Poetas bretóns a celebraren o Gouel Kala-Mae / Gouel Barr-Mae (Fête du 1er mai / Fête de la branche de mai)


(Manifestación do Primeiro de Maio de 1886)

Mañá é o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, que eu hei celebrar nas rúas compostelás con moitas compañeiras e moitos compañeiros na manifestación da Confederación Intersindical Galega (CIG), que sae ás 12,30 h. desde a mítica Praza Roxa, de acastrapado nome (froito doutros tempos nos que a lingua era maltratada).
Porén, sentirei un aquel, que dicimos na Fisterra, de envexa cara a unha celebración que arredor da poesía realizan na Bretaña. Denomínase Gouel Kala-Mae / Gouel Barr-Mae (Fête du 1er mai / Fête de la branche de mai), algo así como «Festa do ramallo de maio» e está organizada pola asociación Bemdez. Como acontece cada ano, artellaron unha especie de paseo ou roteiro no que se van escoitar poemas en bretón, en galo e en francés sobre as árbores continuando, seica, unha antiga tradición dos países célticos. A convocatoria pódese ler nesta ligazón ou neste pdf en bretón e francés.
Desde aquí, vou participar nesta Gouel Kala-Mae / Gouel Barr-Mae (Fête du 1er mai / Fête de la branche de mai) reproducindo na bitácora un dos excelentes poemas que a nosa Marilar Aleixandre xuntou no seu Abecedario de árbores («Poeta en Compostela». Concello de Santiago de Compostela / El Correo Gallego, 2006).

camiñar polo gume das follas
do carballo
era como abalar nos tombos
en Arneliña
esfragarse polo oco do teu van

a beira dunha folla de carballo
con q de quercia
debuxaba a revolta das corredoiras
que levan á túa casa

e aínda que nunca o dicimos
en voz alta
no centro do bugallo
arreconchegada como un neno no berce
ela conta os días e minutos
para que chegue a súa hora

Esta entrada foi publicada en Encontros, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.