Presentación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente mañá venres, día 13 de decembro, no Casino de Carballo


(Cartón de convite ao acto. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O volume Poesía Completa de Gonzalo López Abente vai ser presentado mañá venres, día 13 de decembro, ás 20 horas, no Casino de Carballo, nun acto organizado pola Fundación Gonzalo López Abente, as Edicións Espiral Maior e o Instituto de Estudos Bergantiñáns.
No acto participarán Xan Fernández Carrera, vice-presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns e patrón da Fundación Gonzalo López Abente;  X. H. Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente; Miguel Anxo Fernán-Vello, director das Edicións Espiral Maior e eu propio como editor literario da obra.
Así o anuncian tres páxinas (picar no nome para entrar na información):
Fundación Gonzalo López Abente
Dixital Que pasa na Costa
La Voz de Galicia, edición Carballo
Será a terceira presentación despois da que fixemos o sábado día 20 de xullo (esta anotación recolle dúas crónicas) dentro do completo programa da segunda xornada dos actos do Cincuentenario do pasamento de Gonzalo López Abente e da que se celebrou no espazo cultural Portas Ártabras d’A Coruña o pasado 15 de novembro, como recolle estoutra anotación.
O volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente viu a luz na colección Opera Omnia das Edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, que xa publicara a Antoloxía Poética (1995) e que eu propio dispuxen a pedimento do daquela alcalde nacionalista Xoán Bautista Pose Paz.
Desta volta a compilación foi unha encarga realizada pola Fundación Gonzalo López Abente e trátase dunha obra na que, como sempre lembro,  deitei moitas horas de traballo, para o que recibín axudas inestimables de moitas persoas a quen no Limiar moito lles agradecín a súa colaboración.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.