«Nocturno do poeta morto», na Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte (2006)

Lorca1
Nesta data de funesta memoria e nalgún lugar aínda a día de hoxe non localizado do barranco entre as vilas de Víznar e Alfacar onde pasearon a moitos, tamén foi asasinado Federico García Lorca polos franquistas. Sobre estes feitos e sobre este macabro lugar escribín hai dez anos un soneto a petición do profesor Xesús Alonso Montero, que foi publicado polo Pen Clube de Galicia e o Foro pola Memoria Republicana de Galicia no volume colectivo Homenaxe dos poetas galegos a Federico García Lorca contra a súa morte (2006). Velaquí aquel texto da miña autoría, no que hai un xogo literario con versos do propio poeta andaluz:
NOCTURNO DO POETA MORTO
Non haberá unha tarde máis lorquiana
pra revivir a dor que se revela,
hoxe chove tamén en Compostela,
no corazón, na pedra da Quintana.
O odio de natureza sobrehumana,
a lúa en sepulcral mudez de cela,
o sangue a debuxar vermella estela
de Víznar a Alfacar, Granada grana.
Eu sei que o teu perfil era tranquilo
na alba morte dun ceo sen reflexo,
herbas de prata o chan cobren e vexo,
silencio sen rubor de crocodilo,
o teu perfil na area aínda intacto
para o noso recordo, o noso tacto.
Lorca2

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.