Recensión a Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González, en Grial 220

No último número, 220 (outubro, novembro, decembro do 2018) de Grial, Revista Galega de Cultura, que desde hai uns días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» unha recensión intitulada «Dúas persoas decisivas na Galicia de preguerra. Os irmáns Villar Ponte», para dar conta do volume Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González.

Por outra banda, este número 220 xira arredor do tema «Ler cidades, transitar textos», con artigos sobre a cuestión da autoría de María López Sández, Rosa Marta Gómez Pato, Marilar Aleixandre, Margarita Estévez-Saá, Margarita García Candeira e finalmente Alba Rozas Arceo.

Tamén se publican na sección «Temas do noso tempo» os artigos «A antropoloxía e a cultura galegas» da autoría de Xerardo Pereiro e «Marxismo e ecoloxismo» que asina Manuel A. Fortes Torres.

Alén doutras recensións, completan este novo número, as páxinas de creación poética de Manuel Darriba e narrativa de Antón Lopo, e completan a sección «O espello das letras» os textos «A terra que María Victoria Moreno herdou de Otero Pedrayo» de Xesús Rábade Paredes, «Tirando do nobelo. Xohana Torres» de Dores Tembrás e «Os adolescentes na narrativa de Carlos Casares» de Camiño Noia Campos.

Pechan este número a «Carta de Hanoi. Unha metrópole de dúas velocidades» que asina Iago Méndez e os breves ensaios «Facundo Quiroga, caudillo popular de orixe galega e a construción da patria arxentina» do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, «A Fotobienal de Vigo e o Centro de Estudos Fotográficos» de Manuel Sendón, «Propaganda da realidade. Seoane e a ilustración gráfica nos semanarios Claridad e Ser (1933-1935). II» da autoría de Carlos L. Bernárdez, as revensións de espectáculos teatrais «A maxia en Commedia, un xoguete para Goldoni» de Ana Abad de Larriva e «Esperpento 2.0. Divinas palabras Revolution» de Roberto Pascual e pecha o volume o co-director da revista e presidente da RAG Víctor F. Freixanes coa súa achega «A lingua e a cultura galegas perante as novas tecnoloxías da comunicación».

Velaquí a miña recensión ao completo:

Dúas persoas decisivas na Galicia de preguerra. Os irmáns Villar Ponte

Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte
Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González
Vigo: Xerais, Crónica, 2018, 660 páxinas

As nosas dúas editoras cimeiras, Galaxia e Xerais, veñen arrequentando os seus catálogos con obras biográficas de indudidable interese, veñan ou non acompañadas do éxito de vendas nun sistema literario con evidentes síntomas de debilidade. Velaí, alén das biografías de autores e autoras que se homenaxean nas Letras Galegas, as recentes Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837 – 1863), de María Xesús Lama, Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos ou Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego, de Xosé Ricardo Losada, que se suman a obras anteriores sobre Álvaro de las Casas, Aníbal Otero, Faustino Rey Romero, Luís Soto, Celso Emilio Ferreiro ou Mª do Carme Kruckenberg.

Desta volta, Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González asinan un voluminoso estudo biográfico sobre os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, dúas persoas decisivas na historia cultural e socio-política da Galicia de preguerra. Neste inxente traballo “a catro mans” (hoxe mecanografamos con dúas) foxen á mantenta de reiteracións do que os dous investigadores xa escribiron con anterioridade. Emilio Ínsua é autor de varios textos centrados na obra de Antón Villar Ponte e tamén escribiu Antón e Ramón Villar Ponte: unha irmandade alén do sangue (2004), texto gañador do II Premio Centro Ramón Piñeiro de ensaio breve, que en boa parte serve de armazón para esta novo ensaio. Por parte, Xurxo Martínez é autor de textos máis breves como “Ramón Villar Ponte: unha biografía posíbel” ou “Recordo dos Villar Ponte: Antón e Ramón” que tamén alicerzan a obra.

E son quen de nos levar a través das respectivas biografías dos dous irmáns a percorrer unha época apaixonante que vai desde antes da conformación das Irmandades da Fala ata o esfarelamento do galeguismo despois do golpe militar franquista e a dura posguerra da ditadura deica o pasamento de Ramón, en setembro de 1953 (pois Antón falecera en marzo de 1936).

Malia que moitas veces os acontecementos históricos semellan rebordar por riba da biografía, resulta ben certo sinalar que dificilmente se poderían narrar episodios das súas vidas sen botar man dunha análise demorada dos conflitos políticos que viviron o galeguismo e o republicanismo, pois Antón (en moito maior medida por ser case nove anos maior ca o seu irmán) e Ramón foron parte da maioría das iniciativas xurdidas nos eidos cultural, político e societario naquela altura.

