Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2022

“MONCHIÑO”

Dous corazóns aniñan no peito mariñeiro,
un deles sempre é doce, malia ser augamar
salgada, con raíces no infinito do corpo,
e o segundo de pedra, que leva arterias cordas
e que ancora cada home no seu lugar do mundo.

De Gameleiros (2002)

Estamos a piques de lle poñer o ramo a este ano que, máis unha vez, trouxo novas doces e outras de máis amargor.

A pandemia do virus continúa a nos mudar o sorriso, a nos coutar os abrazos cálidos e fíxonos (re)inventar maneiras de nos escoitar.

Outro virus pandémico, o neofascismo insolidario e xenófobo, inza sen lle atoparmos vacina.

Porén cómpre saír(mos) do labirinto das augas revoltas para a vida.

E todos os desazos que houber teñen que mudar en azos de esperanza.

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade neste 2022 que se achega para ti e a túa xente!

*E máis unha vez botei man dunha fotografía de Manuel Álvarez que acompaña ese poema do libro descatalogado Gameleiros (Xerais, 2002). Sirva tamén para honrar a memoria inesquecible do amigo poeta, narrador e tradutor Darío Xohán Cabana que nos deixou o pasado 17 de novembro e que para min foi un mestre fundamental. Da súa obra déixovos este soneto de Patria do mar (1989), recollido na compilación Vinte cadernos (Poemas 1969-2002) (Xerais, 2003), ambos e dous tamén descatalogados, o que di moito do noso País.

ORACIÓN DE FISTERRA

Pedra final do mundo, promontorio
sentinela dos mares, sén cabeza
de ponte, sén indómita rudeza
do noso capturado territorio.

Sén emblema tribal de non declinio
do pasado esplendor, ouh fortaleza
de pedra, sén terquísima afouteza
de resistir o vento do exterminio.

Sénnos faro de heroica resistencia
contra morte e sereas cantadoras
que incitan a traidores sosegos,

sénnos fero redobre de conciencia,
pedra final do mundo que aseñoras
este mar tenebroso dos galegos.

Dedicatoria nos Vinte cadernos (Poemas 1969-2002)
Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta