No verán de 1992 na V Mostra de Teatro de Cee


(Artur Trillo, actor e director teatral, e eu propio, coa longa barba que adoitaba ter daquela. Foto de José Manuel Casal)
Novamente, a sección “Tal como éramos” da edición comarcal de Carballo de La Voz de Galicia reproduciu onte outra fotografía do verán de 1992 e ao pé inclúe algúns datos sobre a mesma: «O vindeiro verán a Mostra de Teatro de Cee celebrará as súas vodas de prata. Talía Teatro conmemorá 25 anos de moito traballo e seguro que recordará edicións coma a de 1992 (a quinta), cando o poeta Miro Villar e o director e actor Artur Trillo posaron cos carteis desa cita teatral».
En efecto, nos primeiros anos da devandita Mostra de Teatro de Cee, daquela organizada pola A. C. Domingo Antonio da Andrade, que presidía Xosé Cañizo e da que eu era o secretario, traballamos arreo en botar a andar esa magnífica idea que nos propuxo Artur Trillo. Naceu a Mostra, que axudou a crear un público teatral, e naceu o grupo de teatro amador ou afeccionado Talía, no que tamén durante anos fun axudante técnico a carón do incansable Víctor Trillo Sendón. Mesmo cheguei a facer un papel (que non creo digno de recordo) como actor na obra O crime de aldea vella (O crime de aldeia velha), do dramaturgo portugués Bernardo Santareno, e que polas súas dificultades escénicas só se representou en Cee e no vello cinema (hoxe inexistente) de Fisterra. Andando os anos tiven que deixar de colaborar con Talía, que se converteu nun grupo profesional do mellorciño do noso panorama teatral, como acreditan os seus premios María Casares recibidos polo propio Artur Trillo, verdadeira alma mater dos proxectos do grupo e da Mostra, ou por Toño Casais. Eles dous viven instalados no mundo teatral e eu celebro, xa como espectador, todos os seus éxitos. Eu optei pola Filoloxía, daquela na investigación universitaria, primeiro lingüística e logo xa literaria, na redacción das miñas Teses de Licenciatura, sobre o poeta muxián Xervasio Paz Lestón, e de Doutoramento, sobre o poeta laxense Antón Zapata García, así como na preparación de oposicións que me levaron a ser profesor na secundaria de Lingua e Literatura Galega. Outros activos membros do grupo tamén tiveron que irse afastando, como lle sucedeu ao poeta Estevo Creus Andrade, envorcado agora no labor da súa clínica de psicoloxía. Pasaron xa case vinte anos, continúo a ser espectador fiel do noso teatro, mais nesta bitácora quero renderlle gratitude e recoñecemento á figura de Artur Trillo Sendón, que alicerzou en min e tamén en moitísima outra xente un especial amor e querencia polo teatro. Saúde, compañeiro e mestre.

Esta entrada foi publicada en Historia, Lingua, Poesía, Teatro, Xornadas. Garda a ligazón permanente.