Poemas (LV): «Cabo do mundo», de Jenaro Talens



(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
Ao fío da campaña para a reapertura do Museo da Pesca de Fisterra, da que nos fixemos eco aquí, resulta insultante, patético e mesmo produce vergonza allea ler hoxe na edición de Carballo de La Voz de Galicia as declaracións de Xan García Pouso, secretario perpetuo da asociación supramunicipal Neria, dicindo lindezas coma esta: «A fase social das subvencións hai que superala porque nas condicións actuais a única fórmula viable é optimizar e xerar ingresos para poder manterse».
Ou sexa, unha persoa que mantén o seu digno salario nese cargo no que se consolidou de maneira perpetua a conta das axudas de Europa atrévese a sinalar que cómpre superar as subvencións coas que se mantiñan os dous “míseros” salarios das dúas persoas que exercían o labor de guías no fisterrán Museo da Pesca. Dá náuseas este personaxe traxicómico!!!
Un dos magníficos labores desenvolvimos no devandito Museo era a recollida de poemas sobre Fisterra que está a realizar, polo de agora sen posibilidade de publicación, o poeta Alexandre Nerium, e que atesoura xa unha magna compilación de versos en diferentes linguas de poetas que atoparon a súa inspiración no noso Cabo do Mundo. 
Aquí temos a última achega, que coñecemos da man do antropólogo muxián Manuel Vilar, quen é tamén un excelente lector de poesía. Trátase do poema «Cabo do mundo», que fai parte do libro Un cielo avaro de esplendor (Salto de página, 2011) de Jenaro Talens, poeta, ensaísta e tradutor (Tarifa, Cádiz, 1946).
Sabemos que se inspirou en Fisterra porque así o contou o propio autor o 17 de abril 2012, ao presentar o seu libro no Club del Libro en Español de las Naciones Unidas de Ginebra. Da crónica do acto reproducimos este parágrafo:
«Para ilustrar sus argumentos y para que la asistencia disfrute de los poemas leídos por su autor, Joaquin Dolz-Mestre pidió a su amigo Jenaro Talens leer algunos trozos de su obra. Entre ellos, el ahora Catedrático emérito de Literatura comparada y Estudios europeos de la Universidad de Ginebra dedicó el poema Cabo do mundo a sus ex-alumnos ya que escribió este poema en un viaje de estudio que condujo los participantes a Fisterra, donde los peregrinos concluyen el camino de Santiago».
O poema «Cabo do mundo», que se pode ler completo na imaxe que nos achegou Manuel Vilar, péchase con estes versos:
La llaman costa de la muerte,
pero el azul que abraza sus espumas
habla de recurrencias, de resurrecciones,
de esa vuelta al comienzo
que ha sido siempre el mar, sin profecías
ni más oráculos que la costumbre
de habitar en los sueños y permanecer.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Manifestos, Poesía, Política, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.