«O soneto musicado de Miro Villar», artigo da xornalista Iria Ameixeiras





(Premer dúas veces nas imaxes para unha mellor lectura)
O dixital compásdacosta publica un novo artigo da xornalista Iria Ameixeiras, desta volta intitulado «O soneto musicado de Miro Villar» sobre a recente estrea da súa partitura. Deseguida reproduzo o texto, que agradezo ben.
«Non me importa ser lama se ti me purificas» é o último verso do soneto «Negación de Ulises e Teseo» que Miro Villar (Cee, 1965) escribiu alá polos noventa. E a catarse do poeta ceense chega agora coa cerimonia da música culta. O compositor Miguel Brotóns (Alacante, 1965) confeccionoulle unha harmonía á medida dos versos deste soneto de Equinoccio de primavera (Esquío, 1998). O músico chegou a Miro Villar a través da escritora Rosa Aneiros e aquel primeiro encontro materialízase hoxe [15 de decembro] en Ourense -no auditorio da Escola de Música e Artes Escénicas ás 20.00 horas- coa conxunción de melodía e palabras.
Conta Miguel Brotóns que tanto Miro Villar como Gonzalo López Abente representan, para el, ao poeta do Atlántico, co seu romanticismo “de traxedia, pero tamén de vida”. Escolleu musicar a Miro Villar porque quería dar vida a poetas de agora, para que os clásicos non silencien o seu gran labor e, así, facelos tamén a eles clásicos e inmortais. Tanto amor á cultura e á historia do país fixeron que na súa terra valenciana a Brotóns o alcumen O Galego. Na súa interpretación íntima sobre «Negación de Ulises e Teseo», o compositor sinte empatía cun personaxe “que quere chegar, aínda que non sexa vitorioso”, porque o importante –di-, é estar aí. Quizais, “aí” é Compostela ou algún outro sitio preto da Costa da Morte.
Malia que o poeta non escoitará hoxe a invención, xa asistiu, por teléfono, a unha estrea improvisada na que Brotóns cantou para el. E, do outro lado do aparato, Miro Villar escoitaba o piano seguindo o ritmo dos seus hendecasílabos. “E sentín estrañeza porque eu a poesía téñoa relacionada con música ou canción de autor”. Pero non agocha a evidente ilusión. Explica que, nas súas aulas, esperta o gusto dos alumnos de instituto pola poesía a través dos novos xéneros musicais cos que se ataviou a Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro. De pensar en novas tonalidades para a súa obra, o mestre do Batallón Literario imaxina os acordes de guitarra dun cantautor, a percusión folk ou pode que algo de jazz; e vénlle á memoria o álbum de Abe Rábade, Anxo Angueira e Guadi Galego: Rosalía 21.
Pero no mundo dos posibles queda para sempre esa versión interpretada –agora, si- por Teresa Novoa, soprano, e Alejo Amoedo, pianista, no concerto de esta tarde da Asociación Galega de Compositores (AGC) xunto coa Federación de Asociacións Ibéricas de Compositores (FAIC). Brotóns confía en que esta música acabe contraída nalgún disco, e aspira tamén a escoitar a súa harmonía a rentes do mar bergantiñán. O que si sabe seguro é que o poeta Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963), ao que lle din “cantor de Nemancos”, terá a súa homenaxe especial na Costa da Morte, no estío, para todos os que queiran coñecer como soa a música das súas palabras.

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.