O volume consta de seis partes que veñen delimitadas sempre por datas, asociadas a sucesos históricos como axiña se verá. Porén, no conxunto hai unha evidente descompensación en favor de Antón Villar Ponte, explicable porque seu irmán Ramón tivo sempre moito menor dimensión pública.

De feito, na primeira parte (1881-1916) e alén da primeira das 24 epígrafes, na que coñecemos o contexto familiar acomodado e a militancia conservadora de seu pai, só unha delas está centrada na formación académica de Ramón, nove anos máis novo, e nos seus primeiros compromisos cívicos: o centenario de Nicomedes Pastor Díaz e a campaña a prol de Pardo Bazán como académica.

Pola contra o seguimento da traxectoria de Antón é minucioso, desde a súa infancia, os seus estudos universitarios de Farmacia e a súa presenza activa no grupello local de Germinal, que pretendía anovar o republicanismo, ou na fundación do semanario Nueva Brisa e do quincenario Germinal, as súas primeiras experiencias do que había ser unha longa traxectoria xornalística, que xa nestas datas o levou a colaborar en moitos cabezallos de ámbito galego, mais tamén da diáspora, así como a participar na creación de dous xornais satíricos. Os biógrafos fan unha análise cumprida de todo este labor e do seu compromiso político coa Unión Republicana, ao tempo que coñece e admira ao vello escritor mindoniense Leiras Pulpeiro. Tanto é así que despois da morte de Leiras en 1912 vai ser o seu mellor divulgador e ha preparar a edición da súa obra completa.

Tamén coñecemos o seu primeiro achegamento ao rexionalismo, colaborando coa Revista Gallega de Galo Salinas, e os seus inicios como dramaturgo, quer con traducións quer coa escrita de pezas, entre as que salienta A patria d’o labrego.

Porén non todo son éxitos, pois Antón ía fracasar na súa primeira tentativa de deixar a botica en Foz para facer carreira xornalística en Madrid. No dicir dos biógrafos esta experiencia foi fundamental á hora de explicar a emigración a Cuba, que se detalla nas seguintes epígrafes, plena de actividade cultural e política, mais tamén chea de conflitos que lle provocaron unha situación económica e profesional difícil, nun tempo no que Antón avogaba polo agrarismo e o rexionalismo. Da estadía cubana, fanada en moitos aspectos, regresará cunha visión nada romántica da emigración, como deixará entrever na obra dramática Almas mortas.

A segunda parte (1916-1922) céntrase na infatigable angueira das Irmandades da Fala, para cuxa nacenza foron fundamentais as achegas dos irmáns Villar Ponte, velaí a publicación en abril de 1916 da obra de Antón Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional. Os biógrafos sosteñen que “arredor de Antón gravitaban, xa que logo, boa parte das Irmandades da Fala” e as vinte epígrafes deste apartado son unha confirmación do inxente traballo dun e doutro irmán na creación e consolidación do proxecto, capítulos que sintetizan desde a perspectiva persoal dos dous irmáns a magna obra A Nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931) que Emilio Ínsua deu ao prelo o ano pasado. Os debates, ás veces agres, das sucesivas asembleas irmandiñas, os seus fracasos electorais ou os seus proxectos xornalísticos, desde A Nosa Terra ata El Noroeste, son debullados con paixón investigadora. E tampouco son esquecidas as páxinas literarias que produciron neste período, como o salientable ensaio Ramón Cabanillas, poeta da raza, da autoría de Antón, tamén envorcado na renovación estética do teatro galego con obras fundamentais. Porén, nesta etapa son aínda máis importantes o Discurso á nazón galega e a Doctrina nazonalista de seu irmán Ramón, textos teóricos que engarzan nacionalismo galego e ideario progresista. Remata este apartado coa expulsión de Antón da dirección de A Nosa Terra, a súa discutida participación na elaboración do manifesto Máis Alá, asinado por Álvaro Cebreiro e Manuel Antonio, ou a ruptura irmandiña na Asemblea de Monforte que propiciou o nacemento da ING, reveladores todos tres das tensións e fracturas que se viviron no seo do galeguismo.

Precisamente a etapa da nacente ING centra a terceira parte (1923-1925), na que os biógrafos desbotan o lugar común da división entre “culturalistas” e “políticos” cando a chegada da ditadura de Primo de Rivera en setembro de 1923. Tamén chegamos a comprender o errático posicionamento dalgúns galeguistas, entre eles os dous irmáns, que nos primeiros momentos se puxeron do lado do réxime militar polo seu pretendido combate do caciquismo. Andando o tempo, e non moito, as promesas do Directorio foron auga de castañas e Antón había arrepentirse toda a súa vida de ter aceptado ser concelleiro na corporación coruñesa. Consolidada a ditadura primorriverista, os irmáns Villar Ponte, nomeadamente Antón, continúan as súas colaboracións nas revistas e xornais da época.

No período analizado na cuarta parte (1926-1931) sobrancea o activismo cultural dos dous irmáns e en xeral do nacionalismo logo da desfeita da ING. Neses anos Antón demora a súa entrada no SEG malia ser entusiasta publicista do proxecto, anda máis envorcado noutras angueiras e na creación, entre outras publicou a obra O Mariscal en coautoría con Cabanillas, mentres que Ramón ingresou en febreiro de 1927 co seu discurso O sentimento nazonalista e o internazonalismo e prosegue o seu labor de ideólogo en novembro dese ano coa súa Historia sintética de Galiza.

Os biógrafos non esquecen referir o breve ingreso en prisión de Antón. por mor de se negar a facer o pagamento dunha multa polo contido dun dos artigos que seguía a publicar e no que criticaba o réxime. Porén o acontecemento máis triste había chegar coa morte da súa muller Micaela Chao.

A decidida aposta dos dous irmáns pola editorial Nós e o seu apoio á confluencia entre o nacionalismo e o republicanismo, primeiro na ORGA e logo na FRG, Antón na primeira liña e Ramón no ámbito local, serán o norte da súa actuación política nestes anos convulsos.

O período republicano (1931-1936) enche as dezanove epígrafes da quinta parte. Coñecemos diversos avatares de Antón na primeira liña do republicanismo e o breve e polémico paso de Ramón pola alcaldía de Viveiro. Así a todo, a cerna deste lustro está na análise que se fai da experiencia de Antón como deputado electo pola ORGA nas Cortes Constituíntes da II República e de xeito efémero en 1936 como galeguista na Fronte Popular. O máis excelso do seu feraz labor parlamentar é aquí referido, así como os seus encontróns no seo da ORGA que, andando o tempo, o levarán a se integrar no PG, felizmente acollido por Castelao, tendo en conta que o seu nome sempre foi obxecto de duras críticas no ámbito nacionalista, mesmo incendiarias por parte dos “arredistas” da bonaerense Sociedade Nazonalista Pondal.

A destacada participación dos dous irmáns nas sucesivas campañas a prol do Estatuto, moi pública no caso de Antón e máis teórica no de Ramón, que publicou o Breviario da Autonomía, axudan a entender o seu posicionamento, que axiña había ser por vez primeira contraditorio entre os dous. Antón defenderá a alianza entre o galeguismo e as esquerdas republicanas, mentes que Ramón é un dos defensores da estratexia de “nós sós” para o PG.

Tamén é moi reveladora a epígrafe sobre o vagaroso proceso de ingreso de Antón na RAG, que só vai concretar en xullo de 1934 despois de que a inicios do ano Lugrís Freire substituíra a Eladio Rodríguez quen demitira por motivos de saúde. Porén é unha época na que a saúde do propio Antón está a desmellorar e aínda que deu ao prelo moita produción xornalística e de creación, como o drama Os evanxeos da risa absoluta ou as súas traducións de Yeats, canda Plácido R., Castro, tamén han ser moitos os proxectos fanados. Ferido de morte, Antón aínda vai ter azos para ser un dos impulsores da Asociación de Escritores de Galicia. Os biógrafos lembran o seu óbito en marzo de 1936 e a enorme repercusión das homenaxes que recibiu.

De aquí en diante, o protagonismo será obviamente de Ramón, tanto na campaña do plebiscito do Estatuto, como no seu exilio interior que será abordado na última parte (1936-1953) onde imos coñecer as razóns que lle salvaron a vida da represión fascista e como atoparía refuxio, xunto a outros galeguistas, na Real Academia Galega e no labor cultural soterrado contra a barbarie.

E así coñecendo as biografías dos irmáns Villar Ponte puidemos percorrer asemade a nosa historia no primeiro cuartel do século XX, aínda que ben é certo que a inxente actividade pública e creadora de Antón, quer no xornalismo quer na ficción, é unha luz que deixa na sombra e mesmo eclipsa en moitas ocasións o labor de ideólogo de seu irmán Ramón. Nas súas derradeiras palabras deste espléndido traballo e de interesante e nada árida lectura, e antes dun completo apéndice fotográfico, Emilio Ínsua e Xurxo Martínez deixan ben claro que cómpre “recoñecer e perpetuar a tarefa de dous irmáns decisivos no decorrer e para o porvir da nación galega”. Ben está que así sexa.

Miro Villar

Esta entrada foi publicada en Biografía, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta