O malfado galego sobre O Libro Inclinado de Peter Newell

Libroinclinado1
(Portada do libro. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Mañá, 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil, andaremos de ferias pola cidade de Porto e esta asociación de ideas entre a cidade lusa e as letras lévame a recuperar unha anotación que escribín nesta bitácora o 11 de xullo do 2011, para (re)lembrar o nulo interese das editoriais galegas por un clásico da literatura infantil. Cando a escribín seis editoras rexeitaran o proxecto e desde aquela tan só llo ofrecín a unha sétima, tampouco direi o nome, que tamén o desprezou e iso que desta volta engadía que para facilitar a súa publicación renunciaba a calquera dereito económico derivado da tradución que eu asinaba.
Aquela anotación dicía así:
Toc, toc. Hai algún editor sensible por aí?
Un verán atopei en Porto un libro para primeiros/as lectoresas que me namorou. Tempo despois fixen unha versión galega de O LIBRO INCLINADO de Peter Newell, porque considero que este libro debería estar na nosa lingua. Este marabilloso conto rimado está publicado por Thule en castelán e en catalán, e por Orfeu Negro en portugués (por certo, esta última versión é a que máis se afasta do orixinal inglés, certo é que facer unha tradución en verso e rimada non é nada doado, e mesmo pódese entender que haxa expresións e xiros idiomáticos intraducibles, mais Rui Lopes recrea demasiado). O orixinal data de 1910, polo que estaría libre de dereitos, ou iso creo. Hai tempo que teño preparada a tradución rimada á nosa lingua, diferente en moitos aspectos da portuguesa e da castelá. Pois ben, xa van seis editoras galegas (cuxo nome prefiro non lembrar) que rexeitaron publicar este conto. Difícil de entender, non?
E a este comentario engado agora a presentación que fan do libro en portugués e os versos inciais do conto rimado na versión da miña autoría:
Publicado pela primeira vez em 1910, O Livro Inclinado, de Peter Newell, é um clássico do livro para crianças e ao mesmo tempo um objecto único e irresistível para os leitores mais crescidos. Em verso e literalmente inclinado, este livro ilustra nas suas páginas a descida rocambolesca de Bobby no seu carrinho de bebé pela encosta mais empinada do bairro. Bobby atropela os vizinhos, o guarda, o pintor, a vaca, o jornaleiro, e todos os que, desprevenidos, são apanhados pelo carrinho em fuga, o qual cria os mais incríveis acidentes e grande confusão. Obra-mestra do livro infantil, pioneira dos formatos especiais, é agora recuperada um século depois para os leitores do séc. XXI.
BOLOGNA RAGAZZI AWARD 2008
O LIBRO INCLINADO
De PETER NEWELL
Subir a encosta é díficil, gran verdade,
mais cando hai que baixar, qué velocidade!
Onde vive Bobby hai un outeiro,
un outeiro tan alto e empinado
que para Jack e Jill ir co caldeiro
por auga non sería nada doado.
O carricoche de Bobby escapou
un día outeiro abaixo desbocado,
a desleixada ama aterrada berrou
mais Bobby estaba entusiasmado.
Aplaude de maneira barulleira,
escacha a rir e fai festa rachada,
mentres, un pouco detrás, á carreira
a ama desesperada e preocupada. (…)
(Páxina ilustrada que se corresponde co texto. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
LibroInclinado2

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Narrativa, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.