«O mar na poesía de Antón Zapata García», artigo de Francisco Fernández Rei en Nova Ardentía, 11 (2019)

Nas principais librarías no noso País vén de aportar o número 11 de Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, publicación que recolle o relevo de Ardentía, que dirixía o chorado amigo Luís Rei (O Grove, 1960 – Pontevedra, 2015), escritor e bibliotecario en Cambados, e cuxo relevo está en mans dun Consello de Redacción que forman o académico Francisco Fernández Rei, o escritor Emilio Xosé Ínsua, Manuel García Sendón presidente da Federación (nativo de Lira), Xaquín Lores e a portuguesa Ivone Baptista.

Neste número 11 de Nova Ardentía, inclúe como é habitual numerosos artigos relacionados coas embarcacións e cos oficios deo mar, coa cultura mariñeira en xeral. E na súa parte final sete artigos que falan desa cultura mariñeira en diferentes manifestacións artísticas: literatura, música ou pintura. Xaime Estévez Vila asina «Discografía galega do mar. 5O referencias ao mar nas gravacións da música galega»; Emilio Xosé Ínsua escribe sobre a «Presenza do mar na literatura galega anterior ao século XX»; o académico Francisco Fernández Rei o artigo intitulado «O mar na poesía de Antón Zapata García»; a sección «Letras de almadraba» ocúpase da poesía de Eliseo Alonso; na sección «Sino de proa» Emilio Xosé Ínsua recensiona os libros La emigración a las Américas por el Puerto de Vilagarcía de Arousa, de Víctor Viana, a novela A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto e a obra Pequena Inglaterra, de Ioanna Karistiani e os Contos mariños de Carballo, de Xabier Maceiras Rodríguez; a sección «Lecturas para navegantes» de Xaquín Lores compila as últimas referencias bibliográficas sobre cultura mariñeira e a sección de Emilio Xosé Ínsua «Pintores do mar» fala de Antonio Fernández.

Deseguida reproduzo o texto, sempre brillante e do que moito aprendemos, do académico e profesor Francisco Fernández Rei que celebra a saída o volume da nosa autoría Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García (Edicións Fervenza, 2018), ao tempo que lle agradezo a súa xenerosidade, xa demostrada cando participou no lanzamento desta obra, así como a licenza para o reproducir. Velaquí:

O mar na poesía de Antón Zapata García

Francisco Fernández Rei

No 1954 publicouse na Coruña o poemario A roseira da soidade, de Antón Zapata García, onde a Costa da Morte e, sobre todo, o mar de Laxe están presentes en moitos versos da sección “Dorna saudal” que fecha o libro. O prologuista Ramón Otero Pedrayo sinalaba a existencia dun “pneuma argonáutico sinon precisamente ulisaico nalgúns poemas mariñáns de Zapata e seus apaixoados periplos da costa bergantiñán pois sempre as vellas e labouradas testas dos promontoiros axexan e vixían como rexas esculturas da idea fonda, lonxáa e consoadora das ‘Matres’ galegas”.

1. Miro Villar e a investigación da poesía de Zapata

No cincuentenario dese poemario, o Concello de Laxe patrocinou unha edición facsímil, coa mesma cuberta de M. Abelenda do 1954 e cunha longa introdución de Miro Villar, onde debullaba a traxectoria biográfica de Zapata, nado en Laxe no 1866, fillo dun carabineiro das Mariñas de Betanzos e dunha muller de Camariñas parente de Eduardo Pondal. Con 17 anos emigrou á Arxentina, onde foi activo militante da arredista Sociedade Nacionalista Pondal e doutras asociacións; en Buenos Aires faleceu no 1953.

A introdución completábase co relato da intrincada historia do mecanoscrito d’A roseira da soidade: o seu “secuestro” no Concurso Literario de las Obras Gallegas do 1949 do Centro Gallego de Buenos Aires e a posterior censura franquista que eliminou, entre outros, poemas sobre figuras da nación como A. Villar Ponte, Castelao e Bóveda. “Na morte de Lexandro Bóveda” (1937) é o primeiro texto en galego sobre o asasinato do secretario de organización do Partido Galeguista.

Anos despois, Miro Villar defendeu na Universidade de Santiago de Compostela a tese de doutoramento A poesía galega de Antón Zapata Garcia. Edición e estudo (2007), onde analizaba a biografía e o contexto sociocultural da vida do autor, tendo en conta o referente da emigración galega a Arxentina; estudaba a poesía en galego, con atención a aspectos historiográficos, métricos e estilísticos e á xénese e á recepción d’A roseira da soidade; e presentaba a edición crítica da obra poética completa en galego, o devandito poemario e todas as composicións publicadas en diferente medios.

