Rememorando un espazo da infancia: a Cova dos Mouros, Toba-Cee

CovadosMouros1
CovadosMouros2
(Boca de entrada da Cova dos Mouros, Toba-Cee, e interior. Fotografías de Modesto García Quintáns. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Días atrás o dixital QuepasanaCosta publicou na súa sección «Recunchos da Costa» un artigo sobre a Cova dos Mouros, ubicada na parroquia de Toba, no concello de Cee, que me fixo retornar ao terriorio da infancia, pois visitei este espazo en diferentes camiñadas polo monte d’O Son e con diferentes cans que tiven neses anos (Cusqui, July, Trotski ou Trece, non lles puxen eu ningún dos nomes) ou na compaña de meu irmán máis novo, o escritor Rafa Vilar, e dalgúns amigos e viciños da nosa idade no lugar d’A Granxa onde estaba daquela a casa familiar da miña nai.
No texto, que se pode ler nesta ligazón e que reproduzo máis abaixo, descríbese moi ben a súa ubicación e cóntase a súa historia, con feitos que podo testemuñar, como cando se di «hai anos que os cativos da zona a usaban para cazar morcegos pola súa abundancia pero na actualidade está baldeira». En efecto, lembro coma algúns de nós poñiamos unha rede na entrada e con esta trasnada demos cazado algún morcego (muriseghos, para nós), que nos parecían animais moi estraños que definimos como «ratos con ás».
Porén na historia da cova, hai un erro de vulto que calquera coñecedor da nosa atnografía advertirá de contado. Dise: «Ninguen sabe a súa orixe e tampouco a súa aplicación. Uns dín que foi feita polos moros cando chegaron á comarca…», cando é ben sabido que non hai razón histórica, xa que nunca aquí chegaron os musulmáns.
Cando na nosa nación milenaria se fala de mouros e mouras (e hai ducias de topónimos que o demostran) estamos a falar de seres lendarios, dun pobo de criaturas sobrenaturais que protagonizan lendas, mitos e relatos estendidos por todo o norte da península (Asturies, Galiza e Norte de Portugal), relacionados ás veces con tesouros ocultos, tal e como recollen Xoán Ramiro Cuba, Xosé Miranda e Antonio Reigosa no seu Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais, 1999, magnífica obra que xa vai na 5ª edición, con ilustracións de Lázaro Enríquez) ou no sitio galiciaencantada que dirixe o último dos citados, onde a procura no seu buscador da palabra mouros ofrece ducias de resultados, mesmo unha Cova dos Mouros na Fonsagradaoutra en Arcos de Vilamartín de Valdeorras, outra en Candeda de Carballeda de Valdeorras, outra en Cervás de Ares e outra en Ermelo de Bueu, sen teren noticia da nosa e máis aínda que haberá pola nosa Terra.
De quitado deste lapsus, as fotografías e o texto (coas dúbidas que poida haber na mención histórica de ser usada como refuxio na acometida francesa) son un magnífico testemuño para coñecer esta paraxe que tanto visitei na cada vez máis afastada nenez. Parabéns, pois, a Modesto García Quintáns pola súa achega. Velaquí:
O Recuncho
Temos a sorte de volver a contar coa aportación de Modesto García Quintáns para seguir recuperando recunchos agochados pola comarca de Fisterra. Xa nos descubríu ducias de tesouros por Dumbría, e hoxe achégase ata Cee para, arriba, no Monte do Son, amosarnos a Cova dos Mouros.
É una cova con forma de túnel situada na ladeira oeste do Monte de Guimareu (Cee). Está a uns 100 metros separada da estrada de Toba a Guimareu, nunha finca a monte cuberta de maleza coñecida como Prado de Pazos. Ten uns 18 m. de largo por uns 1,30 m. de ancho e un alto entre
1,3 m. e 1,6 m. Ninguen sabe a súa orixe e tampouco a súa aplicación. Uns dín que foi feita polos moros cando chegaron á comarca e outros que foi feita polos lugareños para agochar cousas de valor cando chegaron os franceses a Corcubión. Tamén hai quen opina que era unha mina de auga.
Tamén a relacionan cos escapados da Guerra Civil, como os agochados no Monte Pindo que nos descubríu Luís Lamela. Na actualidade, esta cova, está totalmente cuberta de maleza pero pódese entrar nela e chegar ata o fondo. Hai anos que os cativos da zona a usaban para cazar morcegos pola súa abundancia pero na actualidade está baldeira.
Hai unha anécdota relacionada con outra cova cercana a esta paraxe. Contaba unha persoa maior, que no ano 1936, dous veciños de Cee, que formaban parte da banda de música, determinaron de agocharse para non ir á guerra. Dacordo cos familiares, fixeron unha cova no Prado de Cambeiro, a escasos metros da Fonte Parromero. O problema xurdiu cando un veciño do Son, subido a un pino para recoller pinas, viu un bicho raro asomar a cabeza polo furado desa cova. Asustado deo a voz de alarma no lugar e os familiares, temerosos de que ía participar a Garda Civil, convencérenos de que se entregasen.
Cómo chegar
Cóllese na estrada AC-552 o ramal que vai a Estorde pola igrexa de Toba. Pasada a fonte, a un quilómetro antes de coller a pista que sube ao mirador do Son existe unha portela cerrada con rexa metálica onde se pode aparcar á dereita. Nada máis cruzar a estrada existe unha pequena rampa de terra que sube a unha finca limpa de maleza. Xírase a esquerda para saltar un muro de pedra cuberto cuns troncos bellos. Dentro encontramos moita maleza e subindo por un carreiro uns 60 metros encontramos o burato da cova. Debe levarse unha linterna para poder entrar. Pódese localizar nas coordenadas UTM(29ED50): X = 483370; Y = 4756348.

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Roteiros. Garda a ligazón permanente.