Artigo en QPC (XCV): Darío Xohán Cabana esquecido en Corcubión?

Fotografía de Darío Xohán Cabana como garda municipal de Corcubión. A imaxe de Xurxo Lobato está tirada da longa entrevista de Xan Carballa publicada por A Nosa Terra, 414, do 28/12/1989

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para divulgar a escasa presenza da Costa da Morte na obra do poeta Florencio Delgado Gurriarán, autor que lembramos nas Letras Galegas 2022. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Darío Xohán Cabana esquecido en Corcubión?

O pasado 16 de novembro deixounos Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 – Romeán, 2021), poeta, narrador e tradutor, foi autor dunha obra ciclópea na nosa lingua. Académico da RAG, na que ingresou o 22/04/2006 a proposta de Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, para ocupar a vacante de Manuel María, seu padriño literario e na súa voda con Amelia Outeiro Porteiro, como confesa no seu discurso de ingreso De Manuel María a Ferrín: a grande xeración.

O mundo da cultura testemuñou o pesar polo seu falecemento, mais eu, que o coñecín en Corcubión nos anos oitenta, estimei a súa amizade inquebrantable e moito aprendín co seu maxisterio sobre literatura, boto a faltar iniciativas públicas que o lembren nese concello, pois que saibamos nin o goberno local nin os grupos da oposición se teñen preocupado de as facer.

Abonda con lembrar que o Darío entre 1983 e 1987 exerceu como garda municipal en Corcubión. Antes xa desenvolvera outros oficios, primeiro en Vigo nas Edicións Castrelos, co editor e poeta Xosé María Álvarez Blázquez, do que aprendeu moito do labor editorial, desde a corrección textual até a venda de libros, e logo como liberado do sindicalismo nacionalista, época na que foi amigo e camarada do militante da UPG morto pola policía franquista Moncho Reboiras. Marcharía de Corcubión para traballar no Concello de Lugo, do que foi asesor cultural até a xubilación.

Por parte, a súa estadía corcubionesa inspirou algunhas das súas excelentes páxinas de creación literaria. Son testemuña de que nesa época xa consagraba horas de dedicación ao labor de tradutor, tamén recoñecida internacionalmente, pois anos despois recibiu pola súa coidada versión do Cancioneiro e A Divina Comedia de Dante a Medalla de ouro do concello de Florencia en 1991. E o noso territorio está moi presente na súa propia obra. Poñamos por caso o relato «Un sancristán», inspirado nunha anécdota real ocorrida a persoas de Corcubión, ou o poema «As socorritas», que lembramos no seu camiñar diario polas rúas da localidade.

Velaquí estes textos e algún fragmento máis que quero rescatar para a súa (re)lectura:

(Darío Xohán Cabana (1990) Libro dos moradores. Ilustacións de Alexandra Cabana. Vigo: Ir Indo)

«Un sancristán»

O sancristán de Coimbra, digo de Corbión, non quería que lle plantasen árbores diante da casa, e como o Día da Árbore de 1985 lle puxeron dous salgueiros, foinos secando botándolles con disimulo na raíz un litro de lexivia diario durante quince días.

O día do ciclón que se chamaba Hortensia púxose a toca-las campás da igrexa ás 7,15 a.m. no medio da borrasca, causando tanto medo entre a veciñanza con aquel acto sólito en insólitas circunstancias que algúns pensaron que acababa o mundo.

Unha media hora despois saíu dar unha volta polo mirador co Venerando e mais con outro que no me acordo, que xa fai falla estar ansiosos. E de súpeto, o Venerando e mailo outro (agora lembro que era o práctico vello), que ían falando con el, atopáronse falando entre si e co vento só, pois o sancristán desaparecera, mais non fora o vento que o levara, senón unha árbore, unha vingativa e arredondada conífera de xardín que, desarraigada por unha ventoada, conseguira caerlle enriba. E de alí a un pouco saíu o sancristán ás gateñas debaixo da ramallada, perfectamente ileso anque un pouco arrabuñado e coa roupa esgazada, pequeno castigo á súa teima arboricida e á súa manía de tocar campás a horas e en acaxóns intempestivas.

(hai quen di que aínda tiña outro método para asasinar vexetais: afeitalos tódalas mañás con brocha, xabón e navalla. Pero é difícil que dea resultado).

Ou este fragmento do relato «Breves notas antropolóxicas»:

Un mariñeiro amigo meu terminou así a historia que estaba contando nunha taberna de Corcubión:

– A naturalesa non quere forsa: quere modales modestos.

Ou o parágrafo inicial do relato «A Cidade Branca«», tamén no mesmo libro:

Indo da Coruña a Corcubión, camiño que no pasado fixemos moitas veces por necesidade, foinos dado a Amelia e a min ver ó lonxe, promediada a vía, as pequenas torres e tellados da Cidade Branca.

Darío Xohán Cabana (1989). Patria do mar. Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, 1983. Vigo: Colección A Fraga,Ir Indo.

Inclúe poemas como o que lle dá título ao libro «Patria do mar», «Can sen dono na vila mariñeira», «Os bois de Gures», «Oración de Fisterra», «Pindo», «O bardo na Ponte-Ceso» e outros sen unha localización xeográfica concreta que tamén se inspiraron no noso territorio costeiro, mais escollerei ese soneto magnífico que evoca a dúas mulleres corcubionesas que o Darío estimaba moito.

«As socorritas»

Ai toliñas, e vós a debanar

vagarosos nobelos cada día,

vós a encher de feroz melancolía

as rúas que durmiñan xunta o mar.

Ai toliñas, e vós sempre a tecer

labrando un despacioso labirinto

que amence cada día algo distinto

e sempre é case igual ó anoitecer.

Ai toliñas, e vades sen acougo

andando e desandando, e ben sabedes

que o camiño de vós non leva xente.

Ai toliñas, e o voso paso vougo

resoa no silencio das paredes,

e vai e vén o mar indiferente.

Non abondan, reitero, o seu labor no concello e, sobre todo, a presenza de espazos e personaxes de Corcubión na súa literatura para o lembrarmos sempre?

Darío Xohán Cabana in memoriam

Publicado en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Memoria Literaria, Poesía, Política | Deixa un comentario

Participación nas micropezas da RAG «Polos vieiros de Florencio»

Desde primeiros de febreiro até hoxe a Real Academia Galega (RAG) vén dispoñibilizando na súa canle de youtube unha serie de micropezas co título «Polos vieiros de Florencio», inseridas nas actividades de difusión e promoción da vida e da obra de Florencio Delgado Gurriaráns , a quen homenaxea neste Día das Letras Galegas 2022.