O ano pasado publicou a monografía Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García (1), cun completo “Glosario do léxico mariñeiro” (pp. 33-123) e coa edición de toda a poesía con salitre do laxense, “Dorna Saudal (e outros poemas do mar) (pp. 125-267), cos textos do poemario póstumo e os dispersos que compilara para a tese de doutoramento, con centos de notas coas variantes dos textos publicados e notas da edición dos poemas.

O glosario e a obra poética van precedidos de tres curtos capítulos: o primeiro, Breve nota biográfica (pp- 7-12); e o terceiro, O léxico mariñeiro (pp. 27-32), que contén opinións sobre “o poeta mariñán” na revista arxentina Céltiga de abril do 1928 e, sobre todo, de Zapata “poeta do mar” despois de publicarse A roseira da soidade.

2. Poemas do mar de Zapata

O segundo capítulo introdutorio, Poemas descritivos do mar e da vida mariñeira (pp. 13-26), é unha excelente guía para a lectura de todos os textos agora editados, con explicación do tema, da métrica e da calidade poética das composicións ou de certos versos. Miro Villar edita, en primeiro lugar, os 34 poemas que Zapata agrupara baixo o epígrafe “Dorna saudal” no seu poemario, con este breve texto:

O rizón da miña dorna,
fica no ancoiral de Laxe,

mentres a dorna, ¡probiña!,
recorre todol-os mares
A. Z. G.

O primeiro poema titúlase “Dorna saudal”, coma o epígrafe. A dorna é a señora do mar da Arousa e do mar de Ons (e no seu día do Porto do Son), pero non é barco da Costa da Morte. Na literatura galega, sobre todo na poesía, converteuse en símbolo da singularidade da nosa cultura, polo que son incontables os textos líricos con alusión á dorna, que navega en poemas do pre-Rexurdimento e en moitos textos do século XX. (2)

Posiblemente o poema máis coñecido de Zapata sexa “Alando a traíña”, que tivo cinco versións. Na revista Nós (25 de xullo do 1931) publicouse co título “Traiñeiros de Laxe”, cunha dedicatoria ó pintor Camilo Díaz Baliño, que retirou cando presentou o libro á censura, porque Díaz Baliño foi dos primeiros paseados do franquismo. No texto Zapata denuncia o escravo traballo da pesca de baixura, como se ve nestas estrofas:

Mentras alan, descalzos, a traíña,
e, â salmuira mestúranse os suores,
revoa, câl revoa unha anduriña,
a trïada que conta as súas dôres:

‒Sempre, ¡sempre! Traballando,
desde a mañán hastra â nuite…
¡e sempre probes ficamos!

Co estribelo decote,
barco e corpos abalan:
-¡Ei!… ¡raina!… ¡Ei!… ¡raina!…

En “Mareas vivas” narra os labores do marisqueo e canta as mareas que con lúa nova ou baixa o mar enche ou devala moito máis que nas mareas habituais. No poema “Os birbirichos e as birbiricheiras” d’A gaita gallega (1853), Xoán Manuel Pintos cantara a ceifa do marisqueo no areal cambadés no Sarrrido ó que acudía a xente pobre do Salnés.

En “Mar roleiro” trata unha das traxedias no mar, a morte dun percebeiro de Laxe. Miro Villar dedica esta monografía á memoria de Paco Souto, de Malpica, “poeta, percebeiro e incansable activista cultural, que amou inmenso o mar, ese mesmo atlántico que che reclamou como tributo a túa vida o 30 de marzo de 2017”.

Interesantes son catro poemas dedicados ás estacións: “Mariña de primaveira” é un poema etnográfico onde enumera especies de mariscos, e en menor medida peixes e o xeito de pescárenos o home e os mascatos; “Mariña de vran” é a descrición da calma do mar nesa estación; “Mariña de outón” é a narración dun día de vendaval e chuvia e pouca faena mariñeira; e “Mariña de inverno” é o relato dun día de forte maresía, con barcos varados nas praias, algún que foxe do temporal e o naufraxio dun barco estranxeiro ó fracasar o salvamento por parte de seis mariñeiros nunha buceta.

Zapata é un ourive do verso nos sonetos, como “A Costa da Morte”, sobre a lenda da morte do Sol no occidente galego, ou “A vila de Laxe”, que se espella “n-as ondas tranquías, coor turquesa/ pieitando os seus cabelos de ourífica finura”, con praias que no verán son leitos de puntillas onde sestean “as peixadoras quillas/ sin relembrar nortadas, trebóns e furacáns”. Ourivaría hai en “Amante navío”, tres sonetos con léxico e tema mariñeiros que forman un poema de amor, con dous barcos (trainera e navío) relativos á vida de dúas persoas, trasuntos do poeta e da amada.

