Presentación en Couceiro do poemario A caída, de Luís Valle Regueiro (II)


(Fonte da imaxe: galiciahoxe)
E velaquí a segunda parte dese texto lido na presentación.
Ora ben, falarmos só da morte, malia o seu fedor, sería constrinxir este libro a unha idea xenérica. Alén diso, hai outros fíos que o autor desenvolve e que non poden deixar de pasar desapercibidos. Na miña lectura chamoume poderosamente a atención, a metaliteratura ou a metapoética, isto é a reflexión sobre a propia escrita. Velaí o fermoso “Pequena poética” que abre estas páxinas:
Escribo porque teño un sapo seco por corazón, e unha flor morada cravada no ollo.
Ou no breve poema da páxina 61: Porfía do poema, levantar o verso caído, a congoxa do non dito, por citarmos os dous exemplos máis significativos.
Son tamén varios os poemas que deitan reflexións metalingüísticas, nos que aparece a lingua como ferramenta, mais tamén como dúbida. Non me resisto a ler estes versos: Esquezo a lingua materna, o idioma de leite sincopado. Cravado nesta luz: corza branca de ningures, tradeo os meus ollos, para recoller o chorado, e extraviarte na cegueira.
E están tamén, aínda que non podo pararme nisto, a animalización dos sentimentos, nomeadamente da dor e do desamor, os traballos e os días na terra e incluso tamén o arrecendo do mar, velaí o fermoso “O pescador”.
E mesmo podería facerse unha lectura espiritual, mística ou relixiosa e non só pola presenza do profeta Elías de Tisbé, aquel que segundo contan os textos bíblicos fora enviado por Deus para avisar a Acabe e Jezabel que deixasen de crer en Baal.
Que hai de coidado formal en Fedor? A querencia de Luís Valle pola sonoridade dos versos e pola concisión. No prólogo que Darío Xoán Cabana escribía para o seu primeiro libro galego, A caída, xa lembraba que eses poemas tiñan o mesmo espírito do haiku xaponés e que iso xa estaba tamén na súa opera prima en castelán, Zigurat (2001). E esa densidade tamén se respira neste poemario, aínda que strictu sensu non se poida falar do haiku clásico (de dezasete sílabas divididas en 5/7/5), só que agora os poemas aparecen construídos a modo de pequenas prosas poéticas, sen pausa versal, mais tampouco importa porque os textos manteñen un perfecto ritmo de dición, son para dicir en voz alta, agradecen ese tipo de lectura.
Tamén hai coidado formal na estrutura. De feito véñolles falando de poemario dunha maneira intencionada, pois na miña opinión poemarios son os textos que teñen un fío condutor, unha ligazón interna, unha trabazón entre os versos. Pode levarnos a engano que aparezan catro poemas datados nesta orde, en Argán, 2009; en, Xangai, 2010; na Igrexa de Santiago de Mocelos, 2009 e en Compostela, 2010; mais pouco importa, non hai caos, non hai desorde, porque a cerna da materia poética é semellante do principio á fin do libro.
E nesa cerna atoparán vostedes estas impresións da miña lectura, mais tamén moitas outras, porque Fedor non se esgota no que eu veño de dicir. O libro agarda novas lecturas, novas olladas que nos revelen outras interpretacións, mais ese vai ser o seu labor como lectoras e lectores. A min tan só me resta parabenizar a Luís Valle Regueiro pola escrita deste libro e o meu agradecemento por me ter convidado para facer de mestre de cerimonias. Moitas grazas pola atención que me dispensaron e agora ten a voz o Poeta.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.