Na antoloxía A cidade na poesía galega do século XXI (edición de Gonzalo Vázquez)


Por volta da primavera do 2009 recibín un convite de Gonzalo Vázquez para facer parte dunha escolma de textos que tivesen a cidade como obxecto poético. Na miña obra teño demasiados poemas que teñen como espazo alguna cidade nosa ou europea, así que optei por xuntar un feixe deles e fíxenllos chegar ao antólogo para que fixese a escolla precisa para o seu traballo, con total liberdade.
Esa compilación xa chegou ás nosas librarías co título A cidade na poesía galega do século XXI, edición literaria de Gonzalo Vázquez, e que sae publicada na serie Esmorga (Escolmas) da Editorial Toxosoutos (na que en 1994 o meu libro de poemas xuvenís 42 décimas de febre inaugurou a colección Nume). A devandita antoloxía xunta textos de até 61 autoras e autores diferentes pertencentes a diversas promocións, sendo a máis veterana a poeta Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) e a máis nova Berta Dávila (Compostela, 1987). Canda estas dúas mulleres figuran, por orde alfabética, os seguintes poetas (dos máis deles tedes o seu perfil biográfico na páxina da AELG):
Xoán Abeleira, Marilar Aleixandre, Francisco Álvarez “Koki”, Anxo Angueira, Alicia Baña, Xosé María Álvarez Cáccamo (curiosamente no C de Cáccamo), Ramón Caride Ogando, Xosé Antón Cascudo Rodríguez, Yolanda Castaño, Xabier Cordal, Francisco Cortegoso, Marta Dacosta, Lois Diéguez. Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco X. Fernández Naval, Manuel Forcadela, Antom Fortes Torres, Modesto Fraga, Xavier Frías Conde, Luís González Tosar, Mero Iglesias, María Lado, Xavier Lama. Alfonso Láuzara, Xosé Antón Laxe Martiñán, Alberto Lema, Rafael Lema, Xulio López Valcárcel, Verónica Martínez Delgado, Ricardo Martínez Conde, Rosa Méndez Fonte, Alberte Momán, Carlos Negro, Isidro Novo, Andrea Nunes Brións, Olga Patiño Nogueira, Xabier Paz, Ugia Pedreira, Ánxeles Penas, Manuel Pereira Valcárcel, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, María do Cebreiro Rábade Villar, Baldo Ramos, Mario Regueira, Claudio Rodríguez Fer, Alfonso Rodríguez Rodríguez, Miguel Sande, Xosé Luís Santos Cabanas, Xavier Seoane, Francisco Souto Barreiro, Xosé Vázquez Pintor, Xabier Vila-Coia, Miro Villar, Xabier Xil Xardón e Isaac Xubín.
Alén dos poemas escollidos o libro tamén leva unha «Introdución» teórica do editor literario Gonzalo Vázquez na que sinala que «a tradición poética do tema da cidade quizais sexa tan antiga como a existencia (e quizais a preexistencia) destas, poesía e cidade», para logo facer unha panorámica sobre o topoi da cidade sobre todo na poesía europea contemporánea mais tamén na literatura universal e finalmente na nosa propia tradición literaria. Deste asisado e moi suxestivo prefacio, e coa autorización do seu autor, reproduzo uns parágrafos:
«Unhas tiras con formas de liñas temáticas, que nos poemas aquí recollidos, predominan o da cidade como destrutora do ser, como mecanismo alienante, por unha banda, e como hábitat de construción do ser civilizado por outra, que vén confirmar (paradoxalmente) a primeira. Noutros adóptase o poema como unha viaxe chea dunha “saudade moderna”, un querer volver á cidade propia, así como tamén a cidade testemuña, que observa o paso do tempo, e que mesmo se constrúe ao longo dos días.
Deste xeito a sensación de desarraigo, tamén se atopa entre moitas das presentes composicións, onde se encontran olladas dunha sociedade rural galega case idealizada, que transmite un discurso sobre a cidade como unha intensificación da conciencia, afastada desa nesa “vida nerviosa”, onde se produce ese ininterrompido intercambio de impresións, como un bastión da modernidade opresiva.
Ao fin, é predominante a visión dunha cidade como motor antropolóxico de cambio, de distorsión da percepción e uso do tempo mediante una conquista espacial, porque a cidade actúa como unha produtora de espazos virtuais (os non-lugares de Marc Augé) e, sobre todo, como un campo de cultivo para a flutuación de identidades colectivas».
Do feixe de poemas que lle enviei, Gonzalo Vázquez optou polos seguintes:
ESTE CORPO CIDADE DE HARMONÍA
Aqui, para que se abram os poros na floresta.
ANTÓNIO RAMOS ROSA
Este corpo cidade nace en algarabía
cada noite que chegas nimbada por odores
cálidos, que semellan ananás dos Açores,
para entrares espida na nosa apostasía.
Cada noite este corpo, cidade de harmonía
convulsiónase, branco, pálido de tremores
e réndese vencido polos teus dedos flores
que percorren felices a pel en cada estría.
De harmonía rebenta, coa lenta brevidade
de amármonos en labios secos e suorosos
que agora se recobren de líquidos acuosos.
Pálido de tremores, este corpo, cidade
de harmonía, rebenta cando acodes presta
aquí, para que se abran os poros na floresta.
(De Equinoccio de primavera)
9
PONT-AVEN (1886-1894)
Nada perdura
salvaxe e primitivo.
Foxe Paul Gauguin
10
PONT-AVEN (2007)
Mercado da arte,
Paul Gauguin enche crêpes,
rara atmosfera.
11
KEMPER (I)
Praza do pan
e praza da manteiga,
vellos sabores.
12
KEMPER (II)
Max Jacob íspese
nos dedos de Toulouse,
Cocteau, Picasso.
17
BER AG RAZ / POINTE DU RAZ (II)
Soño Ker-Is,
cidade asolagada,
e esperta Duio.
(De Breizh, próxima publicación)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía. Garda a ligazón permanente.