Moi logrado é o soneto “Trincado”, onde condensa as manobras de navegación do barco de cabotaxe propio do golfo Ártabro e da Mariña:

Nachudo de arrufada, con papos de homes gordo,
n-un largo, vai fendendo, a xeito de bigotes,
as ondas que, en salseiros, pol-o courel, abordo,
solagan imbornaes, bancadas, calabrotes…
(…)
e cando xa se emproa, e ao vento bate a vela,
ás voces de: “¡Dar fondo1”, “¡Desata drisa!”, “Arria”,
¡câl de un ditrema iñorme, dél sae unha gamela!…

N’A roseira da soidade fechaba a serie “Dorna saudal” o texto “Acordeón galego”, instrumento musical de grande importancia na vida mariñeira. Compara o seu son co do mar nas furnas, nos coídos, nas praias e coas ondas contra o “muelle”; un acordeón que se escoita por bares e tabernas desde Buenos Aires a Laxe, que fala de eternas traxedias, de maresías e de galernas, que chora cando non hai peixe nin cereais e que ri cando a xente que emigrou volve ou cando os barcos pescan sardiña.

Miro Villar publica dous poemas censurados polo franquismo. Un é “Invocación «O Caxestal»”, apóstrofe a un cantil da costa de Laxe, descrito como “baruda e petrinforme catedral/ que as ondas fono erguendo c-ôs seus brazos”, “penasqueiral xigante/ ‒de traxédeas testigo” onde arela que ondee a bandeira galega (“o teu cúmiaro sexa/ lugar onde brandê nosa bandeira”). O outro poema é “O remorso do mar”, con denuncia da represión franquista xa no verso primeiro (“Morden os cans das foulas n-os cantiles”).

Hai poemas dedicados a naufraxios famosos na Costa da Morte, coma o do barco-escola inglés Serpent fronte á praia de Trece de Camariñas, con 172 náufragos (“Na Costa Brava dormen os fillos d-Inglaterra”); e o naufraxio do trasatlántico inglés City of Agra, que embarrancou nos baixos de Camelle (“Houbera mar de fondo a sete mares”) .

Ademais, figuran textos onde o mar non é o tema central. Algúns son fragmentos de poemas d’A roseira da soidade, como a composición narrativa “A Crus da Rosa”, onde describe a vila de Laxe, as faenas e os tesouros da pesca e trata o embarque dos emigrantes na Coruña e a paisaxe que deixaban na travesía. En “Lembranza e loubor da Cruña” refírese ás condicións do embarque no “Muelle de Ferro”, de onde saían os trasatlánticos para América, e describe a actividade xerada na cidade meré á pesca de fresco e ás “salazóns de pescado”.

3. Léxico do mar e toponimia costeira na poesía de Zapata

Os termos do “Glosario do léxico mariñeiro” agrúpanse seguindo o Léxico de los marineros peninsulares de Manuel Alvar: 1. O mar, 2. Xeomorfoloxía 3. Meteoroloxía, 4. Astros ou fenómenos relacionados, 5. Navegación e manobras no mar e na terra, 6. Embarcacións, 7. Comercio, 8. Natación, 9. Pesca, 10. Fauna, 11. Flora.

Non se definen as palabras de uso máis común, pero si todas as demais, fornecendo a maioría dos contextos de uso, as variantes dun termo e a forma do galego estándar, de ser necesario, como se aprecia no artigo de Miro Villar sobre os tipos de embarcacións publicado no nº 10 de Nova Ardentía (3), onde non aparece a entrada trincado:

Balandro (‘Embarcación de vela que se empregaba antigamente na pesca’, i-en Laxe teño un balandro).

Tarrafas (‘Embarcacións que usan a arte de pesca ao cerco do mesmo nome para a sardiña’: n-entán säen do porto tarrafas e traíñas // si s-engaiolan n-as mallas / das tarrafas e traíñas Cfr. infra tarrafas ‘aparellos’).

Trasatrán; trasatráns; trasatrante; trasatrantes (No estándar trasatlántico(s), ‘Embarcación para o transporte de pasaxeiros’. Nunha ocasión caracterizándoa, sorríslle aos trasatráns de aceiro frío).