Velaquí a relación dos capítulos emitidos, entre os que figura a miña participación (no cuarto vídeo da serie), coas súas ligazóns e en orde de data de emisión.

* O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presenta ‘Polos vieiros de Florencio’. Nesta serie de micropezas audiovisuais, distintas voces profundan na figura e na obra de Florencio Delgado Gurriarán, o autor ao que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2022.

* O académico Ramón Villares lembra o papel no exilio mexicano de Florencio Delgado Gurriarán no capítulo desta semana da serie #PolosVieirosdeFlorencio.

* A académica Margarita Ledo fala da revista Vieiros e do papel de Florencio Delgado Gurriarán nesta publicación do exilio mexicano no novo episodio da serie #PolosVieirosdeFlorencio

* Continuamos #PolosVieirosDeFlorencio da man de Miro Villar. Percorrido breve sobre as distintas etapas da poesía de Florencio Delgado Gurriarán, dende o influxo de Amado Carballo e a poesía de combate aos versos mexicanos.

* A filóloga Rosario Álvarez Blanco, presidenta do CCG, directora da Sección de Lingua da Real Academia Galega e catedrática da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, analiza a lingua da obra de Florencio Delgado Gurriarán, o autor ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2022.

* O historiador Ricardo Gurriarán, biógrafo e familiar de Florencio Delgado Gurriarán, fala do que significou en Valdeorras e para a súa familia a figura do protagonista do Día das Letras Galegas 2022. ‘Polos vieiros de Florencio’

* Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín de Valdeorras, fala da implicación da veciñanza na celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Florencio Delgado Gurriarán, natural deste concello ourensán.

* O académico Manuel Rivas recita o poema “Nomes”, incluído no primeiro poemario de Florencio Delgado Gurriarán, ‘Bebedeira’ (1934).

* Cecilia Fernández Rodríguez, natural de Vilamartín de Valdeorras e veciña da Rúa, é enóloga da Denominación de Orixe Valdeorras. Nesta micropeza da serie ‘Polos vieiros de Florencio’ recita “Casoiro”, un dos poemas de ‘Galicia infinda’ dedicados ao viño de Florencio Delgado Gurriarán, o poeta valdeorrés ao que a Real Academia Galega rende homenaxe co Día das Letras Galegas 2022.

* O cantautor Anxo Rei interpreta “O ventiño namorouse”, a súa adaptación musical do poema “Ruada” de Florencio Delgado Gurriarán, para a serie ‘Polos vieiros de Florencio’. A peza foi gravada na biblioteca municipal do Barco De Valdeorras, que leva o nome do autor ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2022.

* O académico electo Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, comenta a fotografía da cuberta do ‘Ipanema’, un dos chamados barcos da liberdade, na que aparece Florencio Delgado Gurriarán xunto a outros republicanos.

* A presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo, Soledad Figueroa, explica as iniciativas das socias para divulgar a figura de Florencio Delgado Gurriarán co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2022 que a Real Academia Galega lle dedica ao poeta natural desta vila valdeorresa.

* A académica de número Ana Boullón, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, analiza a crítica sociolingüística que Florencio Delgado Gurriarán realizou nos seu poemas sobre a castelanización de apelidos e topónimos.

* Beatriz Pérez Losada é veciña de Córgomo, a aldea de Vilamartín de Valdeorras da que era natural Florencio Delgado Gurriarán, o poeta ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2022. Exalumna do CEIP Xosé Manuel Folla Respino, volveu ás aulas do colexio do concello onde agora estudan os seus fillos para recitar o poema que o autor escribiu sobre a súa vila.

* O cantautor valdeorrés Anxo Rei interpreta a súa adaptación musical de “Cantiga da vendima”, poema de Florencio Delgado Gurriarán incluído no libro ‘Bebedeira’ (1934).

* O artista multidisciplinario Pedro Aarón Álvarez “Orde Caos” é autor de varios murais sobre Florencio Delgado Gurriarán en Valdeorras.

* A filóloga Concepción Álvarez Pousa salienta algunhas das características da fala de Florencio Delgado Gurriarán, natural das terras de Valdeorras, e como esta queda reflectida na súa poesía.

* O filólogo e escritor Xosé Ramón Pena, responsable da antoloxía poética de Florencio Delgado Gurriarán editada por Xerais, fala dos “poemas mexicanos” do protagonista do Día das Letras Galegas 2022.

* Lucio Santalla, familiar de Florencio Delgado Gurriarán, lembra a despedida de Florencio Delgado Gurriarán da súa terra. O poeta faleceu o 14 de maio de 1987. Dous meses despois, a veciñanza de Vilamartín de Valdeorras deulle a última despedida nun acto cheo de emotividade.

* Xesús Alonso Montero destaca a importancia dos poemas sociolingüísticos que escribiu Florencio Delgado Gurriarán xa dende os tempos da República. O académico é autor de ‘Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio’, obra editada por Galaxia neste ano en que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas ao escritor e activista cultural valdeorrés.

* A filóloga Concepción Álvarez Pousa explica as distintas fases do galego na obra de Florencio Delgado Gurriarán e as fontes das que bebe, e lembra o proxecto de dicionario de valdeorresismo que o poeta quixo levar a cabo.

Publicado en Arte, Biografía, Efemérides, Entrevistas, Estudos literarios, Gravacións, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Música, Poesía, Política | Deixa un comentario

Recensión de Mario Regueira a Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano, no suplemento cultural Sermos Galiza

O sábado 2 de abril o crítico literario e escritor Mario Regueira ocupouse na súa sección intitulada «A tinta e a luz», no suplemento cultural Sermos Galiza de Nós Diario unha nova recensión do texto Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano (Xerais, 2021). O comentario, que moito lle agradezo, reprodúcese na imaxe e tamén deseguida ou nesta ligazón.

Libros: ‘Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano’, de Miro Villar

Básicos para maio

Un libro que non se detén no balance biográfico do autor valdeorrés, senón que incide, xa dende o título, na súa característica de exiliado e como esa vivencia inflúe na súa obra

Mario Regueira, 8 de abril de 2022

Como xa é habitual, as publicacións sobre a figura homenaxeada este 17 de maio comezan a aparecer xa no primeiro trimestre do ano e cunha grande aposta por parte das dúas casas editoriais clásicas da edición galega. Mentres Galaxia, unha das editoras do autor en vida, reedita a súa obra individual, Xerais ten xa no mercado a edición da súa poesía completa, ao coidado de Xosé Ramón Pena, unha obra que ten os complementos dunha estratexia xa clásica: unha obra orientada a explicar a figura homenaxeada ao público máis novo, asinada por Héctor Cajaraville, e un ensaio divulgativo orientado ao público xeral. É este último, escrito por Miro Villar o que nos ocupa hoxe. 

