«Rede e literatura. Os blogs, fiestras ao mundo», artigo do crítico Joaquim Ventura


«Rede e literatura. Os blogs, fiestras ao mundo» é o título dun interesante e suxestivo artigo do crítico Joaquim Ventura que se publicou no día de onte na segunda páxina do suplemento Faro da Cultura. A funcionalidade das bitácoras no campo literario é a cerna deste traballo que nun apartado intitulado «De Noso» fai un necesariamente breve percorrido por algúns blogues da nosa literatura, citando tamén a esta casa. Velaquí un extracto das palabras de Joaquim Ventura, nas que tamén se transparentan as súas filias e as súas fobias:
«A existencia de Internet é unha ferramenta para as linguas minoritarias e minorizadas. Por cinguir o comentario a Galiza, a presenza de blogs literarios está consolidada, ata o punto que a AELG xa estableceu un premio para recompensar o esforzo de escribir de/ou desde a literatura na Rede. Segundo publica o web desta asociación, os finalistas de 2011 son Miro Villar (As crebas), Ramón Nicolás (Caderno da crítica) e Armando Requeixo (Criticalia). Os tres na plataforma Blogaliza.
Naturalmente, hai máis blogs, algúns xa con moita veteranía, como o Cabaret Voltaire, que mantén Jaureguizar desde outubro de 2005. Textos breves, normalmente intelixentes, e fotos ben procuradas. O blog de Jaureguizar é un blog limpo, ben artellado, que gostará ou non, pero que non abafa.
Suso de Toro tiña o seu ata xuño de 2010, cando pechou (ou, como dicía el, non o actualizou máis). Blog (aloxado en Blogaliza) que combinaba reflexións en castelán con aportacións nos medios en galego. De xeito semellante o aínda vixente de Manuel Rivas, no seu sitio web, redactado en castelán. Supoño que os deberes cara aos seareiros teñen estas servidumes. E, finalmente, o de Xavier Alcalá, exemplo de blog narcisista, artellado con fotos de seu e coas colaboracións que publica polo país adiante».

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios. Garda a ligazón permanente.