No Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil


O día 2 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de lembrar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor prolífico de contos infantís (e non só).
Pola miña banda, levo até hoxe publicados seis títulos de literatura infanto-xuvenil:
Carlota, a marmota que non podía durmir (Xerais, 2000); Carlota e a bota perdida (Xerais, 2002) e Carlota e a gaivota patiamarela (Xerais, 2006), todos tres ilustrados por Luís Castro Enjamio.

O nariz de Fiz (Deputación de Ourense, 2008), que ilustrou Lola Lorente.

A cobiza do verme Noel (Galaxia, 2011), que ilustrou Marta Álvarez Miguéns.

E Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012), que ilustrou Ana Santiso.
Así a todo, o meu achegamento á literatura infanto-xuvenil foi serodio e produciuse cando presentei o conto Carlota, a marmota que non podía durmir a un certame literario, sendo merecedor do XXIX Concurso Nacional de Contos Infantís convocado pola coruñesa A. C. O Facho en 1998, que tardaría aínda uns anos en ser ilustrado e publicado no catálogo de Xerais, no que na actualidade non aparece por se tratar dun libro esgotado hai anos. E aquí un bate coa incomprensión de ollar coma outros títulos da mesma colección foron reeditados e este aínda non, malia o interese de dous colexios públicos da Costa da Morte por traballar este texto nas aulas.
Aproveito para recuperar aquí unha breve recensión deste libro que escribiu o mestre (en todos os sentidos) Agustín Fernández Paz.
Revista Galega do Ensino-ISSN: 1133-911X- Núm. 30 – Febreiro 2001
O PRACER DE LER
Literatura infantil e xuvenil
Agustín Fernández Paz
Instituto Os Rosais II
Vigo
Título: Carlota, a marmota que non podía durmir
Texto: Miro Villar
Ilustracións: Enjamio
Colección: Merliño
Editorial: Edicións Xerais de Galicia. Primeiros lectores
Chega o inverno, o tempo de durmir ata que chegue a primavera. Pero a marmota Carlota ten un grave problema: a ela non lle vén o sono. Desesperada, vai pedir consello á Osa Rosa, ó Leirón Ramón, ó Castor Pastor… Pero as solucións que lle ofrecen non dan resultado, e Carlota está cada vez máis preocupada. Finalmente, será o Esquío Uxío quen lle dea o consello que a fará durmir.
Velaquí un álbum que merece tódalas loanzas. Tanto o texto de Miro Villar como as ilustracións de Enjamio teñen unha alta calidade. O texto é un conto rimado, rebordante de enxeño e humor, que se vai abrindo como unha inesgotable caixa de sorpresas. En canto ás ilustracións, resulta difícil expresar con palabras a imaxinación, brillantez e perfección técnica (mediante collages e ceras, principalmente) que Enjamio consegue neste álbum. Unha delicia de libro, e non só para os lectores máis novos.

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “No Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

  1. Pingback: As crebas » No 50 aniversario da Agrupación Cultural O Facho

Os comentarios están pechados.