A maiores do léxico común, Miro Villar estuda a fraseoloxía mariñeira e, sobre todo, a onomástica mariñeira de Zapata con análise da antroponimia e santoral, mitoloxía, nomes de embarcacións, topónimos e xentilicios. Entre as moitas entradas da toponimia están o latinismo Ara-Lucis, expresión poética para nomear os faros (Touriñán, Fisterra, Ortegal, Vilán…); Briganza para as Mariñas betanceiras e, por extensión, as costas galegas; e Cabo Nerio para o faro de Fisterra (o Promontorium Nerium dos romanos).

Outros topónimos estudados son o Cabo Vilán de Camariñas, o primeiro da Península ibérica con luz eléctrica; Cantábreco mar ou Cantábrico; Celtinérea e Celtineria, en alusión ós nerios, pobo prerromano da zona da actual Fisterra e, por extensión, Galicia; Costa Brava e mar da Costa Brava, denominacións bastante usadas, sobre todo na literatura, no canto de Costa da Morte, que se rexistra en Zapata, mesmo no título dun soneto; Facho Néreo para o faro de Fisterra; Mar do Sol para o mítico Gran Sol; Punta da Barra para a lingua de terra no esteiro do Anllóns na Ponteceso…

4. O mar de Zapata e a construción do galego literario (4)

No léxico de Zapata hai as ondas medievais, as vagas e os vagallóns de Leiras Pulpeiro, pero tamén os fisterráns tombos (“tombos galgantes e ruxintes, con louco revoar”), grandes vagas que se producen cando hai mar picado e que rompen nos baixos ou nas praias. Tombo rexístrase nos muxiáns Victoriano Abente e Gonzalo López Abente (5) e recentemente en Alexandre Nerium e en poetas do Batallón Literario da Costa da Morte.

Zapata introduciu o termo rotía para as ondas producidas polo mar de vento, que é a rutía do fisterrán Alexandre Nerium, as únicas documentacións no galego literario. O laxense ten moitos rexistros de furna, con gran tradición poética (Pondal, Leiras, Cabanillas, Manuel Antonio…) e furnals e furnales, que só se documentan en Zapata.

Case sempre emprega ardentía como “sucesión de ondas que o mar embravecido lanza contra a costa formando rompentes de escuma”, a primeira vez nun poema do 1918 (“Antes de vir a ‘ardentía’,/ −antepoñend’o ‘socheo’,−”), acepción que no galego escrito introduciu o sadense Lugrís Freire (1909) (“unha de aquelas ardentías, s’unha de aquelas bruantes marexadas chegaba a romper sobre de a popa de o falucho”).

Usa o termo literario rochedo de Cabanillas e o popular coído, propio da Costa da Morte (e da zona de Muros) para designar pequenas enseadas con pedras traídas polo mar. Antes de Zapata só se rexistra coído no 1922 na prosa de López Abente, de Muxía.

Tamén emprega termos populares con tradición literaria como argazo, courel (do barco) e peirao, que introduciron no galego escrito, respectivamente, Sarmiento (1746), Pondal (1886) e Pintos (1853); e outros como refacho, nordés e nordesía, que introduciron Cabanillas (1917), A. de la Iglesia (1857) e Leiras Pulpeiro (1884), respectivamente.

Zapata foi o primeiro que empregou no galego literario voces como nortada para vento forte do norte, velear para navegar en vela, sueste para o gorro da roupa de augas e socheo. En falas do “tranquilo” mar da Arousa (Cambados, O Grove, Rianxo), o socheo designa a “fase final do crecente da marea, anterior á preamar”, acepción que se descoñece en Fisterra e posiblemente en Laxe. O socheo de Zapata (“nin nos socheos, vagallóns, nin tombos” // “Antes de vir a ‘ardentía’,/ -antepoñend’o ‘socheo’,-” // “O socheo, ¡o socheo!, balbordante / correndo como un galgo”) debe ter unha acepción semellante ás que Paco Rivas rexistrou en Foz: “auga que impulsa unha onda ou unha andana despois de romper”, “resaca que fai o mar ó romper as ondas” ou “subida grande de nivel das augas provocado polo empuxe do mar”. (6)

Para a xente do mar usa peixeiro, introducido por Rodríguez López (1908), e pesco que introduciu Sarmiento (1746); e creou peixador (e peixadora) e peixar, que só el usou ata agora na lingua literaria. Debeu considerar que pescador (7) e pescar son castelanismos, polo que por diferencialismo creou eses termos sobre peixe, como inventou os hiperenxebrismos somariño e trasatrán (e trasatrante) para evitar as formas cultas submarino e trasatlántico. Creou o neoloxismo marefoxas e marfoxa para nomear unha foxa abisal mariña, e debe ser creación súa ancoiral para ancoradoiro.