Nunha liña de actividade paralela e independente á súa calidade de creador literario, temos en Miro Villar unha das voces que máis se ten ocupado da poesía vinculada á migración e o exilio galegos, especialmente aquela relacionada coa Guerra Civil. De feito, é curioso como o propio libro explica a súa vinculación cunha proposta ante a Academia protagonizada, entre outros, por Xesús Alonso Montero, mestre e despois colaborador de Miro Villar, ao que recoñece o feito de darlle a coñecer por primeira vez os versos de Florencio Delgado Gurriarán.

Con este punto de partida, é lóxico que esteamos ante un libro que non se detén no balance biográfico do autor valdeorrés, senón que incide, xa dende o título, na súa característica de exiliado e como esa vivencia inflúe na súa obra. Desta maneira, o percorrido pola produción poética tamén dá unha certa relevancia aos seus versos de combate, escritos durante a guerra ou nos primeiros anos do exilio. Porén, pode que o punto forte da obra sexan os momentos nos que o ton divulgativo aposta por distintas cuestións que entroncan co Florencio Delgado poeta, con reflexións sobre as autopoéticas que se conservan do autor ou a dimensión de macrotexto en permanente revisión que el tiña sobre a súa obra. 

É un punto forte que, porén, fai máis evidente o esquemático do apartado biográfico, no que notaremos mesmo algúns elementos a faltar. Mesmo considerando algúns dos datos ausentes como anecdóticos, o certo é que poderían ter atopado o seu sentido no carácter divulgativo do texto, mesmo tendo en conta a súa brevidade. Queda así unha obra para un primeiro contacto cun poeta moi pouco coñecido até agora fóra do ámbito académico, que sinala parte da súa riqueza e que pode abrir boca a quen queira coñecer máis.

Publicado en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Historia, Lingua, Poesía, Recensións | Deixa un comentario

Telexornal Florencio Delgado Gurriarán #LetrasGalegas2022 do CPI dos Dices (Rois)

A canle de youtube Cinema Porviso, creada por Luís Aldegunde, profesor e catedrático de Lingua e Literatura Galega no CPI dos Dices (Rois), vén de facer público na rede o seu Telexornal, realizado co seu alumnado e de moita utilidade no ensino para docentes e para discentes, sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, desta volta Florencio Delgado Gurriarán #LetrasGalegas2022, cunha duración de 16:35. Un formato ben axeitado, abofé.

Para falarmos da vida e da obra do poeta valdeorrés as persoas entrevistadas, por orde de primeira intervención, estamos as seguintes persoas, sempre introducidas pola excelente presentación da alumna do CPI dos Dices, Carmen Romarís:

1º) Débora Álvarez, proxecto As letras de Florencio.

2º) Aurelio Blanco, Instituto de Estudos Valdeorreses.

3º) Ricardo Gurriarán.

4º) Xesús Alonso Montero.

5º) Miro Villar.

6º) Xosé Ramón Pena.

7º) Séchu Sende.

8º) Lucía Gómez, mestra de Audición e Linguaxe.

Publicado en Biografía, Efemérides, Entrevistas, Estudos literarios, Gravacións, Historia, Lingua, Poesía, Política, Televisión | Deixa un comentario

Entrevista en Nós Diario sobre a obra Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano

O pasado 3 de marzo publicouse nas páxinas culturais de Nós Diario unha longa entrevista sobre a obra intitulada Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano (Xerais, 2021). A conversa con Antón Escuredo, que reproduzo na imaxe e que reproduzo deseguida, tamén se pode ler nesta ligazón.

Miro Villar: “A Delgado Gurriarán xa lle preocupaba algo tan actual como a transmisión do idioma”

O escritor, docente e tradutor Miro Villar vén de publicar Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, un traballo con espírito didáctico que procura achegar ao gran público a información máis salientábel sobre o valdeorrés homenaxeado coas Letras Galegas. Nós Diario conversa co autor para afondar no contido da publicación.

Antón Escuredo 3 de marzo de 2022

Como chega á obra de Florencio Delgado Gurriarán?

A min sempre me interesou a poesía da emigración e do exilio. Penso que é unha débeda que aínda temos pendente. Están a saír estudos mais hai moito que facer nese terreo. A Florencio cheguei, fundamentalmente, da man do profesor Alonso Montero nun curso de doutoramento sobre Guerra Civil e literatura galega. Tiña o costume, neses cursos, de chegar cuns libros e falaba de autores que non estaban no currículo.

Despois coincidiu que o meu primeiro destino docente foi no Barco de Valdeorras e alí profundei máis no interese por toda a súa obra. Alí preparei unha palestra para o Instituto de Estudos Valdeorreses do que saíu un artigo que foi a cerna deste libro. 

Cal é a razón de que non se tratara antes o exilio galego en México?

Hai moitos estudos sobre o exilio americano, sobre todo nucleado ao redor da Arxentina. Ten que ver con que alí estaba o núcleo do galeguismo, entre eles un persoeiro como Castelao que concitaba ao seu redor todo o galeguismo militante na altura. Probabelmente tamén habería unha maior comunicación entre ese exilio e o que se denominou exilio interior. 

O exilio mexicano ten nomes moi importantes. Ademais de Delgado Gurriarán ten poetas pouco coñecidos, como Serafin Ferro que morreu novo. Tamén hai cineastas como Carlos Velo ou músicos como Jesús Bal y Gay. Coido que México estaba chamado a aparecer nas Letras Galegas cando xa se tratou, dalgunha maneira, o exilio na Arxentina. Haberá que pescudar no de Uruguai, Chile e Paraguai, máis pequenos e con voces importantes.

A obra de Delgado Gurriarán vai parella coa súa biografía?

É indubidábel. Poderiamos estabelecer tres etapas claras. Hai un Florencio de preguerra, outro da guerra e un máis da posguerra. Na primeira mesmo confesa que está moi na liña dunha das correntes de vangarda daquela época, o hilozoísmo de Amado Carballo, e confésase debedor da súa obra.

Logo hai un Florencio combatente que publica nas revistas antifascistas cando xa está exiliado, despois dunha fuxida desde Valdeorras cara a zona republicana e nos primeiros anos do exilio. Poemarios como Cancioneiro da loita galega, aínda que os textos estean asinados con seudónimo, sabemos que son da súa autoría.

