Recensión á Obra completa. Volume I: Prosa, de Manuel Antonio (Edición de Xosé Luís Axeitos), en Grial 194


No último número de Grial, Revista Galega de Cultura, 194 (abril, maio, xuño 2012), que acaba de chegar ás librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital na propia páxina da Editorial Galaxia, publícase co título «A ligazón entre modernidade e nacionalismo» a miña recensión da Obra Completa. Volume I: Prosa de Manuel Antonio, edición de Xosé Luís Axeitos, Fundación Barrié / Real Academia Galega, 2012. 344 páxinas.
Endebén recomendo a merca do exemplar que ofrece contidos coma unha serie «Novas olladas sobre Rosalía de Castro» de seis mulleres da crítica, ofrezo deseguida a miña recensión ao completo:

A aparición deste volume, que recolle a obra en prosa de Manuel Antonio, é un acontecemento extraordinario e singular para a nosa literatura coma ningún outro nos últimos anos, polo que ten de descuberta dun importante corpus de textos inéditos que agrandan a dimensión do poeta rianxeiro Manuel Antonio (1900-1930). O editor literario, o académico e profesor Xosé Luís Axeitos, tamén rianxeiro, explica na Introdución Xeral que «forma parte dun proxecto conxunto entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié e permitirá, por fin, a publicación da obra completa do escritor rianxeiro. O devandito proxecto inaugura tamén unha nova colección, con vocación de futuro, que se denominará Clásicos da Academia».
Ese ambicioso e suxestivo proxecto de compilar a verdadeira obra completa de Manuel Antonio estaría perfilado por cinco volumes: a prosa no primeiro; o frondoso epistolario no segundo e no terceiro; a poesía no cuarto e unha biografía do escritor rianxeiro no derradeiro. E aquí vén a única mácula ou pexa que, malia ser minúscula, non é menor. Sucede que este Volume I: Prosa inclúe no seu último apartado todas as traducións poéticas realizadas por Manuel Antonio, que en boa lóxica deberían facer parte do tomo poético.
Na breve, a aínda así magnífica, Introdución Xeral da presente compilación o editor lembra o primeiro plan de rescatar boa parte destes textos por parte do curmán do poeta, Roxelio Pérez, Roxerius, xa por volta do 1943, e que Axeitos cre que se fanou pola situación persoal daquel ao ser depurado do Maxisterio polas autoridades franquistas, pois «Non estaba, logo, en condicións de significarse editando textos certamente nacionalistas e revolucionarios no contexto da represeión franquista dos primeiros anos corenta». Esclarecido este asunto, Axeitos anda con pés de la á hora de enxuízar as edicións do doutor Domingo García-Sabell, a quen Pura Sánchez, a nai do poeta, entregara todo este caudal de información que adurmiñaba até hai pouco nos arquivos da Fundación Barrié. Sería ben sabermos as razóns ou cando menos podermos avanzar nunha hipótese sobre un feito que autores coma Méndez Ferrín teñen cualificado de «secuestro», porén aínda seguimos na dúbida.
A edición de Xosé Luís Axeitos é filolóxica e reproduce con absoluta fidelidade os manuscritos autógrafos do poeta, sen as actualizacións ortográficas que perpetrara na súa edición o doutor García-Sabell. Deseguida ofrécesenos unha pormenorizada Crono-bio-bibliografía de Manuel Antonio que percorre os acontecementos vitais máis importantes do poeta, alén de sinalar outra serie de datos ecdóticos, das súas primeiras publicacións, ou de efemérides culturais e políticas que tiveron notable influencia no breve e intenso percurso vital do rianxeiro. Velaí desde os sucesivos destinos da nai coma mestra até a implicación do poeta nas Irmandades da Fala ou nas diferentes Asembleas Nacionalistas. Son anotacións eruditas coma esta de 1917: «Grande amizade con José Romero Lema, Joaquín González Mato e Marcial Rodríguez Cebral. Cos dous últimos acaba asinando un pacto de sangue polo que se comprometen a falar sempre en galego». Ou aqueloutra de 1921: «Asina unha folla voandeira con Xavier Soto titulada “Terra ceibe!” protestando pola negativa do concello de Vigo a que ondee a bandeira galega no seu balcón o Día da Patria Galega». Ou as súas travesías marítimas no pailebote Constantino Candeira ou no Gelria, que deixarían tantas pegadas no seu estro, nomeadamente no libro De catro a catro. Follas sin data d’un diario d’abordo (Nós, 1928).
