tramo 1:da ponte de Cal Grande á Ponte de Fornelos: 3 km.
Tramo 2: da ponte colgante de Fornelos ata a ponte de Santa Cristina -ou de Caaveiro- 2.5 km. Tramo 3: circular en Caaveiro: 2 km
Distancia percorrida: 10,66 kilómetros
Altitude min: 19 metros, max: 147 metros
Desnivel acum. subindo: 148 metros, baixando: 111 metros
Grao de dificultade: Baixo ou moderado
Tempo: 5 horas
Finaliza no punto de partida (circular): Si
Coordenadas: 1020
Accesibilidade con bicicleta de montaña: non é apto
GPS inicio da ruta: Cal Grande (Monfero)
43º 25,005′ N
08º 06,250′ W

(Video en castelán do roteiro Camiño dos Encomendeiros realizado por trestreboles)

Esta entrada foi publicada en Roteiros, Tradicións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Roteiro Camiño dos Encomendeiros, no Parque Natural das Fragas do Eume

  1. Pingback: As crebas » «Pescadores do Eume», un artigo de Xosé Manuel Lobato sobre a nosa camiñada polo Roteiro dos Encomendeiros nas Fragas do Eume

Os comentarios están pechados.