Os exemplares asinados do libro «O nariz de Fiz» vanse co #dragónValleInclán para Ourense e Compostela

O pasado día 2 de abril conmemorouse o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de lembrar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor prolífico de contos infantís (e non só). A mensaxe deste ano foi escrita polo poeta esloveno Peter Svetina, do que se non estou errado non hai obra traducida ao galego, mais si ao castelán, e ilustrado por Damijan Stepancic. A versión galega da mensaxe foi traducido por Héctor Cajaraville e pódese ler na páxina da OEPLI ou na de GALIX.

As persoas que seguen esta bitácora ou a miña conta de Twitter puideron participar no sorteo de dous exemplares asinados da miña novela infanto-xuvenil, xa descatalogada, O nariz de Fiz (Deputación de Ourense, 2008), que recibiu o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, convocado anualmente pola Deputación de Ourense, e que na súa publicación ilustrou a alacantina Lola Lorente.

Había que lle dar axeitada resposta á seguinte pregunta:
No relato chega á Vilancosta, lugar imaxinario, a compañia de teatro Talía para representar con monicreques unha obra de Ramón María del Valle-Inclán. Por que título é coñecida?

a) Zeralda e o dragón.
b) Dragona.
c) A cabeza do dragón.
d) Os ollos do dragón.
e) O nacemento do dragón.

Resposta
As respostas debían enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal, nun chío coa palabra-chave ou hashtag #dragónValleInclán ou unha mensaxe directa dirixidos á conta de twitter @MiroVillar indicando un enderezo de contacto.

En efecto, a resposta correcta era a c) A cabeza do dragón, peza que nesa altura non estaba traducida ao galego porque a familia do dramaturgo non o permitía. Recentemente foi levada á escena na nosa lingua por Producións Excéntricas, con adaptación/tradución de Quico Cadaval.

a) Zeralda e o dragón é de Agustín Fernández Paz; b) Dragona é de Xavier Queipo; d) Os ollos do dragón é de Àngells Gardella (tradución de Mª Victoria Moreno) e e) O nacemento do dragón é de Wang Fei (tradución de Fernando Moreiras).

Moito me agradaría que todas elas recibisen exemplares do libro mais non era posible e foron sorteados dous entre as 9 respostas atinadas. Cada exemplar leva a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale e esas dúas persoas foron:

@NolasCid (Manuela Iglesias Cid, de Ourense)
@franvarela29 (Fran Varela, de Compostela)

Obrigado, moitas grazas a todas as persoas que participaron no sorteo.

E moitos parabéns ás dúas persoas premiadas e a gozardes coa lectura!

Esta entrada foi publicada en Infantil, Narrativa, Premios. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta