Repertorio das Cantigas Medievais Galego-Portuguesas


Iluminura do Cancioneiro da Vaticana. Anotación en Littera: «Nobre, jogral com viola de arco, rapariga com pandeiro redondo e de soalhas exteriores. Note-se que a personagem sentada tem um chapéu, no qual parece desenhar-se a letra M (é esta, de resto, a única personagem com chapéu de todas as iluminuras)». Premer na imaxe para a agrandar.
Hai magníficas iniciativas que lle dan lustre á nosa literatura. Desta volta sabemos que hai uns días está na rede un excelente repertorio das cantigas medievais galego-portuguesas. A páxina é froito do proxecto Littera, edição, atualização e preservação do património literário medieval português, financiado polo Instituto de Estudos Medievais da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa. Esta base de datos desenvolveuse entre outubro de 2007 e outubro de 2010 e pódese consultar na páxina web Cantigas Medievais Galego-Portuguesas, dirixida non só aos investigadores senón tamén ao público en xeral. Entre a enorme información que nos achega está a totalidade do patrimonio literario dos nosos cancioneiros, e onda a transcrición dos textos aparecen as imaxes (iluminuras) dos manuscritos e a música, no caso de teren notación musical. Alén diso, tamén incorpora datos sobre os autores que se inclúen e sobre as persoas ás que se alude nas cantigas, directamente ou non, así como do aspecto formal das composicións. En definitiva,“um conjunto de informações destinadas a facilitar quer a sua leitura, quer o seu enquadramento histórico (glossário, notas explicativas de versos, toponímia, antroponímia, notas gerais)”. A equipa encargada dos traballos dispuxo da colaboración da Biblioteca Nacional de Portugal “no que toca às imagens do Cancioneiro da Ajuda e do Cancioneiro da Biblioteca Nacional”.
Na anterior entrada lembraba a intertextualidade coa pintura de Urbano Lugrís no meu poemario As crebas. Pois ben, a nosa literatura medieval tamén estaba moi presente nos diálogos intertextuais do meu primeiro libro de poemas, un sonetario publicado co título de Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992). Na terceira parte intitulada “De ti e das palabras”, os sonetos principan sempre con versos de poetas amados e dous deles son de trobadores medievais. O primeiro A dona que eu am’e tenho por senhor é un verso de Bernal de Bonaval, un dos autores medievais que se adoitan relacionar con Compostela. Deste soneto xa falei nesta bitácora pola súa relación con Álvaro Cunqueiro. E o segundo inspírase na cantiga de João Baveca que principia Os que nom amam nem sabem d’amor.
DE TI E DAS PALABRAS
I
A dona que eu am’e tenho por senhor
ten unha palidez de intensidade
límite no solsticio da cidade
das augustas murallas derredor.
A dona que eu am’e tenho por senhor
ten un albo clarón de divindade
de crentes en xaxún de antiga idade,
deserto, tribo nómada e calor.
A dona que eu am’e tenho por senhor
ten maxia e ten tesouros, di Cunqueiro
e aos libros de don Álvaro remito.
A dona que eu am’e tenho por senhor
ten sinal de meigallo feiticeiro,
nome supersticioso, moito mito.
II
Os que nom amam nem sabem d’amor
descoñecen tamén a algarabía
de asasinar un himen, fechoría
de percorrerche o corpo na calor,
na fogaxe que chega a ser ardor
e escarvadura unánime do día,
adulterando en louca de alegría
a rotura que súpeto foi dor.
Perecedoira que é a virxindade
sen ter certificado documento
e somente co límite da idade,
nin sequera unha escolla do momento
vai garantir ter máis felicidade
nin facer incorrupto o pensamento.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Literatura medieval, Poesía. Garda a ligazón permanente.