Na colección de postais da asociación O Pendello


(©opendello. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
En palabras das persoas que a crearon, a asociación O Pendello (http://opendello.org/) «nace principalmente da ilusión dos seus promotores por dar vida a un proxecto que axude ás persoas a desenvolverse no manexo das novas tecnoloxías dun xeito diferente, nace da implicación e experiencia profesional dos seus promotores, da observación e análise da realidade rural galega neste eido, sentindo que é necesario apostar por novos procesos pedagóxicos de calidade, adaptados ás necesidades reais das persoas».
Os meus parabéns polo que puiden coñecer dese seu traballo. Así, na sección «que facemos» da súa páxina web atopamos até tres proxectos diferentes con cadansúa peculiaridade. O primeiro denomínase «A monte!» e fala de árbores que gardan historias. Aquí tiven a sorpresa de atopar, despois de moito tempo, á poeta Palmira Castro Marcote, da Casa Lestón do Sardiñeiro (Fisterra), e reproduzo unha das fotos que achega, en Santa Eulalia de Oscos (Asturias) no ano 2003. Alén diso, ofrece a seguinte explicación:
Árbores enviadas por Palmira
«Cando era ben rapaza, miraba as árbores cando ía no coche, e tentaba contalas, e así quedaba durmida no coche. Non viaxaba moito, aínda que si unha vez cada tres meses ía á Coruña, tiña que ir ao médico. Alí mentres esperaba consulta dibuxaba sempre, ou case sempre, o mesmo dibuxo, unha casa cun camiño e un monte detrás cunha gran árbore. Durante moitos, moitísimos anos, os meus debuxos estiveron pendurados da parede do materno infantil da Coruña, na sala de espera de neuroloxía infantil. Cando regresábamos de volta para Sardiñeiro, as árbores eran diferentes, e as cunetas estaban cheíñas de fietas cheas de alquitrán, eu sentía peniña por elas, e para compensalas, a miúdo pensaba nelas. Outra pregunta recurrente das miñas e sen resposta era por que os montes cheiraban tan ben se non tiñan unha nai que frejara neles…».

(©opendello. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O segundo proxecto é «feito a man», que recolle manufacturas de todo tipo, tecidos, madeira, etc.
E no terceiro proxecto, chamado «postais», atopamos ideas utópicas en postais que reflicten o día a día. Nunha delas, unha imaxe dunha fermosa creba que reproduzo no cumio desta anotación, aparece un verso da miña autoría: …nunca haberá cronistas para daren noticia do cotián milagre…
O verso fai parte do libro Gameleiros (Xerais, 2003) e velaquí tedes o poema completo:
11. “CHE”
No deserto que somos calquera pescador
é home que multiplica peixe e pan para os seus,
en completo silencio reinventa o evanxeo
segundo San Mateo. Nunca haberá cronistas
para daren noticia do cotián milagre.

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Lendas e mitos, Poesía, Roteiros, Tradicións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Na colección de postais da asociación O Pendello

  1. palmira di:

    Moitas grazas Miro por estas palabras, a verdade e que nos sorprendeu moitísmo vernos no blogue de outro, e aínda por riba, no teu, un pracer!
    Sen dúbida escolliches un dos textos que máis me gusta, o de camiño a Coruña!
    Teríamos uns centos de postais para facer cos teus versos, cos de Sechu Sende, ou cos de Estíbaliz Espinosa, sodes moi cracs como dicimos e opendello.
    Graciñas ,un bico enorme!

Os comentarios están pechados.