Moitos parabéns á Editorial Toxosoutos no seu XXV aniversario!


A fonda crise do mundo cultural está a levarse por diante moitas librarías e moitos selos editorias. Por esta razón énchenos de ledicia poder parabenizar á noiesa Editorial Toxosoutos polo seu XXV aniversario, ao tempo de lle agradecer a acollida no seu catálogo de dous títulos da miña autoría e doutros volumes colectivos nos que teño colaborado.
En febreiro recibín un convite do seu director editorial David G. Couso en calidade de autor presente no catálogo coa seguinte indicación:
Escribo este mail para pedir a túa colaboración. Toxosoutos cumpre 25 anos de traxectoria e gustaríame dedicar un espazo regular en FÍRGOAS á reflexión dalgúns autores e autoras. Poderías enviar un pequeno texto (máximo de 10 liñas) sobre a túa valoración sobre a editorial ao ter publicado nela? Agradezo de antemán a túa consideración.
As respostas das autoras e dos autores están a ser agora publicadas en Fírgoas, o blogue da editorial, que posúe un novo dominio. Entre elas figuran os parágrafos que escribín e que reproduzo tamén a seguir:
Miro Villar, dando que ler
Tamén eu son un autor da casa literaria de Toxosoutos. O 13 de decembro, día da Santa Lucía, que quita da noite e mete no día, ou pola Santa Lucía medra o día a pata dunha galiña (as dúas sentinllas dicir a miña nai), ollei os primeiros exemplares do meu poemario Breizh, que se mal non contei fai o número 89 da colección Nume, a día de hoxe dirixida polo filólogo ourensán David G. Couso, a quen agradezo a súa confianza na miña proposta poética.
A mesma colección Nume que inaugurou en 1994 outro libro da miña autoría 42 décimas de febre. Naquela altura o seu director era o lembrado e chorado escritor Xosé Agrelo Hermo (1937-2006), que tratei e co que estiven nunha homenaxe que se lle fixo en Esteiro antes de finar, aínda que nesa publicación tivo moito que ver o poeta Paco Souto que nesa altura traballaba para a editorial.
Son dúas razóns moi poderosas para sentirme da casa literaria de Toxosoutos, mais tamén como lector nos meus ateigados andeis hai unha boa restra de títulos de ensaio, narrativa e, sobre todo, poesía que levan impreso o carimbo da Editorial. Por todo isto, podo dicir ben alto: Parabéns a Toxosoutos no seu XXV aniversario!!! Saúde e mil primaveras máis de andaina editorial!!!
© Miro Villar
E velaquí a miña presenza no catálogo.
Obra individual:
42 décimas de febre (1994)
Breizh (2012)
Obra colectiva:
Tamén navegar. Escolma de poesía galega sobre carpintería de ribeira e embarcacións tradicionais (2011). Edición e coordinación de Francisco “Chisco” Fernández Naval.
Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (2013). Edición e coordinación de Francisco “Chisco” Fernández Naval e eu propio.
 

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.