Ten esa musa cívica, combatente, antifranquista, republicana. Despois, a partir de 1963 co seu gran libro Galicia infinda e todos os que virán con posterioridade, hai un Florencio máis plural, que trata todos os temas. Dialoga cos nosos poetas, como Rosalía e Curros, mais tamén coa poesía simbolista que incorpora toda a cultura mexicana do exilio que xa está vivindo. Ten os que chamou “poemas mexicanos” que incorporan moito da cultura indíxena, mesmo coas súas voces. Temos un poeta máis poliédrico, con moitas caras e que coñece moito máis o oficio. 

Como entende o seu compromiso coa lingua?

Desde moi cedo xa ten unha preocupación sociolingüística nos seus textos. Preocupáballe algo tan actual como a transmisión do idioma. Critica o que sucede nos ámbitos urbanos e tamén entra na deturpación dos topónimos mesmo con varios poemas que tratan este tema. Aínda podemos aprender e quitar moitas leccións deles hoxe. Ten moito que ver coa súa propia traxectoria biográfica.

Foi un militante do galeguismo desde cedo. Sabemos que acompañou sendo mozo, por exemplo, a Otero Pedraio nas campañas polo Estatuto. O seu compromiso faise desde o ámbito ideolóxico e despois para dignificar a lingua desde o popular.

Nos seus textos chama a facer unha síntese entre a lingua máis culta e a lingua do popular. Dicía que debía estar nos dicionarios e nas gramáticas. Estaba preocupado polo léxico dialectal valdeorrés.

Publicado en Biografía, Entrevistas, Estudos literarios, Historia, Lingua, Poesía | Deixa un comentario

Recensión de Ramón Nicolás a Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano na súa bitacora Caderno da crítica

O profesor e crítico literario Ramón Nicolás publicou na súa bitacora Caderno da crítica unha nova recensión da obra intitulada Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano (Xerais, 2021), unha análise divulgativa que elaborei para a colección LibroX, destinada nomeadamente para o alumnado se secundaria e bacharelato, aínda que non só pois a súa lectura pode servir de aproximación para calquera lector ou lectora con interese na biografía e na obra do poeta valdeorrés a quen este ano está dedicada a conmemoración das Letras Galegas.

A recensión de Ramón Nicolás, que reproduzo deseguida, tamén se pode ler nesta ligazón.

Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, de Miro Villar (serie FDG IV)

Ramón Nicolás. 16 Febreiro 2022

Miro Villar

Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano

Xerais, Vigo, 80 páxinas, 9,95 €, 2022

Entendo como unha garantía que un investigador solvente e rigoroso como é o profesor Miro Villar se responsabilice dunha das primeiras achegas que chegaron este ano 2022 para desvelarnos as claves biográficas e literarias do autor ao que se consagra o Día das Letras 2022.

Villar, que actualiza traballos previos que no seu dia realizara arredor da figura de Delgado Gurriarán, adopta unha perspectiva de carácter divulgativo ao abordar as claves tanto da súa biografía como, sobre todo, da súa produción poética, inserida no ámbito, aínda que non só, das voces que realizaron un traballo creativo na emigración e no exilio, aspecto que vén sendo un lugar común dentro das investigacións que o ocuparon, e con resultados brillantes, desde hai ben de anos.

Neste caso concreto, o autor sistematiza un achegamento, sintético e efectivo, ao perfil estritamente biográfico de Delgado Gurriarán que completa cunha visión analítica sobre a xeración á que pertenceu, alén dun achegamento ás súas (auto)poéticas e unha aproximación detallada ao que denomina “macrotexto poético en galego” do autor, deténdose nos seus primeiros poemas e mais na análise dos seus catro libros poéticos –Bebedeira, Galicia infinda, Cantarenas e O soño do guieiro– para concluír cunhas importantes reflexións sobre o que denomina “o compromiso coa nosa lingua” de Delgado Gurriarán e unha necesaria bibliografía esencial.

Beizón ao autor por esta achega que, sen dúbida, resulta de enorme utilidade para aproximarnos con garantías ao perfil biográfico e mais á produción creativa do protagonista do Días das Letras 2022.

Publicado en Biografía, Estudos literarios, Lingua, Poesía, Recensións | Deixa un comentario

Gravación do poema «Nomes», de Florencio Delgado Gurriarán, un adianto do Telexornal #LetrasGalegas2022 do CPI dos Dices (Rois)

A canle de youtube Cinema Porviso, creada por Luís Aldegunde, profesor e catedrático de Lingua e Literatura Galega no CPI dos Dices (Rois), dálle acubillo nestes últimos anos a un denominado Telexornal, realizado co seu alumnado e de moita utilidade no ensino para docentes e para discentes, sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas.

Nesta ocasión fun unha das persoas entrevistadas e como adianto do Telexornal #LetrasGalegas2022, que verá a luz nas próximas semanas, a devandita canle reproduce un anaco da miña intervención na que fago lectura do poema «Michoacán», de Florencio Delgado Gurriarán.

Deseguida, o poema «Nomes» continúa na mesma liña, pois presenta dúas partes a xeito de espello, a primeira con sonoros topónimos americanos (‘nomes da tarasca terra’) e a segunda con microtoponimia da comarca valdeorresa. A súa sonoridade fai que o reproduzamos ao completo:

Nomes de Michöacan,

son garruleiro e lisgairo:

Tsintsunsan, Paricutín,

Sirahuen, Uruapan, Ario,

Saráracua, Cupatizsio

Tangancícuaro, Tacámbaro…

Nomes da tarasca terra,

¡rechouchío de paxaros!
. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

de antergo e de nobre alamio: (*)

Nomes da veira do Sil

Val de Afreixo, Val de Godo,

a Pena da Moura, o Castro,

Porto Mourisco, Baxeles,

Córgomo, Castelo, Arnado,

Outarelo, Millarouso,

Portela, Cesures, Arcos…

Nomes, nomes de Valdeorras,

¡dóce e sonoroso canto!

(*) Na nosa opinión hai unha evidente gralla na colocación destes dous versos, que rompen o esquema de rima asonante nos pares.

Publicado en Gravacións, Poesía | Deixa un comentario

Darío Xohán Cabana no «Álbum de Galicia» do Consello da Cultura Galega

O sitio web do Consello da Cultura Galega vén de publicar unha anotación biobibliográfica no «Álbum de Galicia» sobre o lembrado e chorado amigo Darío Xohán Cabana, coa epígrafe«Poeta, narrador e tradutor, académico da RAG, autor dunha obra ciclópea en lingua galega», que (re)elaborei coas indicacións e suxestións achegadas por Anxos Sumai.