A compilación está dividida en tres partes. A primeira, co título de Prosa literaria, xunta quince textos narrativos, inéditos na súa maior parte, que se ofrecen en orde cronolóxica. Na Introdución a esta parte o editor sinala que os catro primeiros (“Xornadario”, “A cidade d’os homes que non tiñan alma”, “O que o sol-por calaba” e “As irremediabres merancorías”) seguen os criterios estéticos do seu primeiro libro de poemas Con anacos d’o meu interior e estarían impregnados da atmosfera de dúbidas e indecisións que atravesaba o poeta logo de abandonar os seus estudos. Xosé Luís Axeitos establece novas intertextualidades entre os seguintes relatos e as singraduras poéticas do libro De catro a catro, tentando profundar no que hai de biografismo nos textos e tamén no diálogo permanente entre a realidade e a fantasía. Nesta última é obvio, como sinala o editor, a pegada de Edgar Allan Poe, de cuxa obra Manuel Antonio foi o primeiro tradutor á nosa lingua. Estes textos evidencian un escritor que nada tiña que lle envexar á narrativa que se estaba a publicar e con trazos de modernidade, froito das súas lecturas, aínda pouco explorados naquela altura. Salienta o bosquexo intitulado “A novela de Rodolfo Cruceiro” que nos amosa un autor preocupado pola narración de xinea psicolóxica. De moito menos entidade, resulta curiosa a breve escena teatral “O neno e o vello”, que semella simbolizar o enfrontamento entre “novos” e “vellos” do manifesto Máis Alá! (1922), desta volta co suicidio do vello. En definitiva, esta prosa literaria sitúa a Manuel Antonio entre os renovadores da nosa narrativa breve dos anos vinte e no dicir do editor merece un lugar antolóxico á par de Risco, Otero Pedrayo, Castelao e Dieste.
A segunda parte, co título de Prosa ensaística, recolle vinte e tres breves textos moi heteroxéneos que o editor divide en De tema literario e cultural e De natureza política. Os primeiros ábrense co coñecido e divulgado manifesto Máis Alá! (1922), cuxa primeira versión arremetía con nomes e apelidos contra varios intelectuais da nosa cultura (Carré, Lugrís Freire, Eladio Rodríguez, Noriega Varela, Aquilino Iglesias Alvariño…). Deseguida outras pezas breves que amosan a súa teimosía contra Valle-Inclán, que dialogan con Euxenio Montes, que falan da vida local, da arte popular, dos romances de cegos ou que revelan o seu espírito e sensibilidade musical en “Gabanza d’o cantar” ou “Gabanza do piano mal tocado”. Con todo os máis interesantes e indispensables para resituar o seu estro son aqueles textos metapoéticos, magníficas pezas de ourivesaría, velaí “Encol d’a metáfora. Lerias” (que debería ser lectura obrigada antes de penetrar nos seus versos), “Un poeta d’a nosa terra” ou o máis coñecido “Prólogo d’un libro de poemas que ninguén escrebeu”. No tocante aos textos De natureza política amosan a súa evolución ideolóxica, mesmo os primeiros están aínda en castelán, para axiña reafirmar o seu monolingüismo e o seu arredismo ideolóxico. Son esclarecedores o xa mentado “Terra ceibe!”; “Honni soit…” (onde se pode ler de maneira rotunda «Conste que eu non son hespañol; son galego»); “O estado”; a escena teatral “Leución d’historia” ou “O remorso d’as estátoas e a dinidade d’o silenzo” (que asina o día de Santiago d’o 1925).
Finalmente, a terceira parte, co título de Traducións, compila cinco prosas e vinte e catro poemas, todos traducidos do francés agás dous do inglés. Na Introdución a este apartado Axeitos realiza un excelente estudo sobre o pouco coñecido Manuel Antonio tradutor. Das cinco prosas dúas son de narrativa, o conto “O retrato oval” de Edgar Allan Poe (por vez primeira anosado) e “Le maitre de la mer” de Eugène Melchior”, as outras tres son ensaios sobre arte e lírica: “La poésie d’aujourd’hui” de Jean Epstein, “Du cubisme” de Albert Gleizaes e Jean Metzinger e “Poética de Mallarmé” de Herri Rambaud. Entre as versións dos poetas (por que non no futuro volume de Poesía?) salienta Arthur Rimbaud con dez composicións, e están case todos os grandes poetas en lingua francesa: Guillaume Apollinaire, Paul Éluard, Benjamin Péret, Tristan Tzara (de orixe romanesa) ou Paul Marie Verlaine, xunto a outros menos divulgados coma o flamengo Émile Verhaeren, o poeta de orixe armenia Hrand Nazariant (co poema “Mare, triste mare”) ou Phileas Lebesgue (co seu poema “Vigo” que foi publicado en francés na revista Nós). En moitas destas lecturas faise evidente o mestrado que Vicente Risco exerceu sobre o poeta rianxeiro. As versións de Manuel Antonio agardan un estudo en profundidade que se debería realizar sen demora.
Inusitado e suxestivo este Volume I: Prosa de Manuel Antonio que ilustra a ligazón entre modernidade e nacionalismo pola que sempre suspirou o poeta rianxeiro, cuxos textos chegan a nós noventa anos despois do manifesto Máis Alá!, para redimensionar a obra no seu conxunto desde aquela fanada tentativa do 1943. Non era sen tempo, abofé. E todo semella indicar que os sucesivos volumes desta Obra Completa aínda nos han traer novas e felices descubertas.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Manifestos, Narrativa, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.