Na bitácora As escollas electivas


(Fotografía no XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos en Salamanca a primeiros de outubro do 2011. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Veño de participar, nomeado polo poeta Xoán Carlos Domínguez Alberte, nun proxecto singular de propostas poéticas que se denomina As escollas electivas (con bitácora de seu). Velaquí o texto que os dous autores da iniciativa Suso Díaz e Maripaz Paz escribiron «A modo de presentación»:
Hoxe, hai 100 anos que naceu o poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro e, nesta data tan sinalada, nace esta iniciativa poética As escollas electivas, coa idea de xunguir aos poetas contemporáneos de Galicia.
As escollas electivas é unha inciativa privada, inspirada noutros proxectos similares (que puxo en marcha o arxentino Alejandro Méndez), e que teñen como único fin amosar a poesía dos autores vivos galegos.
A Suso Díaz e Maripaz Paz, como contribuintes a este proxecto, móvenos o interese que temos pola poesía, e cremos que este é un bo medio para difundir a poética que se está a escribir no país, coa idea de que sexa divulgada e coñecidos os seus autores. É a nosa humilde aportación en prol da lingua, que é o horizonte que nos move, e o vieiro que non queremos perder como seña da identidade do noso pobo.
«Mais o lume que alampea / xamais o veredes morto».
Ate aquí a presentación. A serie inaugurouna Baldo Ramos, deseguida foi a quenda de Xoán Carlos Domínguez Alberte e en terceiro lugar, polo de agora, eu propio, que demorei bastante nas respostas ao inquérito.
Son os primeiros chanzos dun proxecto de visualización da nosa poesía ao que desexamos saúde e un longo percorrido vital na rede.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Entrevistas, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Na bitácora As escollas electivas

  1. asescollaselectivas di:

    Moitísimas grazas Miro por recoller no teu blogue unha reseña sobre “As escollas electivas”, e moitísimas grazas por formar parte desta familia poética. Apertas.

Os comentarios están pechados.