Onte, 16 de xuño, Dublín acolleu os actos do «Bloomsday»


(Primeira edición do Ulysses de James Joyce. Fotografía de David Sillitoe para The Guardian)
Máis unha vez, onte, 16 de xuño, as rúas de Dublín acolleron os actos centrais da conmemoración do «Bloomsday» que chegan xa ao seu 108 aniversario e que tamén se celebra noutras localidades irlandesas e do mundo (por comunidades académicas ou lectoras e lectores devotos da obra). E nós sentimos envexa de que nun país de moita cervexa e moito football tamén teñan moito suceso as festas literarias coma esta que lembra o día no que Leopold Bloom, personaxe protagónico da novela Ulysses (1922) de James Joyce (1882-1941) anda á vaiche boa polas rúas da capital irlandesa.
Na edición de hoxe do Irish Times sinalan que as celebracións dublinesas deste ano contaron coa presenza do presidente irlandés, o poeta Michael Higgins (de quen xa se falou nesta bitácora). No seu discurso considerou a Joyce un dos escritores máis importantes da República de Irlanda, ao tempo que sinalou como o seu Ulysses revolucionou a escrita literaria ao incorporar un novo estilo narrativo no xénero da novela, xa que obrigou ao lector a facer parte activa e non un sinxelo observador pasivo da historia.
(Por certo, unha anotación á marxe, algunhas axencias de viaxes organizan o seu particular «Bloomsday» noutras épocas do ano, coma esta en español).
As pegadas de James Joyce na nosa literatura foron estudadas neste artigo por Antonio Raúl de Toro Santos. Porén, é ben lembrarmos máis unha vez que o noso idioma foi, despois do francés, a segunda lingua do mundo en traducir fragmentos do Ulysses de Joyce e a primeira lingua peninsular, antes mesmo que o castelán ou o português. Foi don Ramón Otero Pedrayo, quen en 1926, publicou «Ulysses, anacos da soadísima novela de James Joyce, postos en galego do texto inglés», A Coruña: Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega, 32. 3-11.
Hai unha edición recente (2003) na colección Illa Nova da Editorial Galaxia, co título Fragmentos de Ulises, 1926 e un estudo introdutorio de Carlos Acevedo.
A intrahistoria dese episodio da nosa literatura está moi ben recollida polo escritor e xornalista Camilo Franco neste artigo en La Voz de Galicia e do que reproducimos agora uns parágrafos significativos:
«A galega foi a primeira lingua peninsular en recibir a Joyce, pero foi despois do francés, a segunda do mundo en asumir os fragmentos do Ulysses. Catro anos separan a primeira edición da novela da aparición na revista Nós dos anacos de dous dos seus capítulos. Esta prontitude débese, en parte, ó interese que Joyce e a súa escrita suscitou na Xeración Nós, fundamentalmente en Vicente Risco e Otero Pedrayo. Un interese polo carácter anovador da súa literatura, polo xeito con que rachaba as tradicións literarias e, non menos importante, pola atención que prestaba á cultura irlandesa, o que supuña que un sistema minorizado podía enfrontarse a un sistema cultural moito máis amplo e forte, como era o caso do británico.
En 1922, James Joyce consigue publicar en París, na editorial de Sylvia Beach, o Ulysses. Dous anos despois, en 1924, aparecen algúns fragmentos traducidos ó francés, en publicacións da época e, posiblemente, con esas páxinas chegan a Galicia as primeiras noticias da novela.
Foi Vicente Risco quen primeiro chamou a atención sobre Joyce e a súa obra na mesma revista Nós. O escritor galego rexeita o anticatolicismo do irlandés, aprecia o seu irlandesismo e tenta sintetizar a novela explicando que non ten comezo nin final e que conta un día na vida dun home desde que se ergue ata que se deita.
Como nun traballo acordado, foi Otero Pedrayo quen acometeu a tradución de varios anacos dos episodios titulados Ithaca e Cyclops dun xeito decidido e voluntarioso, pero non científico desde o punto de vista lingüístico e mesmo literario, excluíndo algunhas pasaxes que para os autores e lectores de Nós poderían resultar excesivamente atrevidas naquela altura do século XX».

Esta entrada foi publicada en Encontros, Estudos literarios, Historia, Narrativa, Roteiros, Tradicións, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.