Na fauna usa termos da Costa da Morte e de falas próximas, coma o equinodermo tallante (e non os literarios estrelamar ou estrela do mar); no texto “Porto peixeiro” rexístrase boguina e corno para o molusco gasterópodo Buccinum undatum. (8) En Zapata corvo ten moitos rexistros como ave de terra, e só algún dubidoso para o do mar; neste caso emprega o castelanismo cormorán, voz tomada do francés, e corvoransos.

Na poesía de Zapata rexístrase o termo popular ardora para a fosforescencia do mar, que indica a presenza dun cardume, e varios termos para diferentes tipos de cardume: bramos, saltido, tintura e xarabeles. (9)

5. Remate

Os meus parabéns a Miro Villar pola coidadosa edición da poesía do mar de Zapata e polo glosario de voces mariñeiras que, malia algunha carencia e inexactitude nalgunhas definicións, é un traballo encomiable e útil para o lexicógrafo e, particularmente, para a xente que ama a cultura mariñeira.

Co seu labor de anos de investigación, Miro Villar contribuíu a sacar do esquecemento unha figura que moito traballou pola causa de Galicia na emigración arxentina. Cantou as figuras da nación represaliadas polo franquismo, pero cantou, sobre todo, a paisaxe costeira do seu Laxe natal e a vida escrava da xente do mar.

Con monografías como Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García hoxe temos moito máis mar na cultura galega.

NOTAS
(1) Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García. Estudo, edición literaria e notas de Miro Villar. [Silleda]: Edicións Fervenza, 2018.

(2) O cambadés Ramón Cabanillas foi un dos seus mellores cantores e Álvaro Cunqueiro fixo filigrana poética coa dorna como motivo. Entre os que se marabillaron con este barco, á parte de Antón Zapata, están Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Xulio Sigüenza, Álvaro de las Casas, Ánxel Sevillano, Pura Vázquez, Xohana Torres, Salvador García-Bodaño, Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana e Xosé Miranda. Cfr. F. Fernández Rei, E. X. Ínsua López e L. Rei: “Fálame de barcos. Apontamentos para un catálogo (I)”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial 2 (2005), 11-17.

(3) M. Villar: “As embarcacións nos poemas de Antón Zapata García”, Nova Ardentía 10, 2018, 72-76. No final do artigo reprodúcense dous poemas de Zapata: “Pedras de Besugueira”, Alborada 7, Bos Aires, xuño-xullo 1932, e “Porto peixeiro”, con ilustracións de Suárez Couto, 1950.

(4) Cf. F. Fernández Rei: “Moita costa, pouco mar: o léxico mariñeiro e a construcción do estándar galego”, en Mª Álvarez de la Granja e E. X. González Seoane (eds.): A estandarización do léxico. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega, 2003, 285-347 (particularmente o apartado 2.6 “Os tombos e os coídos de Zapata García”).

(5) Antes de que Victoriano Abente usase tombo no 1881 (“tombos de mar fervendo”), Xoán Manuel Pintos introducira a variante tumbos no 1853 (“os tumbos [da Lanzada] que escumaban a cachóns”). Para a documentación do léxico no galego literario moderno vid. Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (Versión 4.1).

(6) P. Rivas: Entre o abalo e a zaranda. Dicionario léxico do mar. Pontecaldelas: Ed. do Cumio, 2016, s.v. socheo.

(7) En galego mariñeiro é termo xenérico para quen vive do mar, mentres que pescador é o mariñeiro que traballa con liña, á parte do que pesca con cana no río.

(8) Corno rexístrase en falas galegas do Cantábrico, en Cedeira, na Costa da Morte, na ría de Vigo e no Baixo Miño (en Muros dise corna). Buguina, que introduciu o pontevedrés Pintos (1861) no galego literario, é propia do Golfo Ártabro, da Costa da Morte, da ría da Arousa, de Portosín e de Portonovo.

(9) Sobre a significación e a presenza destes termos no galego mariñeiro e outras denominacións para banco de peixe en Laxe e no litoral galego e portugués, pode verse F. Fernández Rei: “Cardumes, barrías e manchas de peixe en galego e portugués”, en A. I. Boullón Agrelo, X. L. Couceiro Pérez e F. Fernández Rei (eds.): As tebras alumeadas. Estudos filolóxicos ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo. Santiago de Compostela: Universidade. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2005, 347-363.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Ensaio, Estudos literarios, Lingua, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta