Os exemplares asinados do libro «O nariz de Fiz» fóronse co #cadelorabelo para Compostela e Viveiro



Onte, día 2 de abril, foi Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de lembrar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor prolífico de contos infantís (e non só). A mensaxe deste ano foi un poema de Pat Mora, versionado ao galego pola nosa amiga e veciña Concha Blanco (Cee, 1950) na páxina da OEPLI.
As persoas que seguen esta bitácora ou a miña conta de Twitter puideron participar no sorteo de dous exemplares asinados da miña novela infanto-xuvenil O nariz de Fiz (Deputación de Ourense, 2008), que recibiu o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, convocado anualmente pola Deputación de Ourense, e que na súa publicación ilustrou a alacantina Lola Lorente.
Había que lle dar axeitada resposta á seguinte pregunta:
Fiz ten un can rabelo. Que vén sendo isto?
a) un can que ten un rabo longo e con moito pelo.
b) un can que ten a rabia e pode ser rabudo.
c) un can que non ten rabo ou o ten moi pequeno.
d) un can que move moito o seu rabo.
e) un can que toca un instrumento chamado rabel.
E as respostas debían enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal, nun chío coa palabra-chave ou hashtag #cadelorabelo ou nunha mensaxe directa dirixidos á conta de twitter @MiroVillar indicando un enderezo de contacto.
A resposta axeitada era « c) un can que non ten rabo ou o ten moi pequeno » e houbo tan só catro persoas que atinaron e todas catro fixérono nun chío ou nunha mensaxe directa na conta de twitter @MiroVillar.
Moito me agradaría que todas elas recibisen exemplares do libro mais non era posible e, coa axuda de Mar Cabaneiro, foron sorteados dous entre todas as respostas atinadas. Cada exemplar leva a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale e esas dúas persoas foron:
@Isabelmbs (Isabel Barcón Soto, de Viveiro)
@nasas09 (Olga Abeixón, de Compostela)
Obrigado, moitas grazas a todas as persoas que participaron no sorteo.
E moitos parabéns ás dúas persoas premiadas e a gozardes coa lectura!

Esta entrada foi publicada en Infantil, Narrativa, Premios. Garda a ligazón permanente.