«O cerro d'o Pindo», un poema de Matías M. Escariz Méndez na revista Finisterre (1928)

MontePindo
(Fotografía da cuberta: Maribel Longueira)
Na primavera de 2013 chegaba ás librarías e ás casas dos subscritores/as (pois a obra editouse por micromecenado ou crowdfunding) o volume Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, que tiven a honra e o pracer de coordinar cabo de Francisco “Chisco” Fernández Naval, por encomenda da Asociación Monte Pindo Parque Natural, e que publicou Toxosoutos.
Nesta anotación reproducín o Limiar que asinamos no último mes do ano 2012 ambos e dous coordinadores e que nun dos seus parágrafos dicía así:
Cincuenta e seis poetas e sesenta e seis textos compoñen este volume. Coa axuda inestimable de Xosé María Rei Lema, buscamos poemas nos que o monte estivera presente. A referencia máis antiga até agora documentada na poesía galega é de Francisco Añón, o autor da Serra de Outes, cun poema datado en 1861.
Eu soñey con ver n’a cume d’o Pindo,
Adornados de mirto e loureiros,
Escritores poetas guerreiros,
Que sorrindo se daban a man.
Porén, Francisco “Chisco” Fernández Naval e mais eu ben sabiamos que a unha obra así nunca se lle pode poñer a cancela definitiva. Nestes días de atrás Mario Maceiras, secretario de Monte Pindo Parque Natural, fíxonos chegar o poema «O cerro d’o Pindo» de Matías M. Escariz Méndez, que foi recuperado polo historiador amigo Luís Lamela no seu facebook (29 de marzo do 2016).
Teño escrito algún breve artigo sobre este párroco literato na edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia e tamén o teñen feito o amigo poeta Modesto Fraga e Xosé María Rei Lema, que escribiu un Dicionario de Escritores da Costa da Morte, mais a persoa que mellor coñece a biografía e a obra de Matías M. Escariz Méndez é sen dúbida a profesora e investigadora Xulia Marqués Valea, que compilou a maioría da súa obra (aínda sen publicar e que o Concello de Fisterra debería promover), e que tamén lle dedicou varias páxinas no volume A literatura galega no xornal “El Compostelano” : 1920-1946 (Santiago de Compostela: O Correo Galego, 1999).
Velaquí o poema «O cerro d’o Pindo» de Matías M. Escariz Méndez que foi publicado na emigración bonaerense, coa breve nota final que lle engadiu Luís Lamela, a quen lle agradecemos o seu inmenso labor de recuperación da nosa cultura e a súa xenerosidade.
O cerro d’o Pindo
Érguese podente, de picachos coroado,
cal xigante de pedra, máxico pantasma;
c’os seus brazos abertos, estricados,
que fan sofrir e retorcer a-y-alma.
O agreste són d’a beira mar salada
c’os seus pés bica chea de respeto,
vai morrendo queda, sosegada,
coma morre o corazón n’o peito.
Cár o sol a testa relumbrando
as nubes n’o curuto se apousentan
e antr-os penedos os celaxes buligando
asomellan o tolo rebuldar d’as fadas meigas;
a rayola d’o sol abrindo vereda n’as nubes
e chegando as pingotas d’a-y-augua
c’a luz brilando, trocaás en pelras
que fan d’o pantasma sua cabeleira.
Alá n’o fondo, a pé d’a montaña
acarón d’areeira alumeada
pol-os doces faros de Cée e de Fisterra
d’as Lobeiras e d’o pequeno Carrumeiro,
están as casiñas, cal pombas en ringleira
facéndolle a mole medoñanta, agarimeira.
¡Cerro d’o Pindo n’a antiguidá segredo,
po-l-os féros paganos adorado
coma santa deidá, monte sagrado,
cando miro para ti, téñote medo!
(Matías M. Escariz Méndez. Ex párroco de Duio-Fisterra, publicado en la revista Finisterre, órgano de la sociedad “Finisterre en América”, en julio de 1928)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Historia, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.