Presentación na Feira do Libro de Cee do volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (martes, 13, ás 22,30 h.)


A organización da Feira do Libro de Cee 2013 convidoume a participar nesta nova edición que se vai desenvolver do 11 ao 18 de agosto. Puiden escoller facer a presentación dun dos tres volumes que publiquei desde a anterior: o conto infantil rimado Rebelión na charca (Sotelo Blanco), o poemario Breizh (Toxosoutos) ou a edición Poesía Completa de Gonzalo López Abente (Espiral Maior), porén escollín presentar o volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, que coordinei xunto a Francisco “Chisco” Fernández Naval, editado por Toxosoutos, en coedición coa Asociación Monte Pindo Parque Natural, e grazas ao crowfunding ou microfinanciamento colaborativo de moitas persoas, como xa se contou aquí. Estarei cabo de Xilberto Caamaño Beiro, presidente de Monte Pindo Parque Natural, e dos poetas da Costa da Morte que se acheguen, xa que Chisco non pode estar na noite do martes 13, aínda que estará o sábado 17 para presentar a novela que máis me gustou das publicadas o ano pasado na nosa literatura, a fascinante A noite branca (Xerais).
Ese martes 13 tamén estarei na caseta da libraría Á lus do candil, do poeta Modesto Fraga e a súa compañeira Alba, para asinar exemplares das miñas obras. Será un pracer estar canda eles.
A Feira do Libro de Cee vai estar na Alameda (que se denomina oficialmente Praza da Constitución, nome que me horroriza) e as casetas estarán abertas ao público polas mañás: de 11.00 a 14.00 horas (agás os días grandes 15, A Xunqueira, e 16, o San Roque, que abrirán ás 12.00 horas) e polas tardes de 18.00 a 22.00 horas.
Velaquí o programa ao completo:
Domingo, 11
Apertura da Feira ás 11.00.
A partir das 20.00 h. diante do Museo Fernando Blanco, presentación das obras Cancela aberta (Xerais) e Aquel neno (Embora) de Xosé Neira Vilas, acompañado por Francisco Rodríguez López de Edicións Embora.
21.00 h. na Praza da Constitución, pregón da Feira do Libro, a cargo de Xosé Neira Vilas, acompañado por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Ás 22.30 h. Noite de terraza literaria con Xosé Iglesias, o mariñeiro-poeta: “Transfusión oceánica” na rúa Domingo Antonio de Andrade (Bar A Parada).
Luns, 12
Ás 11.30 h. na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con DuenSico: ”Contos para a igualdade”.
A partir das 20.15 h. diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Costa do Solpor de Xosé María Lema Suárez, finalista do Premio Xerais 2012, acompañado por Víctor Manuel Castiñeira Castro e o poeta Alexandre Nerium.
Deseguida, Serán de Música e Poesía, Versus Cianuro, recital coa presenza, entre outros, de Paco Souto.
Ás 22.30 h. Noite de terraza literaria con Xaime Trillo: “Anatomía da ira” na Praza da Constitución (Bar Expréss).
Martes, 13
Ás 11.30 h. na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Ana Mª Martínez, Jesús Toba e María José Rey: “O corvo Roque”.
A partir das 19.30 h. diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Viaxe ao interior da fenda (Sotelo Blanco), de Serxio Iglesias, que estará acompañado por Marcos Giralt Torrente, Premio Nacional de Narrativa.
A partir das 20.15 h., no mesmo lugar, presentación da obra Fadita fosca! (Baía Edicións), de Miguel Vázquez Freire, coa presenza do ilustrador Xosé Tomás e de Belén López Vázquez.
Ás 22.30 h. Noite de terraza literaria na rúa da Pena (zona bares Marigel e Recunquiño): recital a cargo de varios poetas e presentación da obra Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (Toxosoutos), coa presenza de Xilberto Caamaño, presidente de Monte Pindo Parque Natural, e Miro Villar, coordinador da obra.
Mércores, 14
Ás 11.30 h. na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Rocío Leira,  autora da obra Universo Pitágoras  Biblos), cun obradoiro matemático para nenos.
A partir das 12.30 h. diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Contos de soños e sombras de César Ariza Piñeiro, editada por Urco Editora, acompañado por David Cortizo de Urco Editora.
Sábado, 17
A partir das 12.30 h. diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra A noite branca (Xerais), de Francisco X. Fernández Naval, que estará acompañado por Víctor Manuel Castiñeira Castro.
Domingo, 18
Ás 12.30 h. na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Beatriz Maceda: Man. O alemán de Camelle, e obradoiro de materiais creativos.
Desde as 16.30 h. na Praza da Constitución, gran festa infantil co “Garabato de xogos”, inchables e desde as 20.30 h. concerto a cargo de Mamá Cabra.
Peche da feira, ás 22.00 h.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Banda deseñada, Biografía, Contos, Ensaio, Estudos literarios, Exposicións, Fotografía, Historia, Infantil, Lingua, Literatura medieval, Música, Narrativa, Poesía, Presentacións, Teatro, Versións ou traducións, Xornadas. Garda a ligazón permanente.