Velaquí a entrada relativa a Darío Xohán Cabana, que tamén se pode ler nesta ligazón onde vai introducida por estes dous parágrafos e inclúe Documentación (cunha escolma de textos do propio autor, entrevista ou artigos diversos sobre a súa obra); Ligazóns (que remiten a diversos textos na rede, incluído o artigo que escribín para o dixital Que pasa na Costa); Videos e Audios (coa propia voz do autor na maioría dos casos); Artigos (coa selección de textos da súa autoría en revistas como Teima ou A Nosa Terra); Periódicas (escolla de textos publicados na prensa da emigración) e Publicacions do CCG.

A biografía de Darío Xohán Cabana entra no Álbum de Galicia

  • 16/2/2022

Recibiu máis de medio cento de premios literarios por artigos, contos ou poemas, presentes en antoloxías e obras colectivas. A súa obra foi musicada por Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, A Quenlla ou Anxo Rei, entre outros. Darío Xohan Cabana (Cospeito, 1952-2021) entra hoxe no Álbum de Galicia cunha biografía asinada por Miro Villar.

Toda a súa obra está escrita, segundo explica Miro Villar na súa entrada do Álbum de Galicia “cunha lingua de ouro que bebe do léxico patrimonial da tribo labrega chairega e forma unha amálgama, unha aliaxe coa súa sólida formación de humanista con querenza pola nosa máis antiga e culta tradición literaria galega e románica”. Darío Xohan Cabana foi un poeta, narrador e tradutor, académico da RAG, autor dunha obra ciclópea en lingua galega que Miro Villar repasa na súa biografía.

TEXTO BIOGRAFÍA

Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 – Romeán, 2021).

Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 – Romeán, 2021). Poeta, narrador e tradutor, foi autor dunha obra ciclópea na nosa lingua. Académico da RAG, na que ingresou o 22/04/2006 a proposta de Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, para ocupar a vacante de Manuel María, seu padriño literario e na súa voda con Amelia Outeiro Portela, como sinala no seu discurso de ingreso De Manuel María a Ferrín: a grande xeración. Nesta peza recoñece a súa débeda co editor e poeta Xosé María Álvarez Blázquez, do que aprendeu en Vigo nas Edicións Castrelos moito do labor editorial, desde a corrección textual até a venda de libros, e a quen dedicou unha das súas incursións no ensaio coa biografía Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (2008). Escribe no devandito discurso: «percorrín Galiza enteira, incluso Entre-Eo-e-Navia, o Bierzo e as Portelas de Zamora, nunha furgoneta esbandallada, vendendo libros galegos en cidades e vilas e feiras, principalmente os da benemérita colección O Moucho que co lema de “libros do pobo pra o pobo” inventara Xosé María Álvarez Blázquez, a quen eu teño por un grande e intelixente heroe das edicións galegas».

Participou activamente no nacionalismo desde a mocidade, época na que foi amigo e camarada do militante da UPG morto pola policía franquista Moncho Reboiras. E desenvolveu outros oficios como liberado do sindicalismo nacionalista entre os anos 1978 e 1983, cando gañou unha praza de garda municipal en Corcubión. En 1987 accede a funcionario do Concello de Lugo, durante uns anos como celador do Auditorio e desde 2007 até a xubilación como Coordinador de Publicacións.

Aínda que se inicia na poesía en 1967 nos anos do instituto, co maxisterio de Xesús Alonso Montero, publica os seus primeiros libros en 1970, Verbas a un irmao en edición de autor e Home e Terra (1970), con limiar de Lois Diéguez, da man de Manuel María, quen codirixía a colección Xistral con Ánxel Johán. Nesta década asina tres títulos máis, Romanceiro da Terra Cha (Castrelos, 1973), con prologo de Manuel María, e os outros dous no selo Roi Xordo, que desde Xenebra eludía a censura franquista, e onde utilizou o seudónimo Daniel Méndez O´Dónell, homenaxe a Castelao, Ferrín e un líder nacionalista irlandés. Os poemas deben ser ollados á luz do epigonal socialrealismo da época e neles percíbense dúas direccións temáticas fundamentais, o compromiso cívico e a saudosa evocación da estirpe e da terra nativa. Nos nove poemas de Ferrol 72: Daniel e Amador, condicionados pola intensa actividade política xa hai un maior dominio do oficio literario, alén da facilidade e da destreza métrica e versificatoria, que vai derivar con posterioridade na conformación dunha voz senlleira, coa inflexión que supón a aparición dun poemario amoroso, dedicado a Amelia, Ábrelle a porta ao día (1981). Algúns deses primeiros poemas apareceron na antoloxía bilingüe que preparou María Victoria Moreno para Akal, Os novísimos da poesía galega (1973).

Porén os seus títulos fundamentais e premiados que o consagraron como poeta son da década dos oitenta: A fraga amurallada (Premio Cidade de Ourense, 1982); Patria do mar (Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, 1983), que se abre cun soneto que lle dedicou Ferrín; VIII fragmentos (Premio Cidade de Ourense, 1986), con prólogo de Henrique Monteagudo, e Amor e tempo liso (Premio Celso Emilio Ferreiro, 1986). O seu único poemario dos noventa Canta de cerca a morte, elexía a seu pai labrego Ricardo Cabana Ben, obtivo o Premio Martín Codax en 1994 e publicouse con limiar de Ferrín. Toda a súa produción poética, peneirados algúns textos iniciais, figura en Vinte cadernos: Poemas 1969-2002 (Xerais, 2003), prologado por Moncha Fuentes, e despois desa data tan só publicou Cabalgada na brétema (Galaxia, 2006). A citada compilación xunta case todos os seus versos escritos deica a idade do medio século, que o autor considerou como unha cifra simbólica para render contas. A Nota Bibliográfica no cabo do volume sinala que o proceso de revisión segue a orde cronolóxica da data de escrita e non a da súa publicación e inclúe unha parca explicación sobre a decisión de suprimir algún poema editado ou esquecer deliberadamente poemas ocasionais, ao tempo que tamén deixa fóra os versos narrativos de Chirlo merlo na figueira (1990) e Cinco lendas (1993).

Na década dos oitenta, sen abandonar por completo a palabra comprometida, crea un universo propio e realiza unha arriscada aposta persoal polo formalismo e a contención clasicista, escribindo ducias de sonetos e cancións, influenciadas polo dolce stil nuovo dos poetas italianos, nomeadamente por Dante e Petrarca, autores que nesa época principiaba a traducir de xeito maxistral, mais tamén pola poesía de Ausias March, Ronsard, Shakespeare, os cancioneiros medievais galego-portugueses ou a lírica galega contemporánea, sendo evidente a pegada de Ferrín, sobre todo en Amor e tempo liso, título orixinal e logo desbotado dese libro fundamental que se chamou Con pólvora e magnolias. Outros ecos importantes son os da mitoloxía clásica e do ciclo artúrico, que tamén será relevante na súa narrativa. Ademais deste inxente xogo intertextual coa literatura tamén son de moito interese as alusións á pintura, que inzan o apartado “Algúns figuradores” de Patria do mar.

Na década dos noventa mudou o rexistro poético ao narrativo, alén dun afastado Noticias dunha aldea (1973) que vira a luz en Castrelos, en 1989 gaña o premio Xerais con Galván en Saor, anagrama de Roás, novela inspirada na materia de Bretaña e no ciclo artúrico, como antes fixeran os seus admirados Cunqueiro e Ferrín, ao que seguiron outros títulos, salientando Vidas senlleiras (Premio Cidade de Lugo, 1992), O castrón de ouro (Premio Barco de Vapor, 1993) ou O cervo na torre (Premio Xerais, 1994), distopía sobre a independencia de Galiza. Son textos que abeiran desde a novela histórica, como a longa e épica Morte de Rei (1996) baseada no malfado do noso Rei García, os relatos breves a mesturaren realidade e fantasía no ronsel de Cunqueiro ou unha exitosa entrega de obras de literatura infantil e xuvenil, con libros de habitual prescrición docente nas aulas como As aventuras de Breogán Folgueira.

Se a súa obra poética e narrativa non fose xa abondo meritoria non se pode esquecer a súa paixón e as horas de dedicación ao labor de tradutor, nas diferentes versións que publicou do Cancioneiro de Petrarca ou da obra A Divina Comediade Dante, recoñecida internacionalmente, pois recibiu pola súa coidada versión a Medalla de ouro do concello de Florencia en 1991. E en 1994 a súa Vida nova de Dante recibiu o Premio Ramón Cabanillas de Tradución, o Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Petrarca o Premio AELG de Tradución en 2012, As floriñas de San Francisco o Premio Lois Tobío ao Libro Traducido en 2014 e unha nova versión pulcramente traballada da obra A Divina Comediade Dante o Premio AELG de Tradución en 2014. En todas elas demostrou o seu oficio ao conservar a métrica e a rima orixinais. Realizou tamén moitas outras traducións de mérito e cando lle chegou a morte viña de publicar a súa versión de Xácome o fatalista de Denis Diderot (Galaxia, 2021).

Recibiu máis de medio cento de premios literarios por artigos, contos ou poemas, que tamén enchen ducias de páxinas en antoloxías e obras colectivas. Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, A Quenlla ou Anxo Rei, entre outros, musicaron poemas da súa autoría.

E toda esta poligrafía foi escrita cunha lingua de ouro, coma Pondal, que bebe do léxico patrimonial da tribo labrega chairega e forma unha amálgama, unha aliaxe coa súa sólida formación de humanista con querenza pola nosa máis antiga e culta tradición literaria galega e románica. Alén da súa obra de creación, o seu profundo coñecemento da lingua está na cerna dos encrucillados que publicaba a diario na prensa galega, un tesouro de palabras.

FONTES PRIMARIAS

Poesía

Verbas a un irmao (1970). Lugo: Edición de Autor. Lugo.

Home e terra (1970). Monforte: Colección Val de Lemos, Xistral.

Romanceiro da Terra Chá (1973), Premio de poesía da Terra Chá. Vigo: Colección Pico Sagro, Castrelos.

Mortos porque Galicia viva (1974), co pseudónimo Daniel Méndez. Xenebra: Roi Xordo.

Elexía nunha escuridade mortal (1974). Xenebra: Roi Xordo.

Ábrelle a porta ó día (1981). Sada: Ediciós do Castro.

A fraga amurallada (1983), Premio Cidade de Ourense 1982. Ourense: Limbo.

VIII fragmentos (1987), Premio Cidade de Ourense 1986. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.

Amor e tempo liso (1987), Premio Celso Emilio Ferreiro 1986. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.

Cantigas de amor vilao (1987). Vigo: Colección Ronsel, Galaxia.

Patria do mar (1989), Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, 1983. Vigo: Colección A Fraga, Ir Indo.

Antoloxía poética (1992). Vigo: n.º 61 da Biblioteca de Autores Galegos, Diario 16 de Galicia.

Recolleita (1992). Santiago de Compostela: El Correo Gallego. (Inclúe os cadernos Cantigas do setenta. A sede, a auga. Os campos da fame. Ferrol 72: Daniel e Amador. O tempo que se foi. Ferrol 75: Xosé Ramón Reboiras Noia. Pedras de gozo e pranto e algúns dos poemas dispersos)

Canta de cerca a morte (1994), Premio Martín Códax. Vigo: Galaxia.

Vinte cadernos (poemas 1969-2002) (2003). Vigo: Xerais.

Cabalgada na brétema (2006). Vigo: Galaxia.

Narrativa

Noticias dunha aldea (1973). Vigo: Castrelos.

Galván en Saor (1989), Premio Xerais. Vigo: Xerais.

Fortunato de Trasmundi (1990). Vigo: Xerais.

O libro dos moradores (1990). Vigo: Ir Indo.

Cándido Branco e o Cabaleiro Negro (1992). Vigo: Xerais.

Vidas senlleiras (1992), Premio Cidade de Lugo. Vigo: Xerais.

A excursión (1992). Santiago de Compostela: Contos do Castromil, nº 8.

O cervo na torre (1994), Premio Xerais. Vigo: Xerais.

Cerco de ferro (1994). Vigo: Nigra. Reeditado na rede (2002) A Coruña: eDixital.

Morte de rei (1996). Vigo: Xerais.

Mitos e memorias (2003). Vigo: Xerais.

Literatura infantil e xuvenil

Chirlo Merlo na figueira (1990). Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.

As aventuras de Breogán Folgueira (1990). Vigo: Xerais.

O avión de Cangas (1992), Finalista do Premio Merlín. Vigo: Xerais.

Cinco lendas (1993). Lugo: Deputación de Lugo.

As viaxes do príncipe azul (1993). Vigo: Galaxia. Traducido ao catalán en 2007.

O milagre das estrelas. Aventuras do Mago Antón no Camiño de Santiago (1993). Vigo: Xerais.

O castrón de ouro (1994), Premio Barco de Vapor. Madrid: SM. Reeditado (2007). Vigo: Galaxia.

Chuco Cacho (1994). Vigo: Xerais.

Inés e a cadela sabia (2000). A Coruña: Rodeira – Edebé.

Dende o Himalaia a Ceilán (2004). Vigo: Colección Lendas, Galaxia.

Ensaio

Historia da Lingua Galega (con Xulio Xiz Ramil) (1988). Lugo: Ophiusa.

Longa noite de pedra: poetas da guerra e da postguerra (con Xulio Xiz Ramil) (1989). Lugo: Ophiusa.

Guía da provincia de Lugo (con Alexandra Cabana Outeiro) (1998). Vigo: Caixavigo.

Monterroso na Ulloa (con Alexandra Cabana Outeiro) (2001). Monterroso: Concello de Monterroso.

A chegada a Lugo do primeiro tren (San Froilán, 1875) (2005). Lugo: Concello de Lugo.

Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (San Froilán, 1959) (2007). Lugo: Concello de Lugo.

Poetas en Lugo (2007). Lugo: Concello de Lugo.

Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (2008). Vigo: Xerais.

Fernando de Casas Nóvoa en Lugo (2009). Lugo: Concello de Lugo.

Terras de auga e cultura: Lugo, Rábade e O Corgo (2013). Lugo: Concello de Lugo.

Libro de pregóns das festas de San Froilán de Lugo, 1977-2012 (con Xosé Manuel Santiso Fernández) (2013). Lugo: Concello de Lugo.

Lugo, maio de 1836: o nacemento dunha rúa (con Julio Reboredo Pazos) (2016). Lugo: Concello de Lugo.

Traducións

Cancioneiro, de Francesco Petrarca (1989). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Reeditado (2012) Lugo: Edicións da Curuxa.

A Divina Comedia, de Dante Alighieri (1990). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Reeditado (2014) Lugo: Edicións da Curuxa.

Vida nova, de Dante Alighieri (1994). A Coruña: Espiral Maior.

Os tres mosqueteiros (2000), 2 volumes. Vigo: Xerais.

Antoloxía do Doce Estilo Novo (2004), edición bilingüe: italiano-galego. Vigo: Galaxia.

Os trobadores da Occitania (2011). Lugo: Edicións da Curuxa.

As floriñas de San Francisco (2014). Santiago de Compostela: Alvarellos Editora e Xunta de Galicia.

Xácome o fatalista, de Denis Diderot (2021). Vigo: Galaxia.

FONTES SECUNDARIAS

Angueira, Anxo (2014). “A Divina comedia de Dante Alighieri, tradución de Darío Xohán Cabana”. A trabe de ouro: publicación galega de pensamento crítico (100): 141-145.

Angueira, Anxo (2021). “Dante en Galicia. Las traducciones de Darío Xohán Cabana”. Ínsula: revista de letras y ciencias humanas (895-896): 42-46.

Araúxo García, María Teresa (1995). “Primeiros intentos narrativos de Darío Xohán Cabana. Boletín Galego de Literatura (14): 107-112.

Buono, Benedict (2015). “Dante in Galizia: la nuova versione della Divina Comedia di Darío Xohán Cabana”. Quaderns d’italià (20): 239-246.

Calvo Vidal, José Luis; Rodríguez Yáñez, Yago (2007). Conversas con Darío Xohán Cabana. Vida e escrita. Vigo: Xerais.

Calvo Vidal, José Luis; Rodríguez Yáñez, Yago (2008). A voz e o silencio. Bibliografía e estudo en torno a Darío Xohán Cabana. Outeiro de Rei: Fundación Manuel María.

Carro, Xavier (1990). “Benvido, señor Galván”. Grial (106): 240-242.

García Seijas, Nazareth (2006). “Mito y literatura. La reescritura del mito artúrico en la narrativa gallega contemporánea: Darío Xohán Cabana”. Literatura y cultura popular en el nuevo milenio. Actas del II Congreso Internacional de la Sociedad Española de Estudios Literarios de Cultura Popular (SELICUP): 563-592.

Mejía Ruiz, Carmen; García Piqueras, Isabel (1999). “Aproximación á obra narrativa de Darío Xohán Cabana. Grial (127): 371-382.

Mejía Ruiz, Carmen (1999). “Recreación medieval en la obra de Darío Xohán Cabana”. Actes del VII Congrés de l’Associació Hispànica de Literatura Medieval. UJI: 471-480.

Tarrío Varela, Anxo (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Universitaria. Vigo: Xerais.

Vilavedra Fernández, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega I. Autores. Vigo: Galaxia.

Vilavedra Fernández, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega III. Obras. Vigo: Galaxia.

Villar, Miro (2011 [2003]). “Verbo da emoción, nunha lingua única”. Grial: 159, 97-99. reedición en poesiagalega.org. Arquivo de poéticas contemporáneas na cultura.

<http://www.poesiagalega.org/arquivo/ficha/f/1357>.

Publicado en Biografía, Contos, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Infantil, Lingua, Memoria Literaria, Narrativa, Obituarios, Poesía, Versións ou traducións | Deixa un comentario

Gravación dunha micropeza para o especial «Polos vieiros de Florencio» da RAG

En breve vaise dispoñibilizar na rede unha micropeza para o especial «Polos vieiros de Florencio» da RAG, pois días atrás realizouse a gravación na cidade vella compostelá. Pode visualizarse o primeiro dos capítulos coa voz do seu presidente Víctor F. Freixanes nesta canle de youtube e así está presentada a serie no sitio web da Real Academia Galega:

Da Rede á celebración en Córgomo
A RAG xa ten activada na súa páxina web, academia.gal, a sección das Letras Galegas 2022, que servirá de escaparate tanto para as iniciativas propias como doutras institucións e colectivos que traballen na divulgación do legado de Delgado Gurriarán. Neste espazo xa se pode ler a biografía do poeta asinada por Ricardo Gurriarán e tamén se comparten os primeiros episodios da serie de micropezas Polos vieiros de Florencio, da que se estreará cada semana un novo capítulo. A serie permitiralle ao público ir achegándose, da man de distintas voces, a aspectos relacionados coa vida e coa obra do autor. Como sintonía conta cun tema de Aire!, o último disco do dúo Caamaño&Ameixeiras, dúas artistas novas que forman parte da escena que está a abrir camiños de futuro para a música tradicional.

Publicado en Estudos literarios, Gravacións, Poesía | Deixa un comentario

Entrevista na Radio Voz sobre a obra intitulada Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano

O pasado mércores, 26 de xaneiro, emitiuse no programa «Voces de Bergantiños», na emisora comarcal de Radio Voz, unha longa entrevista sobre a obra intitulada Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano (Xerais, 2021). A conversa con Fran Rodríguez tamén derivou no último tramo a outras cuestións literarias e pódese escoitar completa na seguinte gravación.

Un amplo resumo, asinado polo propio Fran Rodríguez e por Patricia Blanco, saíu hoxe nas páxinas da edición de Carballo do xornal La Voz de Galicia, que reproduzo na imaxe e que reproduzo deseguida. Tamén se pode ler nesta ligazón.

Miro Villar: «Temos unha literatura de moito percorrido, de moita historia»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

A VIVA VOZ | O escritor, docente, tradutor e crítico ceense vén de publicar unha obra divulgativa sobre o poeta homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán: «Florencio era coñecido en antoloxías, en textos que escollen a autores de varias épocas ou por xente que estudou algo do exilio. Fóra dese ámbito, efectivamente, era un poeta descoñecido, tamén porque non tivo fortuna editorial», expresou Villar en Radio Voz

28 ene 2022

Vén de chegar ás librarías un novo traballo do escritor, mestre, tradutor e crítico ceense Miro Villar (1965): leva por título Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano, e versa, pois, sobre o poeta valdeorrés ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas. Interveu Villar para Radio Voz dende terras compostelás, camiño ao centro de ensino onde exerce, en Trazo.

Este libro tivo como punto de partida un artigo xa escrito por vostede no 2006. Din que foi vostede un dos primeiros estudosos do autor. Que o levou a el?

—A aproximación supoño que lla debo ao profesor Alonso Montero, que nun curso do doutoramento sobre a literatura e a guerra civil, traíanos sempre materiais de primeira man, libros esgotados, non editados… e entre eles estaba a obra de Florencio. Logo, o meu primeiro destino no ensino foi O Barco de Valdeorras, e alí co instituto de estudos valdeorreses convidáronme a unha palestra nunhas xornadas. Centreina niso. A raíz disto publiquei ese longo artigo, cerna deste libro de Xerais que vai dirixido máis ben a alumnado de secundaria e bacharelato. Ten, dende logo, vocación divulgativa.

Entendemos que a escolla de Delgado pola RAG para estas Letras ten para vostede toda razón de ser.

—Si. Entre os moitos nomes que se valoran, e que son de xustiza, o de Florencio achegaba dúas cuestións clave: unha, a aproximación á Galicia máis oriental, sempre pouco representada na celebración das Letras, e outra, a aproximación ao exilio mexicano. O exilio si estivo representado nas Letras, pero máis focalizado onde estivo o maior número de exiliados, a Arxentina.

Que diría da vida de Florencio?

—Hai que falar dun home galeguista republicano que, no momento no que o franquismo empeza a exercer a represión e a matar a moitos dos que eran os seus compañeiros, tense que agochar e fuxir a través da raia portuguesa. Pola zona de Toén, consegue chegar a Porto e, dende alí, embarcar para Bordeos e incorporarse á zona republicana, onde, el que xa era militante de base do Partido Galeguista, vai ter maior protagonismo. Coa derrota da guerra traballa na evacuación de republicanos cara a América e el mesmo irá nun dos barcos cara o exilio mexicano, que é onde vai desenvolver a súa vida. Regresou tardiamente a Galicia, e poucas veces.

Linguaxe cotiá, dominio das técnicas versificadoras e capacidade léxica abraiante son algunhas das características que vostede percibiu na obra do autor.

—Florencio ten catro títulos, catro libros de poemas, aínda que ten algunha obra máis, dispersa. Só un deles é previo ao 36, Bebedeira, cunha poesía moi distinta á que vai facer despois. Bebedeira é unha poesía da paisaxe, cunha preocupación polo léxico valdeorrés: incorpora moito procedente do mundo do viño. El mesmo recoñece que escribe moi na liña do hilozoísmo de Amado Carballo, en voga na época, quizais con algo máis de sensualidade nos temas. Logo ten unha etapa de poesía de combate, centrándose no antifranquismo e na defensa da lingua. Poemas con moita ironía, pero tamén moita carga ideolóxica. Logo, xa nos anos de México, é un poeta máis plural, que abrangue todos os temas e que ten unha particularidade única na poesía galega: a incorporación do que el chama poemas mexicanos, nos que utiliza voces propias de falas mexicanas. Son poemas moi musicais, rítmicos, e de feito penso que nesta celebración das Letras grupos musicais e cantores teñen aí un filón. Sábese que el era desde mozo moi cantareiro e moi bailarín.

Podemos dicir que seguía a ser un autor non moi coñecido?

—Florencio era coñecido en antoloxías, en textos que escollen a autores de varias épocas ou por xente que estudou algo do exilio. Fóra dese ámbito, efectivamente, era un poeta descoñecido, tamén porque non tivo fortuna editorial. Penso que este tipo de cuestións se resolverán agora: achegármonos máis ao seu coñecemento, é un dos valores das Letras. Temos precisamente na Costa da Morte unha reivindicación histórica, dende Baio…

Xusto iamos preguntarlle por esa arela para Labarta Pose.

—Hai xente que pensa que na literatura galega non hai nomes. Para nada. Temos unha literatura de moito percorrido, de moita historia, e Labarta Pose é proba diso, un autor do XIX con moita obra.

Segue de preto a loita?

—Indirectamente si, coñezo a Xosé María Lema, ou a Xosé Manuel Varela, que lle dedicou a súa tesiña. Coñezo os traballos que se fan sobre Labarta e creo que é unha candidatura que se debe impulsar. Hai moitas outras, claro, coma a da poeta coruñesa con certo vencello coa Costa da Morte Luisa Villalta. Iría moito na liña de Xela Arias: poesía que comunica moi ben coas xeracións máis novas, cousa que ao mellor non fan tanto Florencio ou Labarta.

Facendo memoria, véñense de cumprir 25 anos do Batallón Literario Costa da Morte. Que lle removeu? Que queda daquel espírito?

—Queda moito pouso. O Batallón tivo unha vida efémera, con dous anos moi intensos nos que cumpriu o seu papel, sacar a poesía de recintos pechados. Pero falo de pouso, porque moita xente que nese momento comezaba a publicar os seus textos co Batallón converteuse logo en autor ou autora de traxectoria. Esa é a semente que deixou o Batallón, e é o máis importante, a continuidade.

Publicado en Biografía, Entrevistas, Estudos literarios, Lingua, Poesía, Política | Deixa un comentario